DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 22 de maio de 2024 Páx. 30765

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR353C).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e de acordo co disposto no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

De acordo cos artigos 23 e 32 da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, as políticas activas de emprego deberán desenvolverse en todo o Estado, no marco dos instrumentos de planificación e coordinación da política de emprego, tendo en conta a carteira común e os servizos complementarios prestados polos servizos do Sistema Nacional de Emprego e as necesidades dos mercados de traballo locais, co obxecto de favorecer a colocación das persoas demandantes de emprego. Así, as comunidades autónomas están habilitadas para elaborar os instrumentos de deseño, planificación e coordinación da política autonómica de emprego, en coordinación coa Estratexia española de apoio activo ao emprego e o plan anual. O programa enmárcase dentro dos programas mixtos de emprego e formación regulados nos artigos 29 e seguintes do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema nacional de emprego (BOE núm. 233, do 29 de setembro).

A dificultade para adquirir unha primeira experiencia laboral significativa afecta ás persoas mozas, impide a súa integración temperá no mercado de traballo, o seu desenvolvemento profesional e, polo tanto, persoal. Esa falta de experiencia profesional relacionada coa formación cursada é unha das barreiras que teñen para acceder a un emprego cualificado, o que deixa as persoas mozas en desvantaxe respecto doutras persoas de máis idade.

Os incentivos para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas para persoas mozas menores de 30 anos responden á necesidade de proporcionarlles aos nosos mozos e mozas unha primeira experiencia profesional por medio no posto de traballo que lles permita ou ben mellorar as súas cualificacións profesionais (no caso daquelas persoas mozas que carezan de cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou o sistema educativo), ou ben adquirir a experiencia profesional necesaria para asegurar unha carreira profesional cunha evolución progresiva e ascendente dentro do mercado laboral galego. Adicionalmente, o programa quere dotar os mozos e as mozas galegas de competencias cruciais para desenvolverse adecuadamente na contorna laboral e para asegurar o seu progreso profesional: as competencias brandas. Segundo a OCDE, o noso mercado laboral carece, especialmente, de competencias tales como a resolución de problemas complexos, habilidades de comunicación verbal, asertividade ou habilidades de relación social, carencias todas elas que é frecuente atopar nas persoas mozas que queren acceder ao mercado laboral.

O programa de competencias brandas ao cal terán acceso as persoas mozas contratadas ao abeiro desta orde de axudas persegue precisamente que os nosos mozos e mozas teñan acceso a un programa de formación dentro do seu posto de traballo que os dote con ferramentas e habilidades transversais para desenvolverse de forma óptima na contorna laboral, e para mellorar a súa empregabilidade. A mellora das competencias brandas para o desempeño profesional das nosas persoas mozas facilitaralles non só un mellor desempeño profesional, senón tamén unha mellora na súa progresión profesional.

O procedemento de concesión non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións desta orde axustaranse ao disposto nesta orde e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Secretaría Xeral da Igualdade e da Intervención Delegada e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2024 de subvencións para a contratación por conta allea, que realicen as empresas e persoas empregadoras, para facilitar a mozas e mozos menores de 30 anos en situación de desemprego unha primeira experiencia profesional mediante contratos formativos (código de procedemento TR353C).

2. A convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, que lle faciliten a inserción laboral, dotándoas á vez de competencias para o emprego que as acompañen durante a súa vida laboral, coa finalidade última de proporcionar a estas persoas unha primeira experiencia no emprego, promovendo a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.

3. Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán subscribirse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 3.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse as seguintes normas: Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e ao disposto nesta orde.

2. No que resulte de aplicación axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. O importe máximo destinado á concesión de subvencións é de 4.191.915 €, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, a través dos créditos consignados na aplicación 44.04.322C.472.0, código de proxecto 2024 00081, correspondentes a fondos finalistas.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde está suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. O importe recollido no punto 1 poderá ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas e servizos en materia de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, e dunha transferencia de crédito, ao tratarse dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos de esta orde, entenderase por:

1. Persoa desempregada: aquela que estea inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación e que, á súa vez, careza de ocupación no día inmediatamente anterior á data de inicio de contrato, segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. Persoa moza: persoa maior de 16 anos e menor de 30 anos no momento da súa contratación.

3. Persoa moza desempregada sen cualificación: aquela persoa que, tendo menos de 30 anos no momento da súa contratación, careza da cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo, requirida para concertar un contrato en prácticas ou para o posto de traballo ou ocupación obxecto do contrato.

4. Contrato de formación para a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel de estudos: contrato realizado con persoas menores de 30 anos, que estivesen en posesión de título universitario (grao, máster ou doutorado) ou título de grao medio ao superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, conforme ao establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional. O posto de traballo deberá permitir a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos ou de formación cursados. Estarase ao disposto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

5. Contrato de formación en alternancia: contrato realizado con persoas menores de 30 anos que carezan da cualificación profesional requirida para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Terá por obxecto compatibilizar a actividade laboral retribuída cos correspondentes procesos formativos no ámbito da formación profesional, os estudos universitarios ou o catálogo de especialidades formativas do Sistema nacional de emprego. Estarase ao disposto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro o tempo de traballo efectivo que terá que ser compatible co tempo dedicado ás actividades formativas non poderá ser superior ao 65 por cento da xornada máxima prevista no convenio colectivo de aplicación na empresa ou, na súa falta, da xornada máxima legal.

6. Acción formativa: formación que se impartirá a través dunha entidade externa á persoa ou entidade solicitante, co obxecto de que a persoa traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que desenvolverá na empresa participante no marco deste programa.

7. Competencias brandas: combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional, que facultan as persoas para moverse pola súa contorna laboral, traballar xunto a outras persoas, facilitan as relacións humanas e permiten desenvolverse con éxito no ámbito laboral.

Artigo 6. Persoas empregadoras e empresas beneficiarias

1. Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, así como as entidades sen ánimo de lucro.

3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas empregadoras ou empresas en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria aquelas que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das persoas empregadoras ou empresas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable no anexo de solicitude.

Artigo 7. Persoas destinatarias finais

1. Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación para as dúas modalidades contractuais previstas:

a) Que teñan feitos os 16 anos e non superen os 30 anos no momento da contratación

b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato), preferentemente persoas paradas de longa duración, e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto ley 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

c) Que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización no que van ser contratadas.

2. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de obtención de práctica profesional deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

– Título universitario:

i. Grao universitario.

ii. Máster universitario.

iii. Doutoramento.

– Título de grao medio ou superior.

– Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.

– Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.

b) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres anos, ou dos cinco anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos. Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres meses, sen que se computen para estes efectos os períodos de formación ou prácticas que formen parte do currículo exixido para a obtención da titulación ou certificado que habilita esta contratación.

3. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de formación en alternancia deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:

a) Carecer da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.

4. Os requisitos recollidos nos puntos 1, 2 e 3 deste artigo serán tamén de aplicación para as persoas traballadoras con contratos preexistentes, de maneira que non serán subvencionables aqueles contratos en que non queden acreditados os ditos requisitos.

Artigo 8. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa:

– As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional.

– As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.

2. Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.

3. Serán subvencionables nas modalidades de contrato para a obtención de práctica profesional e de contrato de formación en alternancia tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude de axudas, sempre que se cumpran todos os requisitos recollidos nesta orde.

O período durante o que se teñen que producir os contratos formativos para que sexan subvencionables será desde o 1 de decembro de 2023 ata o 15 de outubro de 2024.

4. No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte días hábiles seguintes ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, o 15 de outubro de 2024.

5. Igualmente, serán subvencionables ao abeiro deste programa os incentivos á formación en competencias brandas de cada unha das persoas que sexan contratadas ao abeiro desta convocatoria cunha duración mínima de 50 horas.

6. O número máximo de contratos que se van subvencionar por cada persoa ou entidade solicitante establécese en 5.

Artigo 9. Exclusións

Quedan excluídas dos beneficios desta orde:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de persoas traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou do empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas, e contrate a un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. Os contratos realizados con persoas traballadoras que finalicen unha relación laboral de carácter indefinido na empresa solicitante ou noutra empresa do mesmo grupo, nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, excepto que a dita relación laboral finalizase por causa dun despido recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

4. Os contratos efectuados con persoas que xa foran contratadas ao abeiro das axudas establecidas na Orde do 1 de abril de 2022 e na Orde do 9 de agosto de 2023 (código de procedemento TR353C), excepto se posúen máis dunha titulación e sempre que o novo contrato permita a obtención de práctica profesional axeitada a un novo nivel de estudos ou de formación diferente ao tido en conta nas pasadas convocatorias.

Artigo 10. Contía das axudas

1. A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:

a) Incentivo á contratación por 12 meses a xornada completa:

a.1. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.

a.2. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.

a.3. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.

b) Incentivo á formación: por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 50 horas:

b.1. 1.700 € para formación presencial, IVE excluído.

b.2. 850 € para teleformación, IVE excluído.

2. As persoas mozas serán contratadas a tempo completo, ben na modalidade de obtención de práctica profesional ben de contrato de formación en alternancia durante un período mínimo continuado de 12 meses en ambos casos, salvo que se trate dunha substitución. A contía da subvención toma como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. O salario que percibirán as persoas mozas contratadas será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación requirida para o posto subvencionado.

3. A contía da axuda concedida aboarase ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias nun único pagamento, logo de presentada a documentación xustificativa establecida no artigo 25 desta orde.

4. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.

5. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa empregadora ou empresa beneficiaria.

6. Queda excluída do incentivo para a formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva á que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 11. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, así como das axudas concedidas en réxime de minimis.

b) Que ten domicilio fiscal e/ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Que cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de persoa empregadora ou empresa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Que coa presentación da solicitude acepta a subvención.

3. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2024.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras e supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa ou entidade beneficiaria dela.

5. Será causa de desestimación da solicitude non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), cando se actúe mediante representación, a acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna dela. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas empregadoras ou empresas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (TR353C) e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou empresa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Consulta do código conta de cotización.

e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

h) Consulta concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións.

j) Consulta concesións pola regra de minimis.

k) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

l) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos 12 meses da persoa traballadora contratada.

m) Certificado de inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación.

n) Consulta de títulos oficiais universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada.

ñ) Consulta de títulos oficiais non universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada.

o) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.

2. No caso de que as persoas empregadoras ou empresas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Do mesmo xeito actuarase no caso de oposición á comprobación de datos das persoas traballadoras contratadas.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou empresa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas empregadoras ou empresas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A persoa ou entidade beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control que correspondan e facilitará toda a información requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa estatal ou comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

5. A persoa ou entidade solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III. O dito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola cal se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farase constar na dita declaración responsable e consecuentemente presentaranse os documentos que os acrediten.

Artigo 14. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta.

Artigo 19. Procedemento para a concesión

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia non competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se tivera presentado a documentación completa requirida nestas bases reguladoras, ata esgotar o crédito.

4. Entenderase que a persoa solicitante desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda, continuando a tramitación para o resto das persoas contratadas.

Neste caso non resultará de aplicación o procedemento de substitución establecido para os supostos de baixas de persoas traballadoras con contrato subvencionado.

Artigo 20. Resolución

1. A competencia para a resolución dos expedientes das subvencións reguladas na presente orde correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, de acordo co establecido no Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, quen tras a fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

2. O prazo máximo de resolución e notificación será de dous meses contados a partir do día seguinte á presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa empregadora ou empresa beneficiaria e a contía da subvención. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa que as realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

4. Toda vez que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda deben cumprirse con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas asumidas pola persoa ou empresa beneficiaria se recollen nesta orde no artigo 28, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes computado desde o día seguinte á súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. No suposto de que unha solicitude de axudas comprenda varias contratacións e non exista crédito suficiente para atendelas a todas, poderase estimar parcialmente a solicitude e conceder a axuda para aquelas contratacións que exista crédito. Así mesmo, no caso de que o remanente de crédito existente sexa inferior ao importe que correspondería conceder segundo as contías establecidas no artigo 10, poderase conceder a axuda polo importe do remanente existente, logo da aceptación pola persoa ou empresa solicitante.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da persoa empregadora ou empresa beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Selección de persoas candidatas

1. A selección e a contratación das persoas mozas participantes no programa pode realizarse directamente pola persoa empregadora ou empresa beneficiaria, ou a través da presentación de oferta de emprego na oficina de emprego que corresponda.

2. En todo caso, as persoas mozas deberán ser contratadas por un período mínimo de 12 meses continuados, salvo que se trate dunha substitución, mediante a modalidade do contrato formativo para a adquisición de práctica profesional axeitada ao seu nivel de estudos ou mediante a modalidade de contrato de traballo de formación en alternancia, de acordo coa regulación prevista na lexislación laboral vixente no momento da contratación.

3. En todo caso, o centro de traballo deberá estar localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 23. Contratación das persoas traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras segundo o disposto nesta orde, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria procederá á súa contratación, ben na modalidade de obtención de práctica profesional ben de contrato de formación en alternancia e por un período mínimo continuado de 12 meses e a xornada completa en ambos casos, salvo que se trate dunha substitución que se estará ao disposto no punto 9 deste artigo.

2. Será a persoa empregadora ou empresa beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada cumpre os requisitos recollidos nesta convocatoria.

3. Os contratos subvencionados ao abeiro desta orde comenzarán no prazo máximo de 20 días hábiles desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución de concesión e, en todo caso, a data máxima será o 15 de outubro de 2024. Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá autorizar o inicio dos contratos con posterioridade ao dito prazo.

4. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria dará de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

5. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ás persoas traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir coa normativa laboral.

6. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse a través da aplicación Contrat@.

7. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria comunicará á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o inicio dos contratos no prazo máximo de 10 días hábiles desde o dito inicio, con indicación do número de persoas mozas contratadas, e presentará a documentación xustificativa para o pagamento recollida no artigo 25.

8. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro da axuda.

9. Cando se produza a extinción do contrato antes de que finalice o período de 12 meses, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá proceder ao reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora contratada, no que a persoa empregadora ou empresa beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego de 12 meses, por outra persoa moza que cumpra os requisitos establecidos nesta orde co mesmo tipo de contrato e de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención, ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional da subvención.

A persoa substituta deberá realizar integramente a formación en competencias brandas, prevista no artigo 24, sen que isto xere dereito a un incremento no importe da axuda concedida para este fin.

De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo do incentivo (12 meses), procederase á redución ou reintegro da axuda concedida polo importe proporcional correspondente.

Permítese unha única substitución da persoa contratada inicialmente.

Artigo 24. Actividades formativas en competencias brandas: programa de formación

1. A formación terá por obxecto a mellora e/ou adquisición de competencias profesionais brandas. Forma parte da solicitude (anexo I) un proxecto de formación sobre unha ou varias das seguintes temáticas (sen ánimo de exhaustividade):

a) Competencias brandas esenciais: traballo en equipo, resolución de conflitos, comunicación interpersoal, liderado.

b) Competencias brandas para o desenvolvemento profesional.

c) Intelixencia social e interacción positiva no traballo.

A persoa traballadora contratada compatibilizará durante a xornada laboral a formación en competencias brandas coa realización dun traballo efectivo nun centro de traballo da persoa ou entidade beneficiaria, de xeito que esta formación complemente a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral futura.

Esta formación en competencias brandas realizarase sen prexuízo da impartición da formación inherente aos contratos de formación en alternancia segundo se establece no artigo 11 do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, e demais normativa de aplicación.

2. Os centros en que se desenvolva a formación en competencias brandas deberán estar situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O programa de formación iniciarase en calquera momento desde o inicio do contrato e rematará como máximo o 29 de novembro de 2024. No prazo máximo de cinco (5) días hábiles desde o remate do dito programa de formación e como data máxima o 6 de decembro de 2024, deberá presentarse a súa xustificación, conforme o disposto no artigo 25.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá ampliar a data para o remate da formación.

Artigo 25. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no que lle sexa de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. O pagamento do incentivo á contratación farase efectivo dunha soa vez, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida: a contratación de persoas mozas, o que se xustificará mediante a presentación da documentación indicada no punto 6 deste artigo. A presentación da xustificación realizarase unicamente a través de medios electrónicos, dentro dos prazos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, con data límite de xustificación o 29 de outubro de 2024.

3. O pagamento da contía da subvención concedida correspondente aos programas de formación en competencias brandas (duración mínima de 50 horas), farase efectivo dunha soa vez, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida: a formación das persoas mozas contratadas, o que se xustificará mediante a presentación da documentación indicada no punto 7 deste artigo.

4. No caso de que se produza a substitución da persoa traballadora contratada, a contía da subvención concedida para a formación en competencias brandas non se verá incrementada.

5. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

6. Documentación xustificativa para o pagamento do incentivo á contratación.

a) Anexo II: declaración complementaria e actualizada, do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, en que se declara, así mesmo, que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas, (segundo o modelo do anexo III), no que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. Este documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento. No caso de contratos preexistentes non será preciso achegalo.

b) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 28.

O prazo máximo para a presentación da documentación prevista neste punto será de 10 días hábiles desde o inicio dos contratos e, en todo caso, rematará o 29 de outubro de 2024. A falta de presentación en prazo pode comportar a perda do dereito ao cobramento da subvención.

7. Documentación xustificativa da actividade formativa

Para a xustificación dos programas de formación en competencias brandas (duración mínima de 50 horas), deberase presentar a conta xustificativa simplificada conforme o artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A conta xustificativa simplificada presentarase no modelo do anexo IV desta orde, que incluirá:

– Declaración responsable das actividades realizadas.

– Declaración responsable dos pagamentos.

Xunto coa conta xustificativa simplificada (anexo IV) achegarase tamén un certificado das entidades formadoras da asistencia da persoa solicitante ao curso/actividade obxecto de subvención, onde conste o nome do curso/actividade, lugar e datas de realización, módulo e distribución de horas, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No caso de modalidade de teleformación indicaranse os resultados obtidos nos controis de aprendizaxe programados por cada un dos módulos polos que a persoa recibiu a formación e que permitan identificar se realizaron as probas, a data e hora en que se desenvolveu o control e o tempo empregado para o seu desenvolvemento, con indicación da súa cualificación, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia. Estes datos deben ser almacenados polo sistema de teleformación empregado para a execución da formación.

– Unha relación clasificada dos gastos da actividade ou actividades realizadas, con identificación do provedor e da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, que deberá efectuarse obrigatoriamente mediante transferencia ou ingreso bancario.

A persoa beneficiaria está obrigada a conservar toda a documentación e presentala de ser requirida para iso en calquera control financeiro posterior.

A documentación xustificativa da formación sinalada neste punto deberá presentarse no prazo máximo de cinco (5) días hábiles desde o remate da actividade formativa e, en todo caso, como data máxima o 6 de decembro de 2024.

8. A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función da xustificación presentada e de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

Artigo 26. Axudas concedidas baixo as condicións do réxime de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros nun período dos tres anos previos. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 40.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.

Artigo 27. Devolución voluntaria da subvención

1. No caso de que o contrato subvencionado se extinga antes de 12 meses, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria poderá devolver a axuda recibida na súa totalidade, ou nunha contía proporcional no caso de que extinción do contrato fose por baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora e non se optase pola substitución. A devolución deberá realizarse con carácter voluntario e sen o requirimento previo da Administración, conforme o disposto no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A devolución da axuda, farase mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención, procedemento TR353C.

En todo caso, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente (incluíndo o código do procedemento) e denominación da subvención concedida.

Artigo 28. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias

As persoas empregadoras ou empresas beneficiarias dos incentivos regulados nesta orde, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

2. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto na solicitude e na resolución de concesión, nesta orde e, de ser o caso, nos documento de instrucións operativas que se poida poñer á disposición das persoas ou entidades beneficiarias na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas persoas ou entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Comunicar a través da aplicación Contrat@, os contratos realizados no prazo máximo de 10 días desde que se realizan.

5. Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

6. Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

7. Obriga de mantemento do emprego: manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 12 meses, agás baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora, caso no que a persoa ou entidade beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego, por outra persoa moza, que cumpra os requisitos establecidos nesta orde e de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención, ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional calculada conforme se establece na letra h) do artigo 30.

Se as causas do incumprimento do mantemento do emprego son outras diferentes ás sinaladas no parágrafo anterior, procederá a devolución total do incentivo.

A contratación da persoa substituta comunicarase no prazo de 10 días desde que se produce, a través da aplicación Contrat@ e tamén mediante sede electrónica, ao órgano xestor da axuda.

A persoa substituta deberá recibir a formación en competencias brandas.

As baixas voluntarias ou falecementos deberán comunicarse por medios telemáticos ao órgano xestor das axudas no prazo de cinco (5) días desde que se produzan, achegando o motivo da baixa.

8. Levar a cabo o programa de formación en competencias brandas recollido no artigo 24, tanto para as persoas contratadas como para as substitutas, e facer chegar ás persoas traballadoras un certificado ou diploma segundo o previsto no artigo 31 desta orde.

9. Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión , á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

10. Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e colocar e manter durante un mínimo de 12 meses, un cartel, en cor e formato A3, nun lugar visible do centro de traballo segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.

11. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

12. Deberá manter no seu poder as autorizacións (ou a oposición) para a comprobación dos datos das persoas traballadoras obxecto de subvención, segundo o modelo do anexo III. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, deberá informar as persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:

– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.

– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.

– Do dereito de oposición que as asiste de que a Administración trate os seu datos, suposto en que deberá comunicar a súa oposición á Administración para os efectos oportunos.

13. Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou concesión doutras axudas.

14. Cumprir coas obrigas inherentes aos contratos formativos recollidas no Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo e/ou as obrigas recollida na lexislación vixente que regule estes contratos no momento da contratación.

15. Velar polo cumprimento de medidas que eviten a discriminación por razón de sexo ou de xénero no acceso ao emprego e procurar medidas de acción positiva para favorecer a contratación de mulleres mozas.

16. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Seguimento

1. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais procederá a realizar cantas comprobacións sexan precisas para verificar o cumprimento das obrigas recollidas nesta orde e poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais realizará, de oficio, para os efectos do seguimento das axudas, a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas e/ou á conta de cotización da persoa empregadora ou empresa contratante, deixando constancia documental do seu cumprimento no expediente.

Artigo 30. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Non proceder á devolución voluntaria da subvención segundo o previsto nos artigos 23.9, 27 e 28.7): reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

d) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 25: reintegro do 50 %; así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

e) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación establecidas no artigo 28: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a persoa empregadora ou empresa beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

g) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

h) No caso de incumprimento de mantemento do emprego por un período mínimo de 12 meses: reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora que procederá a devolución parcial da axuda concedida de non optar a persoa empregadora ou empresa beneficiaria pola substitución da persoa contratada, de xeito que a contía que se reintegrará será a que corresponda ao período en que o posto estivo vacante.

Igual criterio de reintegro parcial procederá no caso de que se realizase a substitución nun prazo superior ao establecido no punto 7 do artigo 28.

O cálculo do importe para devolver realizarase do seguinte xeito:

Primeiro. Divídese o incentivo polo número de días obrigatorios de mantemento de emprego (360 días).

Segundo. Calcúlanse os días desde que se produciu a baixa laboral ata a data en que se cumprirían 12 meses de contrato.

Terceiro. Multiplícase o resultado do punto primeiro polo resultado do punto segundo.

3. As obrigas do reintegro establecidas nos parágrafos anteriores enténdense sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 31. Acreditación da formación

1. A persoa ou empresa beneficiaria das axudas previstas nesta orde deberá expedir ás persoas participantes un certificado coa duración das prácticas realizadas, o posto de traballo ocupado, as principais tarefas realizadas e os contidos do programa de formación de competencias brandas realizado. Na sede electrónica da Xunta de Galicia estará dispoñible un modelo.

2. A cualificación ou competencia profesional adquirida a través do contrato para a formación en alternancia será obxecto de acreditación nos termos establecidos na normativa de aplicación.

Artigo 32. Comunicación de feitos constitutivos de fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Disposición adicional única. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta convocatoria, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file