DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 6 de maio de 2024 Páx. 27823

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

EXTRACTO da Resolución do 17 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Torroña I e se cancela a garantía económica depositada por Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede (expediente IN408A 2020/24).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 17 de abril de 2024 pola que se arquiva o expediente do parque eólico Torroña I e se cancela a garantía económica depositada por Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Denegar a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) das instalacións do parque eólico Torroña I, sito nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño (Pontevedra) e promovido por Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 13.2.2024.

Arquivar o expediente do parque eólico Torroña  I (expediente IN408A 2020/24).

Proceder á devolución da garantía depositada por Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. o 8.11.2019 por importe de 912.000 € e número de rexistro 1343/19, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede do parque eólico Torroña I.

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

O 7.2.2020, Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública, en concreto, e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto denominado parque eólico Torroña I.

Así mesmo, con carácter previo, o 8.11.2019 Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 912.000 € e número de rexistro 1343/19, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede do parque eólico Torroña I.

O 15.5.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos da súa solicitude, e o 29.5.2020 a promotora achegou xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

O 16.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, solo urbano e urbanizable sobre os informes sectoriais preceptivos relativos ao proxecto sectorial.

O 9.3.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, unha vez finalizado o período de consultas, achegou informe sobre o alcance e nivel de detalle do estudo do impacto ambiental que elaborará a promotora.

O 19.9.2021, Desarrollos Renovables del Norte, S.L.U. presentou unha solicitude de modificación substancial para o parque eólico consistente, de forma xeral, no desprazamento da posición do aeroxerador A1.1.

O 23.12.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

O 18.1.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada na disposición transitoria sétima da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

O 17.3.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Torroña I á Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (en diante, Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

Mediante a Resolución do 24 de xaneiro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), en concreto, das instalacións do parque eólico Torroña I, situado nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño, provincia de Pontevedra (DOG núm. 44, do 3 de marzo).

Durante o período de información pública presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial solicitou a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral para os que a empresa promotora presentou a correspondente separata do proxecto de execución.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello de Oia, Concello de Tomiño, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Sociedade Galega de Historia Natural.

O 13 de febreiro de 2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Torroña I, que a fixo pública mediante o Anuncio do 19 de febreiro de 2024 (DOG núm. 42, do 28 de febreiro).

O 12.3.2024, esta dirección xeral notificoulle ao promotor o inicio do procedemento de arquivamento de expediente, abrindo o trámite de audiencia do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O 26.3.2024, a promotora achegou escrito non formulando oposición ao antedito acordo.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais