DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 8 de maio de 2024 Páx. 28273

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo dos montes veciñais denominados montes de Budiño da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Budiño, no concello de Salceda de Caselas (expediente RE22023).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada dos montes veciñais denominados «montes de Budiño» da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Budiño, no concello de Salceda de Caselas (expediente RE22023).

O 6.12.2023, o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 14.9.2022 e número 2022/2264911, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Budiño solicita a revisión do esbozo dos montes «montes de Budiño». A dita solicitude deu lugar a apertura do expediente RE22023.

Consta no expediente:

– Proposta para a revisión do esbozo da carpeta ficha do MVMC de Budiño, Salceda de Caselas, Pontevedra. Setembro de 2022. Asinado pola enxeñeira técnica forestal núm. 883 do COETFG e modificada en decembro de 2023.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Budiño do 18.6.2023 da aprobación en asemblea do 18.6.2023.

– Cartografía en formato dixital.

Segundo a memoria técnica levouse a cabo un levantamento topográfico das parcelas con GPS de precisión en que se percorreu todo o perímetro con membros da xunta reitora da CMVMC de Budiño e se identificaron muros e marcos que separan os doutras propiedades particulares e MVMC.

Segundo a memoria achegada os «montes de Budiño» quedan descritos como: Seixo Branco, Monte Ameixeira, Chan do Monte e Monte das Pedras.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é o MVMC dos «montes de Budiño» co ID 3104. A superficie inicial clasificada segundo a Resolución do 5.12.1980 é de 57,00 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal non consta superficie de xestión pública e dispón dun instrumento de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360268 e vixente ata o ano 2031. Consta o expediente do trazado do gasoduto que non se reflexa na proposta remitida pola comunidade.

Terceiro. A superficie total da revisión do esbozo achegada é de 58,59 ha e un perímetro revisado con propietarios particulares de 14,15 m, segundo a proposta de revisión do esbozo achegada e o indicado na memoria técnica queda definido do seguinte xeito:

Nome: montes de Budiño.

Superficie: 58,59 ha.

Linde norte: termo municipal do Porriño.

Linde sur: termo municipal de Tui.

Linde leste: montes de Parderrubias e Soutelo.

Linde oeste: termo municipal do Porriño.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Budiño (Salceda de Caselas), expediente RE22023, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais que, en todo caso, se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo dos montes «montes de Budiño» proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Budiño e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a documentación achegada».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo dos montes veciñais denominados «montes de Budiño» e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo dos montes veciñais denominados «montes de Budiño» clasificados a prol da CMVMC de Budiño (Salceda de Caselas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 22 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra