DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 26 de abril de 2024 Páx. 26343

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Lugo

ANUNCIO do trámite de información pública do proxecto de construción de ponte sobre o río Azúmara, ensanche e mellora da LU-P-1611 cinturón comarcal do punto quilométrico 106+500 ao punto quilométrico 107+887. Pol-Castroverde.

O órgano competente desta deputación tomou en consideración o proxecto da obra:

Construción de ponte sobre o río Azúmara, ensanche e mellora da LU-P-1611 cinturón comarcal do p.q. 106+500 ao p.q. 107+887. Pol-Castroverde.

Expediente GTM: 2022/CON_02/000069.

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo, en sesión ordinaria que tivo lugar o 12 de decembro de 2023, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«... Proposta de aprobación, se procede, da estimación parcial das alegacións do recurso de reposición ao expediente de expropiación forzosa para a realización das obras do proxecto de construción de ponte sobre o río Azúmara, ensanche e mellora da LU-P-1611 cinturón comarcal do p.q. 106+500 ao p.q. 107+887. Pol-Castroverde. Logo de ver a proposta da Presidencia, do seguinte teor:

«O 24.11.2023, co número de rexistro de entrada 2023RT017999, Alicia Seijas Eiras, actuando no seu propio nome como sucesora de José Seijas Domínguez e en interese dos herdeiros de José Seijas Domínguez, presentou un recurso potestativo de reposición contra os seguintes actos:

(i) Aprobación definitiva do proxecto de construción de ponte sobre o río Azúmara, ensanche e mellora da LU-P-1611 cinturón comarcal do p.q. 106+500 ao p.q. 107+887. Pol-Castroverde, aprobado pola Xunta de Goberno do 7 de outubro de 2022; e (ii) aprobación definitiva do anexo de expropiación do citado proxecto polo Acordo da Xunta de Goberno do 20 de outubro de 2023.

Ante isto, maniféstase o seguinte:

1. Con relación á aprobación definitiva do proxecto de construción:

O artigo 21.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, afirma textualmente o seguinte: «O trámite de información pública en materia de estradas levarase a cabo durante un prazo mínimo de trinta días hábiles».

O artigo 49.4 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, e que desenvolve o artigo 21 da citada lei, di textualmente:

«(…) En ningún caso terán a consideración de novas estradas as duplicacións de calzada, os acondicionamentos de trazado, os ensanches da plataforma, as melloras de firme, (…)».

Ao non estar contidas en ningunha das clasificacións anteriores as obras previstas no proxecto de construción de ponte sobre o río Azúmara, ensanche e mellora da LU-P-1611 cinturón comarcal do p.q. 106+500 ao p.q. 107+887. Pol-Castroverde, terán a clasificación de nova estrada, polo que procede a exposición ao público de novo do citado proxecto por un prazo de trinta días hábiles.

En cumprimento do Acordo da Xunta de Goberno, do 12 de decembro de 2023, e tal e como se dispón no artigo 21, número 2, da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, ábrese un período de información pública en materia de estradas, por espazo de trinta (30) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación deste edicto no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Pol e Castroverde) e, como mínimo, en dous medios de comunicación de entre os de máis difusión no ámbito de actuación.

O devandito proxecto estará á disposición no portal de transparencia da Deputación Provincial de Lugo https://portaltransparencia.deputacionlugo.org

Lugo, 5 de abril de 2024

O presidente da Deputación Provincial de Lugo
P.D. (Decreto do 4.7.2023)
Pablo Rivera Capón
Deputado provincial de Lugo