DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 17 de abril de 2024 Páx. 24098

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 27 de marzo de 2024 pola que se clasifica como mixta a Fundación Irmandade Terra de Montes.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Irmandade Terra de Montes, con domicilio na estrada de Ourense, número 115, Soutelo de Montes, Forcarei (Pontevedra).

Feitos.

1. O 20 de setembro de 2023, Paloma López Retorta, en representación do Padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Irmandade Terra de Montes constituírona Camila Viéitez Nespereira, José Ángel Viéitez Cendón e Francisco Cendón Biéitez, mediante escritura pública outorgada o 17 de agosto de 2023 ante o notario de Pontevedra José Pedro Riol López, co número de protocolo 1.924.

Tras requirimento do 3 de novembro de 2023, a Fundación achega unha escritura outorgada o 18 de xaneiro de 2024 na mesma cidade e ante o mesmo notario da anterior, co número de protocolo 120, na cal incorpora o indicado no citado requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «fomentar o desenvolvemento económico, social e cultural da comarca da Terra de Montes no ámbito de todos os sectores económicos, máis con especial atención aos sectores agrícola, gandeiro, industrial, de servizos, turístico e cultural».

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Francisco Cendón Biéitez, como presidente; Camila Viéitez Nespereira, como vicepresidenta; e José Ángel Viéitez Cendón, como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como mixta da Fundación Irmandade Terra de Montes, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 11 de marzo de 2024,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Irmandade Terra de Montes e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse no prazo de dous meses recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente e con carácter potestativo, poderase interpor no prazo dun mes recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes