DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 13 de maio de 2024 Páx. 28721

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Os Codesás, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común dos Codesás, no concello de Forcarei (expediente RE23003).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, con respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Os Codesás, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común dos Codesás, no concello de Forcarei (expediente RE23003).

O 16.11.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emitiu o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 20.6.2023, con entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia número 2023/1821885, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) dos Codesás, no concello de Forcarei, solicita a revisión do esbozo parcial do monte Os Codesás (ID 2710) para poder continuar coa tramitación de deslindamento que solicitou coa CMVMC de Soutelo, no concello de Forcarei (DC23001). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE23003.

Constan no expediente:

– Memoria técnica asinada polo enxeñeiro técnico forestal colexiado número 296 do COETFG.

– Certificado do secretario do 18.6.2022, coa conformidade do presidente, da aprobación do deslindamento con Soutelo e o esbozo nas partes afectadas polo deslindamento, na asemblea do mesmo día.

– Cartografía en formato dixital.

Realízase a revisión parcial do esbozo dos Codesás para poder aprobar o deslindamento que a CMVMC de Soutelo ten coa CMVMC dos Codesás, xa que segundo a memoria e a cartografía presentada esta parcela está desprazada.

Tomáronse para esta revisión as parcelas catastrais que pertencen ao monte e a descrición dos límites que se nomean na carpeta ficha.

No seguinte cadro aparecen as parcelas catastrais e a superficie afectada por esta revisión parcial, que como se pode comprobar coincide exactamente coa catastral, excepto no camiño (36018A05109001) e na parcela 36018A25400963, xa que, segundo se explica na memoria, a parte norte son predios particulares definidos mediante valado.

Parcela catastral

Sup. catastral (ha)

Afección (ha)

36018A05109001

0,13

0,09

36018A25400963

2,89

1,01

36018A25400964

1,41

1,41

36018A25400966

1,77

1,77

36018A25400967

0,15

0,15

36018A25400968

0,40

0,4

36018A25400965

0,19

0,19

Segundo. Realizouse unha revisión parcial do monte con ID 2710, clasificado o 25.5.1976, cunha superficie total de 26 ha, que queda despois desta revisión parcial cunha superficie de 24,78 ha.

O monte con ID 2710, segundo a clasificación, consta de dúas parcelas: unha cunha superficie de 20 ha, que non se revisa, e outra de 6 ha, obxecto desta revisión.

Na parcela revisada modifícase tanto a superficie de 5,01 ha (fronte a 6 ha) como a situación (a parcela realmente encóntrase máis ao norte e linda co resto do monte).

A descrición de todo o monte dos Codesás, segundo o indicado na memoria técnica, queda definida do seguinte xeito:

Monte: Os Codesás.

Superficie: 24,78 ha.

Linde norte: MVMC de Badaolo.

Linde sur e leste: propiedades particulares.

Linde oeste: MVMC de Soutelo e MVMC de Sanguñedo.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal, non consta superficie de xestión pública nin actos de disposición no MVMC que modifiquen a superficie de clasificación. Tampouco dispón dun instrumento de ordenación inscrito no Rexistro Público de Montes Ordenados de Galicia.

Terceiro. O 2.10.2023, o Xurado do MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC Os Codesás (Forcarei), expediente RE23003, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitarlle á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á Comunidade Veciñal de Montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo Xurado, porase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles persoas interesadas.

4. Unha vez aceptada a revisión, poderase realizar a marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, porase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade das persoas interesadas de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión parcial do esbozo do monte Os Codesás, proposta polo Servizo de Montes, é a presentada pola CMVMC dos Codesás (Forcarei), e queda definido consonte os datos reflectidos no feito segundo, e a planimetría que consta no expediente».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Os Codesás, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión parcial do esbozo do monte veciñal Os Codesás, clasificado a prol da CMVMC dos Codesás (Forcarei), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.

Pontevedra, 29 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra