DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 13 de maio de 2024 Páx. 28717

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 25 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Delás, no concello de Lobios.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón, pertencente á CMVMC de Delás, no concello de Lobios, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Delás presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2392563) de revisión parcial de esbozo do MVMC Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón, no concello de Lobios.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 18.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 26 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro estremeiro con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón, unha vez revisado o esbozo, resulta de 33,86 ha.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e cos fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 26 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Rotea, Rozadas, Lamagueiro, Costa e Rocegón, pertencente á CMVMC de Delás, no concello de Lobios.

Ourense, 26 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense