DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 17 de abril de 2024 Páx. 24141

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 4 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Torre de Hércules, pertencente ao Concello da Coruña.

A contorna da Torre de Hércules foi declarada de xeito provisional espazo natural de interese local (ENIL) mediante a Orde do 27 de decembro de 2019 (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2020). Esta orde condicionou a súa declaración definitiva á presentación, por parte do concello, dun plan de conservación. O Concello formalizou a súa remisión o día 9 de setembro de 2021.

No momento de iniciar os trámites para a declaración deste espazo estaba en vigor a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. Esta lei foi derrogada pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia. Esta nova lei recolle na súa disposición transitoria sétima, punto 2, que os procedementos administrativos en tramitación á súa entrada en vigor seguirán a tramitarse pola normativa vixente ao iniciar a súa tramitación. Por tal motivo, este plan tramítase ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre un plan, programa ou disposición de carácter xeral en relación con asuntos de carácter ambiental.

Por outro lado, o artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que, con carácter previo á elaboración dun proxecto ou anteproxecto de lei ou de regulamento, se realizará unha consulta pública a través do portal web da Administración competente en que se recollerá a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca:

a) Dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa;

b) Da necesidade e oportunidade da súa aprobación;

c) Dos obxectivos da norma;

d) Das posibles solucións alternativas regulamentarias e non regulamentarias.

En relación cos problemas que se pretenden solucionar, o Plan de conservación, tras unha análise do espazo natural, determina as presións e ameazas que está a sufrir. O Plan busca a redución destas presións e ameazas a través do desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos considerados como claves para a súa declaración como espazo protexido.

Visto o anterior e conforme o establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público do documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Torre de Hércules durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o documento base do Plan na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1. Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Documento base do Plan de conservación ENIL Torre de Hércules».

2. Mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural