DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 23 de abril de 2024 Páx. 25286

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se aproban as táboas de avaliación documental de determinadas series documentais do patrimonio documental de Galicia e se dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, determina no seu artigo 19 que os documentos de titularidade pública serán avaliados e seleccionados para determinar a súa conservación ou eliminación, de acordo co interese que presenten desde o punto de vista administrativo, xurídico, legal e histórico e os seus prazos de vixencia, acceso e conservación.

Os documentos de titularidade pública son patrimonio documental de Galicia desde a súa creación ou a súa acumulación, tal como establece a citada Lei de arquivos e documentos de Galicia e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xestión, custodia e acceso aos documentos de titularidade pública réxense polos principios desta normativa e son responsabilidade directa dos seus titulares.

A Lei de arquivos e documentos establece que non se poderá eliminar ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin. Con este obxectivo, o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia, establece o procedemento que cómpre seguir na avaliación para a selección de documentos.

No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas ao ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental. Unha vez aprobadas, de ser o caso, as táboas de avaliación por parte do titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, disporá a súa publicación no Diario Oficial de Galicia mediante un extracto, sen prexuízo de facelas públicas na páxina web da consellería.

Así mesmo, mediante a Resolución do 18 de abril de 2017, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se aproban e se fan públicos os criterios de avaliación para a selección, transferencia de custodia e acceso aos documentos, así como o formulario normalizado para a elaboración dos estudos de identificación e avaliación de series documentais propostos polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 15 de marzo de 2017 (DOG núm. 90, do 11 de maio), con carácter xeral, no ámbito da Administración autonómica, os documentos anteriores ao ano 1990 considéranse de conservación permanente e, polo tanto, non serán eliminados.

De acordo con esta normativa e procedemento, as series documentais que se mencionan nesta orde foron presentadas ao Consello de Avaliación Documental de Galicia, que na súa sesión do 19 de marzo de 2024 emitiu o seu ditame a través das táboas de avaliación documental elevadas para a súa aprobación por parte da persoa titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

RESOLVO:

Primeiro

Aprobar as táboas de avaliación documental cuxos extractos se recollen no anexo desta resolución e que corresponden ás seguintes series documentais, procedentes da Administración autonómica, ditaminadas polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na súa sesión do 19 de marzo de 2024:

• AA5260. Expedientes de revisión da autorización ambiental integrada.

• AA5259. Expedientes de seguimento da autorización ambiental integrada.

• AA0215. Expedientes de autorización ambiental integrada.

Segundo

Ordenar a publicación das táboas de avaliación documental das mencionadas series, mediante un extracto, no Diario Oficial de Galicia.

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnalo ante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO

Extractos das táboas de avaliación de series documentais

Táboa T0116

Código da serie: AA5260.

Denominación: expedientes de revisión da autorización ambiental integrada.

Procedencia: Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Datas extremas da serie: 2013-(serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 2013-2023.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 19 de marzo de 2024.

Acceso restrinxido. 30 anos. Os expedientes son sometidos a información pública na web para permitir a participación cidadá, pero existen documentos e información protexida que non ten prazos xerais de libre acceso, como son os que afectan a propiedade industrial e a información ambiental.

Transferencias:

• Ao arquivo central aos 4 anos da finalización do expediente.

• Ao arquivo intermedio aos 8 anos de finalización do expediente.

• Ao arquivo histórico aos 15 anos da finalización do expediente.

Selección: conservación permanente.

Táboa T0117

Código da serie: AA5259.

Denominación: expedientes de seguimento da autorización ambiental integrada.

Procedencia: Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Datas extremas da serie: 2002- (serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 2002-2023.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 19 de marzo de 2024.

Acceso libre

Transferencias:

• Ao arquivo central aos 4 anos da finalización do expediente.

• Ao arquivo intermedio aos 8 anos de finalización do expediente.

• Ao arquivo histórico aos 15 anos da finalización do expediente.

Selección: conservación permanente.

Táboa T0118

Código da serie: AA0215.

Denominación: expedientes de autorización ambiental integrada.

Procedencia: Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Datas extremas da serie: 2002- (serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 2002-2023.

Ditame do Consello de Avaliación Documental na sesión do 19 de marzo de 2024.

Acceso restrinxido. 30 anos. Os expedientes son sometidos a información pública na web para permitir a participación cidadá, pero existen documentos e información protexida que non ten prazos xerais de libre acceso, como son os que afectan a propiedade industrial e a información ambiental. A duración dos dereitos de explotación das obras con propiedade intelectual é de 70 anos tras a morte do autor. Non obstante, para autores que morreron antes de 1987 o prazo é de 80 anos tras a morte do autor, ao se manteren os prazos que establecía a lei anterior.

Transferencias:

• Ao arquivo central aos 4 anos da finalización do expediente.

• Ao arquivo intermedio aos 8 anos de finalización do expediente.

• Ao arquivo histórico aos 15 anos de finalización do expediente.

Selección: conservación permanente.