DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 17 de abril de 2024 Páx. 24144

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ACORDO do 4 de marzo de 2024, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista para inxección de biometano, producido por Cooperativas Ourensanas, S.C.G., á rede de distribución existente RAA-I022.4, no concello de Ourense, promovido por Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2023/01-3).

En cumprimento do disposto no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista que se describe.

Solicitante: Nedgia, S.A., co CIF núm. A66560152, e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Características da infraestrutura gasista: o proxecto inclúe as instalacións necesarias na rede de distribución para a incorporación de biometano na rede existente RAA-I022.4 de gas natural, propiedade de Nedgia, S.A. no concello de Ourense.

– Canalización soterrada de gas natural en aceiro calidade Gr L245 ou equivalente, DN 4” e 3,6 mm de espesor de parede, de 102 m de lonxitude e en MOP 16 bar, para realizar a inxección de biometano producido na industria de Coop. Ourensanas, S. Coop. Galega na rede propiedade de Nedgia, S.A. A conexión inicial será no módulo de inxección situado na parcela de referencia catastral 3885850NG8838N propiedade de Coop. Ourensanas, S. Coop. Galega, e a conexión final na rede existente RAA-I022.4 en aceiro DN 4” MOP 16 bar fóra da parcela, en camiño público, no termo municipal de Ourense.

– Módulo de inxección situado na parcela de referencia catastral 3885850NG8838N pertencente á industria de Coop. Ourensanas, S. Coop. Galega, no concello de Ourense.

– Instalacións auxiliares ao longo da acometida:

• Válvula de seccionamento inicial de DN 4’’.

• Válvula de acometida final de DN 4’’.

Documentación que se expón:

– Proxecto da referida infraestrutura gasista, asinado o 20.11.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do COITIM).

– Separata aclaratoria do proxecto da referida infraestrutura gasista, asinado o 23.2.2024 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do COITIM).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou as observacións que consideren oportunas no prazo de vinte (20) días, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Toda a documentación poderase examinar na xefatura territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Ourense, rúa Curros Enríquez, núm. 1, 32003 Ourense, e na seguinte ligazón web da consellería:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-gas

Ourense, 4 de marzo de 2024

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense