DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 16 de maio de 2024 Páx. 29913

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

EXTRACTO da Resolución do 8 de maio de 2024 pola que se convocan catro bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas (código de procedemento PR770N).

BDNS (Identif.): 760703.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas que sexan naturais de Galicia ou fillos/as de galegos ou acrediten residencia en Galicia, mediante empadroamento, e que posúan o título académico necesario para a modalidade a que se presentan ou xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse finalizado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar tres (3) bolsas de formación dirixidas a persoas cun título universitario e unha (1) bolsa de formación dirixida a persoas cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea na oficina da FGE en Bruxelas.

Terceiro. Bases reguladoras

Ás bolsas convocadas por esta resolución seranlles de aplicación as bases reguladoras recollidas como anexo I da Orde do 12 de abril de 2024 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N).

Cuarto. Importe

O importe total da bolsa distribuirase da seguinte maneira:

– Retribución bruta (pagamento á persoa bolseira): 16.500,00 €.

– Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento á persoa bolseira): 500,00 €.

– Seguridade Social: 670,89 €.

– Seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica: 85,27 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024

Jesús Mª Gamallo Aller
Director da Fundación Galicia Europa