DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 2024 Páx. 22830

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 4 de abril de 2024 pola que delega na persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo a competencia para aprobar os estatutos modelo para as entidades de conservación, xestión e modernización previstos na disposición derradeira quinta da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é o departamento da Xunta de Galicia responsable de materializar as políticas impulsadas pola Xunta de Galicia no eido competencial do ambiente, a ordenación do territorio e o urbanismo, a vivenda e o solo, así como a conservación da natureza, de acordo cos criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo ao cal lle corresponde, en virtude da Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación, a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, o citado organismo está adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, establece na súa disposición derradeira quinta, baixo a rúbrica «Modelo de estatutos para as entidades de conservación, xestión e modernización», o seguinte:

«A consellería competente en materia de solo empresarial aprobará, no prazo máximo de doce meses desde a entrada en vigor desta lei, uns estatutos modelo para as entidades de conservación, xestión e modernización e prestará aos seus órganos de goberno, como tamén ás comisións promotoras e ás persoas titulares dos bens inmobles situados na área industrial delimitada, a asistencia e o apoio necesarios para desenvolver estas fórmulas de participación».

A actividade administrativa da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e vivenda implica unha concentración de funcións na súa persoa titular que aconsella recorrer nalgúns supostos, como é este, á figura da delegación de competencias, a cal está regulada no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Á vista da citada normativa, e de conformidade co artigo 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 38.4 da dita Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e as demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Delegación na persoa titular do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral do IGVS a competencia para aprobar os estatutos modelo para as entidades de conservación, xestión e modernización previstos na disposición derradeira quinta da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda