DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28427

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 8 de maio de 2024 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado na Orde do 28 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2024/25 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

O día 13 de marzo de 2024 publicouse no DOG núm. 52, a Orde do 28 de febreiro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro, interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2024/25 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

Segundo o establecido no artigo 7.5, o prazo para a presentación de solicitudes era de 60 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que remata o 13 de maio de 2024.

O artigo 3 da convocatoria establece que as persoas destinatarias son a cidadanía galega residente no exterior que cumpra co disposto no artigo 4.

Tendo en conta a data de remate do prazo de presentación de solicitudes e as persoas destinatarias, que son residentes fóra de España e teñen que cumprir trámites no estranxeiro, resulta aconsellable, para promover e facilitar a súa participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria.

Polo exposto,

DISPOÑO:

1. Modificar o prazo de presentación de solicitudes ata o día 12 de xuño, incluído, polo que resulta ampliado en 30 días naturais o prazo regulado no artigo 7.5 da citada orde.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional