DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 22 de maio de 2024 Páx. 30807

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR353C).

BDNS (Identif.): 762026.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2024 de subvencións para a contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para facilitar a mozas e mozos menores de 30 anos en situación de desemprego unha primeira experiencia profesional mediante contratos formativos (código de procedemento TR353C).

Segundo. Persoas empregadoras e empresas beneficiarias

Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.

Terceiro. Gastos subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de:

– Contratos para a obtención da práctica profesional

– Contratos de formación en alternancia.

Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.

O período durante o que se teñen que producir os contratos formativos para que sexan subvencionables comprende desde o 1 de decembro de 2023 ata o 15 de outubro de 2024.

Cuarto. Contía dos incentivos

A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:

a) Incentivo á contratación por cada persoa moza con contrato formativo de 12 meses a xornada completa:

– Nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.

– Nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.

– Nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.

b) Incentivo á formación: por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 50 horas:

– 1.700 € para formación presencial.

– 850 € para teleformación.

Quinto. Bases reguladoras

Orde do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR353C).

Sexto. Presentación de solicitudes e prazo

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2024.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración