O 14 de febreiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 18 de xaneiro de 2024, conxunta da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas a apoiar as misións de especialización intelixente de Galicia, no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Esta resolución establece, no seu artigo 5, que o prazo de presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará en 60 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación.
Nesta primeira convocatoria de axudas para apoiar as misións de especialización intelixente de Galicia financiaranse proxectos que poden incluír, ademais de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación organizativa, o investimento produtivo ligado á parte científico-tecnolóxica do proxecto.
O elevado número de consultas trasladadas recentemente polos interesados con relación ás actividades subvencionables dos proxectos require a publicación na páxina web da Axencia Galega de Innovación dun documento aclaratorio, co fin de facilitar a resolución das dúbidas expostas e facilitar a presentación das solicitudes.
Así mesmo, procede aclarar que as axudas á innovación en materia de produto están dirixidas unicamente ás pemes, conforme o establecido no artigo 28 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión.
En coherencia co anterior, é conveniente modificar os puntos afectados dos anexos II (solicitude da axuda) e anexo II bis (descrición do equipo investigador e orzamento do proxecto).
Tendo en conta estas circunstancias, resulta aconsellable ampliar o prazo de presentación de solicitudes, o cal non prexudica dereitos de terceiras persoas.
Con carácter xeral, o artigo 32.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, prevé a posibilidade de que a Administración poida conceder unha ampliación dos prazos establecidos se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiras persoas, por un período que non exceda a metade destes.
Consecuentemente co anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLVEN:
Único. Modificar a Resolución do 18 de xaneiro de 2024, conxunta da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas a apoiar as misións de especialización intelixente de Galicia, no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN856C), nos seguintes termos:
Un. O punto 2 do artigo 1 queda redactado da seguinte forma:
«Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2024 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco da presente resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión. Os artigos 14 (axudas rexionais ao investimento), 25 (axudas a proxectos de investigación e desenvolvemento), 28 (axudas á innovación en favor da pemes) e 29 (axudas á innovación en materia de procesos e organización) son os que amparan os distintos conceptos subvencionables e beneficiarios desta convocatoria».
Dous. Engádese o punto 6 ao artigo 4 coa seguinte redacción:
«6. Só poderán ser beneficiarias de axudas para innovación en produto as pemes, de acordo co establecido no artigo 28 do Regulamento (UE) núm. 651/2014».
Tres. O artigo 5 queda redactado da seguinte forma:
«O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará en 90 días naturais desde o día seguinte ao da publicación».
Catro. O artigo 7 queda redactado da seguinte forma:
«As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 14, 25, 28 e 29 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 (RXEC) e de acordo coa seguinte táboa:
Categoría predominante do proxecto |
Pequena empresa |
Mediana empresa |
Grande empresa |
Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresa/s ou entre empresas e un ou varios organismos de investigación e difusión de coñecemento, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación |
60 % |
60 % |
60 % |
Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresa/s ou entre empresas e un ou varios organismos de investigación e difusión de coñecemento, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación |
60 % |
50 % |
40 % |
Innovación organizativa ou en procesos |
50 % |
50 % |
15 % |
Innovación en produto |
50 % |
50 % |
- |
A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos de investimento produtivo para pemes será conforme os seguintes límites de intensidade:
Pequena empresa |
Mediana empresa |
|
Investimento produtivo para pemes |
35 % |
25 % |
As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación e o Instituto Galego de Promoción Económica, ao abeiro desta convocatoria, serán incompatibles coa percepción doutras axudas, outros ingresos ou outros recursos para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional».
Cinco. Engádese o punto 5 ao artigo 9 coa seguinte redacción:
«5. Os custos subvencionables para a innovación en produto en pemes serán unicamente os seguintes:
a) Os custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais.
b) Os custos de envío en comisión de servizo de persoal altamente cualificado procedente dun organismo de investigación e difusión de coñecementos ou dunha grande empresa, que traballe en actividades de investigación, desenvolvemento e innovación nunha función recentemente creada na entidade beneficiaria e que non substitúa outro persoal.
c) Os custos dos servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación, incluídos os servizos prestados por organismos de investigación e difusión de coñecementos, infraestruturas de investigación, infraestruturas de ensaio e experimentación ou agrupacións empresariais innovadoras».
Seis. Modifícase o punto 6 do anexo I, relativo ás definicións, que queda redactado da seguinte forma:
«Innovación en produto: é a introdución no mercado dun produto mellorado que difire de forma significativa dos produtos ou servizos previos tanto para a entidade que os desenvolve como para o mercado que os usa. Unicamente poderá ser realizada por pemes, no marco das axudas á innovación a pemes do artigo 28 do Regulamento (UE) núm. 651/2014.
O anexo II (solicitude da axuda) achégase con esta resolución coa súa nova redacción e o anexo II bis (descrición do equipo investigador e o orzamento do proxecto) actualízase na sede electrónica.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2024
Patricia Argerey Vilar |
Covadonga Toca Carús |