DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 20 de maio de 2024 Páx. 30197

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 22 de abril de 2024, da Xerencia Municipal de Urbanismo, de aprobación inicial do Plan especial de infraestruturas e dotacións para o novo acceso ao colexio Párroco Don Camilo, en San Andrés de Comesaña.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo, na sesión ordinaria do 19 de abril de 2024, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Prestar aprobación, con carácter inicial ao «Plan especial de infraestruturas e dotacións para o novo acceso ao colexio Párroco Don Camilo, en San Andrés de Comesaña», instrumento urbanístico de iniciativa pública promovido por esta administración, conformado pola documentación técnica inserida no rexistro electrónico desta xerencia municipal de urbanismo con data do 5 de febreiro de 2024, documento número 240043224, e do 20 de febreiro de 2024, documento número 240063322, actualizada e refundida, achegada en soporte dixital, elaborada con data de xaneiro de 2024 polo arquitecto Ángel Jaime Santorio Cuartero.

Segundo. Someter a información pública o presente expediente, polo prazo de dous (2) meses, mediante a publicación de senllos anuncios no DOG, nun dos xornais de maior circulación da provincia, e na sede electrónica do Concello de Vigo, para os efectos de que durante o dito período poidan formularse alegacións e as suxestións pertinentes. O remate do referido prazo de alegacións computarase desde a data da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, e a Secretaría Xeral dilixenciará a documentación exposta, con notificación individual ás persoas titulares catastrais dos terreos afectados segundo a relación catastral incorporada ao expediente.

Durante o referido prazo recadaranse os informes sectoriais que resulten preceptivos, de conformidade coas características do ámbito e consonte a normativa urbanística e sectorial de aplicación; en todo caso, informe de estradas de Galicia por estar suxeita ás afeccións da estrada PO-552 de competencia autonómica, informe en materia de patrimonio (artigo 34 da LPCA).

Á vista do resultado dos trámites anteriores, resolverase sobre a procedencia de introducir no documento de modificación as rectificacións pertinentes cuxo alcance determinará, se é o caso, a oportunidade e procedencia dun novo trámite de información pública e requirimento de informes, artigo 144.12 RLSG.

Terceiro. O contido íntegro do instrumento inicialmente aprobado estará dispoñible no seguinte enderezo electrónico https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal#/, e no Portal de transparencia».

Para os efectos de dar cumprimento aos puntos segundo e terceiro da parte dispositiva deste acordo, a documentación íntegra aprobada inicialmente poderá consultarse na seguinte ligazón: https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal#/ e no Departamento de Información de Urbanismo, sito na planta baixa do edificio da Xerencia de Urbanismo (praza do Rei, s/n, Vigo), para a súa consulta e a presentación de cantos documentos ou escritos de alegacións xulguen convenientes.

* Poden poñerse en contacto co Departamento de Información de Urbanismo, para solicitar cita previa ou para resolver calquera dúbida ao respecto, no teléfono 986 81 03 49.

* Para presentar documentos ou escritos de alegacións poden solicitar, preferentemente, cita previa no Rexistro de Urbanismo, no teléfono 986 81 03 44.

Ante a eventualidade de que puidesen existir interesados descoñecidos neste procedemento, se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, a publicación do presente anuncio servirá de notificación co alcance e finalidade previsto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo da perceptiva publicación no Boletín Oficial del Estado.

Vigo, 22 de abril 2024

O alcalde
P.D. (Resolución do 4.7.2023)
María José Caride Estévez
Concelleira delegada da Área de Goberno de Urbanismo e Vivenda