DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 13 de maio de 2024 Páx. 28598

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 2 de maio de 2024 pola que se determina a localización dunha nova estación fixa de inspección técnica de vehículos.

Os criterios polos que se regula, planifica e estrutura a rede de estacións de inspección técnica de vehículos en Galicia veñen fixados no Decreto 205/1994, do 16 de xuño, polo que se refunde a normativa vixente en materia de inspección técnica de vehículos.

A dita norma, no seu artigo 1.2, establece que a situación das estacións fixas será determinada por orde da consellería competente en materia de industria, procurando a total cobertura do territorio, atendendo aos criterios de economía e custo mínimo global do servizo para os usuarios –minimizando o desprazamento que os vehículos teñan que realizar para a inspección e distribuíndo, ao mesmo tempo, as estacións dun xeito equilibrado e lóxico dentro do territorio galego– e posibilitando o autofinanciamento das estacións.

O exercicio das competencias para determinar a localización dunha nova estación fixa de inspección técnica de vehículos correspóndelle á Consellería de Economía e Industria, a través da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, ao abeiro do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e de acordo co establecido no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en vigor mentres non se proceda ao desenvolvemento da estrutura da nova consellería.

A teor do exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Establecer a localización dunha nova estación fixa de inspección técnica de vehículos no concello da Coruña.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético para ditar as disposicións necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2024

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria