DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 25 de abril de 2024 Páx. 25909

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado Carballeira, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Vicente de Oitavén, no concello de Fornelos de Montes (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Xesús Santaló Ríos, representante do colexio de avogados da provincia, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito que constan na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra o 1.3.2023. Para os efectos que agora interesan, destaca que o motivo fundamental polo que se acordou denegar a clasificación obedecía á falta de proba sólida e fidedigna do aproveitamento consuetudinario, por parte dos veciños da parroquia de San Vicente de Oitavén, sobre o monte Carballeira, obxecto do presente expediente de clasificación.

Segundo. Fronte á citada resolución, notificada o 22.3.2023, os interesados presentaron, o 14.4.2023, sen que o escrito formalmente revista a aparencia de recurso de reposición, un modelo de solicitude co cal achegaron diversa documentación acreditativa do aproveitamento consuetudinario, entre ela:

a) Factura de traballos de poda de árbores ornamentais no contorno da igrexa de San Vicente de Oitavén, de xaneiro do ano 2020.

b) Factura de venda de leña resultante de poda de árbores no monte Carballeira, de xaneiro do ano 2020.

c) Contrato entre a CMVMC de San Vicente de Oitavén e a empresa pública Seaga para a súa adhesión á xestión da biomasa no marco do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa. O contrato inclúe a referencia catastral 36019A00500500, denominada Carballeira e obxecto de clasificación como monte veciñal.

d) Fotografías do punto de auga que está a construír o distrito forestal XVIII na parcela Carballeira, obra executada pola empresa pública Tragsa.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte ás súas resolucións, de acordo co preceptuado no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que manifesta o seguinte:

«As resolucións do Xurado Provincial poderán ser obxecto de recurso de reposición perante o propio Xurado, previamente á súa impugnación na vía contencioso-administrativa, de conformidade coa lei reguladora desta xurisdición».

Segundo. Como cuestión preliminar, e para os efectos de centrar o debate que aquí se suscita, cómpre manifestar que o principal motivo tomado en consideración polo Xurado Provincial de Montes de Pontevedra, á hora de denegar a clasificación do Monte Carballeira como monte veciñal en man común a prol dos veciños promotores desta, obedece a que non quedaba acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común.

En concreto, e de forma máis precisa, este xurado esgrimiu o seguinte:

«Sendo coherentes co criterio fixado pola xurisprudencia e adoptado por este xurado á hora de valorar se procede ou non a clasificación dunha determinada parcela como monte veciñal en man común, resulta exixible un maior esforzo probatorio do uso comunal, tanto histórico como actual, por parte dos veciños de San Vicente de Oitavén, tal e como se vén requirindo a outras comunidades de montes.

Deste xeito, e unha vez analizado con detalle o expediente de referencia, bótase en falta por exemplo, a título unicamente exemplificativo, que se acheguen documentos que acrediten os traballos de limpezas e podas realizados, fotografías de romarías ou festas que xustifiquen o uso recreativo, facturas relativas a unha posible corta de madeira, notificacións de organismos públicos, escritos de veciños, anotacións no libro de actas da comunidade de cuestións relativas á parcela obxecto de clasificación... etc.

Entendemos, en definitiva, que tan importantes como os esforzos investidos pola parte solicitante en clarificar e delimitar a concreta extensión dos terreos que se pretende clasificar é a achega dunha mínima proba documental que sustente de xeito fidedigno a clasificación do monte como veciñal en man común».

Sentada esta base, e tomando como punto de partida a nova documentación achegada, debe valorarse se é suficiente para xustificar un cambio no criterio sentado sobre a petición de clasificación por parte do Xurado de Montes, e a conclusión a que se debe chegar unha vez analizada esta é positiva, é dicir, debe entenderse suficientemente acreditada a condición de veciñal do monte Carballeira.

En apoio de tal tese, resulta especialmente significativo o contrato asinado coa empresa pública Seaga para a limpeza e eliminación de arboredo nas faixas secundarias.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado, por unanimidade dos seus membros, acorda:

Estimar o recurso de reposición presentado pola CMVMC de San Vicente de Oitavén, deixando sen efecto a resolución ditada por este Xurado o 1 de marzo de 2023, ao considerar que se dan os requisitos exixidos legalmente para a clasificación solicitada. Deste xeito, acórdase clasificar o monte denominado Carballeira a prol dos veciños da CMVMC de San Vicente de Oitavén (Fornelos de Montes), conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución e de acordo coa descrición que se reflicte a seguir:

Parcela: Carballeira.

Referencia catastral: 36019A005005000001 e IVG núm. BKHS24M1Q1SWZM9E.

Superficie: 12.464 m2.

Linde norte: río de San Benito.

Linde sur: concello de Fornelos de Montes, Diocese de Tui-Vigo e camiño público.

Linde leste: en investigación, Leonor Pérez Garrido, Consuelo Rodríguez Rivas, Alfredo García Bouzón, Camilo Lorenzo Casqueiro, Armando García Bouzón e María Balbina Fernández Fernández.

Linde oeste: Camilo Casqueiro Lorenzo, Digna Fernández Casqueiro, Delfín Pérez Pérez, Manuel Fernández Bouzón e Consuelo Rodríguez Rivas.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 12 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común