DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 30 de abril de 2024 Páx. 26711

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 24 de abril de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal da empresa Ambulancias do Atlántico, S.L., que presta o servizo de transporte sanitario no ámbito da Área Sanitaria de Vigo, os días 2 e 3 de maio de 2024.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa traballadora o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e nas competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación de asistencia sanitaria non pode verse afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.

O transporte sanitario é un servizo que prestan as administracións e estruturas públicas que integran o Sistema Nacional de Saúde, de acordo co establecido no artigo 19 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde.

En desenvolvemento do dito precepto, o Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización, inclúe no seu contido a prestación de transporte sanitario, precisando que deberá ser accesible ás persoas con discapacidade e definíndoa como o desprazamento de doentes por causas exclusivamente clínicas cuxa situación lles impida desprazarse nos medios ordinarios de transporte. Esta prestación tamén está regulada, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario (DOG núm. 69, do 14 de abril).

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo teñen contratada coa empresa Ambulancias do Atlántico, S.L., respectivamente, a prestación do servizo de transporte sanitario urxente e a prestación do servizo de transporte sanitario non urxente, tanto ambulatorio como hospitalario, e o hospitalario urxente no ámbito territorial da citada área sanitaria.

As organizacións sindicais Comisiones Obreras (CC.OO.), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Unión Sindical Obrera (USO) comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o persoal da empresa Ambulancias do Atlántico, S.L. que presta servizos nos centros de traballo da Área Sanitaria de Vigo. A folga desenvolverase os días 2 e 3 de maio de 2024, desde as 00.00 ás 24.00 horas.

Para a fixación dos servizos mínimos óptase nesta orde por reiterar os criterios reitores que xa foron aplicados por esta consellería en anteriores folgas do mesmo ámbito. Os ditos criterios, que son de público coñecemento logo da publicación de distintas ordes no Diario Oficial de Galicia, teñen por finalidade garantir unha actividade mínima, en función do risco e das características das diversas dependencias, respecto daquela que se realiza con carácter habitual.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos segundo os criterios que se establecen nesta orde.

2. O ámbito da folga abrangue:

1) Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia-061 a través da RTSUG (Rede de transporte sanitario urxente de Galicia). O servizo préstase mediante:

– Ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA), é dicir, ambulancias tipo C concertadas pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se corresponden cun total de 2 unidades (1 medicalizada e 1 con persoal de enfermaría), situadas nunha base. O horario do servizo é de 24 horas para a AA-SVA medicalizada e de 12 horas para a AA-SVA con persoal de enfermaría.

– Ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB), é dicir, ambulancias tipo B concertadas pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se corresponden cun total de 8 unidades, situadas 6 en Vigo (3 cun horario de 24 horas e as outras a 14 horas), 1 en Cangas (24 horas) e 1 en Moaña (24 horas).

O número de bases para a Área Sanitaria de Vigo é de 4, con 10 vehículos.

2) Transporte sanitario non urxente, tanto ambulatorio como hospitalario, e o hospitalario urxente organizado e xestionado polo Servizo Galego de Saúde por medio da Dirección da Área Sanitaria de Vigo. Con carácter xeral, as modalidades de transporte sanitario que inclúe esta prestación son:

a) Transporte programado: traslados de persoas enfermas ambulatorias aos centros sanitarios.

b) Transporte hospitalario: prevense os ingresos hospitalarios, as altas hospitalarias, traslados interhospitalarios para a realización de consultas, probas e/ou tratamentos, os traslados interhospitalarios para ingresos hospitalarios e o transporte interhospitalario urxente.

c) Traslados entre comunidades autónomas.

3) Outros servizos de transporte sanitario que preste a empresa para persoas enfermas ou accidentadas na área sanitaria, non incluídos nos puntos anteriores.

Co fin de garantirlles o servizo de transporte sanitario ás persoas protexidas polo Servizo Galego de Saúde, contrátanse unha serie de recursos á disposición das distintas xerencias de área sanitaria, por non dispoñeren de recursos materiais e humanos de seu que lles permitan realizar a prestación deste servizo nas condicións regulamentariamente establecidas. De maneira que as necesidades do transporte sanitario así xestionado se canalizan mediante sucesivos contratos de xestión de servizos públicos, cuxa cuantificación se realiza dun xeito aproximado ou estimado, pois a demanda está subordinada ás necesidades reais en cada área.

En concreto, os servizos anuais estimados no contrato para a Área Sanitaria de Vigo cífranse en 250.000.

Para atender este número estimado –e sen prexuízo de que, de sobrevir unha demanda superior á calculada, deberá abordarse mediante o incremento da correspondente dotación–, nos pregos que rexen a contratación, a Administración fixou o parque móbil para o ámbito da Área Sanitaria de Vigo nun total de 75 vehículos de transporte sanitario dispoñibles: 9 do tipo A1, 62 do tipo A2 e 4 do tipo C.

Unha vez exposta a dotación de vehículos, cómpre fundamentar o número dos que resultarán necesarios para garantir os servizos básicos durante a folga, realizando un cálculo dos traslados e servizos de transporte sanitario que poidan resultar inaprazables na área sanitaria.

Para tal fin empregáronse as ferramentas informáticas que rexistran as prescricións de ambulancias, consignadas de forma telemática, nas xerencias do organismo.

Nese senso, a media diaria de desprazamentos comunicados polas empresas contratadas nos diferentes tipos de vehículos sanitarios –e realizados polas devanditas causas inaprazables no dito período– cífrase nuns 350 na Área Sanitaria de Vigo.

Así pois, a dotación de ambulancias e vehículos de transporte sanitario que o Servizo Galego de Saúde precisa na Área Sanitaria de Vigo como servizo esencial para os días da folga, tendo en conta os criterios reitores que logo se expresarán, xuntamente co feito do solapamento das quendas de funcionamento destas ambulancias, require dun total de 47 vehículos (8 A1, 35 A2 e 4 C).

3. A RTSUG está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia e sobre a base de que poden acontecer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade. En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

O resto dos traslados que se consideran como esenciais, para os cales é necesario establecer o 100 % dos servizos solicitados, xustifícanse no suposto do transporte interhospitalario cando as persoas enfermas estean nunha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde, así como o traslado ao centro hospitalario das patoloxías tempo-dependentes que, de non seren tratadas nun curto prazo de tempo, poden comportar un risco para a vida do/da paciente ou o seu estado funcional posterior, tal como se reflicte en programas como o Código Ictus, Código Sepse, Progaliam ou calquera outro programa de patoloxías tempo-dependentes, ademais dos casos de atención a pacientes críticos (como politraumatizados ou neurocirúrxicos).

Resulta necesario o 100 % dos servizos solicitados nos supostos en que a morbilidade e o prognóstico de determinados/as pacientes poden agravarse de forma significativa se se modifica a planificación asistencial. A historia natural de moitas enfermidades graves, como a insuficiencia renal crónica ou os procesos oncolóxicos, pode evitarse dando a resposta máis áxil posible. Dada a gran variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o criterio da/do facultativa/o responsable da asistencia do/da doente. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria inaprazable nos casos de urxencia e que debe prestárselles ás persoas usuarias para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías, tanto no transporte interhospitalario, como nas consultas externas urxentes e probas diagnósticas do mesmo carácter.

Será en todo caso necesario manter os recursos de ambulancia imprescindibles para o traslado de pacientes con alta hospitalaria e traslados intercentros, cando exista imposibilidade física ou causas clínicas que impidan ou incapaciten o/a paciente para a utilización de transporte ordinario, segundo o criterio do profesional médico prescritor. No caso de Galicia, as persoas inmobilizadas, definidas como aquelas cun índice de Barthel inferior a 35 puntos, son preto de 21.000 (o que supón o 0,77 % do conxunto da cidadanía galega). De non garantirse un medio de transporte ao domicilio para estas persoas, obrigaríaselles a permanecer retidas nun centro hospitalario de forma innecesaria e por un período superior ao razoablemente establecido en virtude da súa patoloxía, con afectación, asemade, doutros dereitos fundamentais como a libre circulación. O mesmo acontece con aquelas persoas que deben realizar un traslado intercentros para a realización de probas diagnósticas ou terapéuticas que, sen o concurso dunha ambulancia, non se poderían desprazar, comprometendo a súa saúde de non realizarse o dito traslado.

É preciso engadir, por maior fundamento da necesidade de garantir os servizos esenciais afectados por esta folga, que o Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario en Galicia, establece a necesidade deste tipo de transporte non só para o traslado de persoas accidentadas ou enfermas en que concorran situacións de urxencia que impliquen un risco vital ou un dano irreparable para a súa saúde, senón tamén cando padezan unha imposibilidade física ou outras causas clínicas que lles impidan ou incapaciten para utilizar os medios de transporte ordinario para desprazarse a un centro sanitario ou ao seu domicilio, logo de recibir a asistencia.

Cómpre ter en conta, ademais, que a atención sanitaria urxente no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo se realiza no servizo de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, desde o cal se tramitan os ingresos, tanto do propio centro como dos que se realizan no Hospital do Meixoeiro. Así pois, tendo en conta a duración da folga e co obxecto de evitar unha afectación grave da asistencia urxente na Área Sanitaria de Vigo, é necesario establecer servizos mínimos para efectuar os traslados daqueles/as pacientes que, polo seu estado de saúde, requiren de ingreso desde o dito servizo, así como garantir a atención daqueloutros/as doentes que poidan acudir ao centro sanitario, xa que, de non se realizaren os traslados, podería provocarse o colapso do servizo de urxencias, que quedaría, xa que logo, imposibilitado para dar resposta á atención urxente da poboación da área sanitaria.

En consecuencia, os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a cobertura asistencial necesaria respecto do transporte sanitario a través da empresa afectada pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde da cidadanía.

Os citados servizos mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ás persoas enfermas e accidentadas, que baixo ningún concepto poden quedar desasistidas, dadas as características do servizo dispensado.

4. Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida, en consonancia coa anterior fundamentación, son os seguintes:

1) Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e do transporte interhospitalario urxente.

2) O 100 % dos servizos de transporte para enfermos/as que requiran tratamentos continuados de oncoloxía –o que inclúe a aplicación de radioterapia, quimioterapia, diálise e asistencia en hospital de día–, o transporte interhospitalario inaprazable, as consultas externas urxentes e as probas diagnósticas urxentes.

Inclúese nesta epígrafe, polo seu carácter clínico inaprazable, o traslado dos/das pacientes ingresados/as por algún dos procesos cualificados como de prioridade 1 nos protocolos asistenciais das xerencias de área sanitaria, de acordo co establecido no Decreto 105/2017, do 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas (en particular, procesos oncolóxicos, patoloxías severas de válvulas cardíacas, aneurismas cerebrais, obstrucións ou estenoses arteriais graves, desprendementos de retina e hidrocefalias), incluídos os traslados interhospitalarios para probas diagnósticas, consultas ou cirurxías.

Considérase igualmente inaprazable, segundo a priorización que, así mesmo, se estableza no protocolo da xerencia da área, o traslado das altas hospitalarias das persoas ingresadas e afectadas por enfermidades que cursen con inmunosupresión, para as cales o risco de permaneceren ingresadas nun centro hospitalario é elevado; sendo, pola contra, prioritario o traslado ao seu domicilio, debido ao estado de inmunodeficiencia que presentan.

En suma, deben aplicarse os recursos necesarios para garantir os traslados dos/das pacientes da área sanitaria que, por razóns do seu estado de saúde e por prescrición facultativa, requiran de traslado ao seu domicilio ou interhospitalario, tanto para o ingreso como para a realización de probas diagnósticas ou terapéuticas, e que sen o concurso dunha ambulancia no poderían levarse a efecto, co conseguinte risco para a súa vida ou de agravamento do seu estado de saúde.

Con base no anterior, acórdase que o número de vehículos de transporte sanitario xestionado pola Área Sanitaria de Vigo como servizo esencial para as xornadas de folga, sexa dun total de 47 vehículos: 8 A1, 35 A2 e 4 C.

Así mesmo, no anexo desta orde recóllense as bases e o número de recursos da RTSUG xestionados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

Estes criterios reitores serán aplicables aos servizos prestados no eido da sanidade privada e, en particular, no caso de ter concertada a prestación pública sanitaria do Servizo Galego de Saúde no ámbito da Área Sanitaria de Vigo.

5. Os vehículos que, consonte o disposto, resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos, contarán coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente e, en particular, no anexo II do Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada, e establecerase a súa xornada e o horario de traballo.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro ou entidade con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos –que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio– será determinada pola dirección da empresa e notificada aos/ás profesionais designados/as.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos establecidos serán considerados ilegais para os efectos do artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos servizos e establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Bases e número de recursos da RTSUG precisos para cubrir
os servizos mínimos durante a folga

Municipio

Bases

Recursos (ambulancias)

Cangas

1

1 AA-SVB 24 h

Moaña

1

1 AA-SVB 24 h

Vigo

2

1 AA-SVA medicalizada

1 AA-SVA con enfermaría

3 AA-SVB 24 h

3 AA-SVB 14 h

Total: 4 bases/10 ambulancias