DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2024 Páx. 22691

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto de execución denominado Modificación do proxecto da subestación colectora 30-66/220 kV para a conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó de Regoelle 220 kV no concello de Dumbría (A Coruña), promovido por AV Paxareiras, S.L.U. (expediente IN407A 2016/3040-1).

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 31.10.2018, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia cun aproveitamento forestal e a compatibilidade cun dereito mineiro, das instalacións eléctricas denominadas LAT 66 kV parques eólicos Montetourado-eixe/monte O Tourado-subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV, sita nos concellos de Zas, Vimianzo e Dumbría (A Coruña) (expediente IN407A 2017/166-1), e subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV, sita no concello de Dumbría, A Coruña (expediente IN407A 2016/3040-1).

Neste acordo do Consello da Xunta de Galicia relaciónanse os diferentes promotores das referidas instalacións eléctricas, xunto coa súa porcentaxe de participación, e indícase que a promotora que actúa como representante é Fenosa Wind, S.L.

O 5.11.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou a resolución pola que se fixo público o citado acordo do Consello da Xunta de Galicia (DOG núm. 219, do 16 de novembro).

Segundo. O 15.1.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu autorizar a transmisión de certas cotas de participación sobre a subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV, que resultan as seguintes:

Titular

Participación de autorización de instalacións na subestación

Razón social

Denominación da instalación

Común

Posición CT norte

Posición CT sur

Posición CT Greenalia Power

Posición CT AV Paxareiras

AV Paxareiras, S.L.U.

Paxareiras II

12,09 %

100,00 %

Engasa Lagoa, S.L.

Lagoa II fase I

8,16 %

12,919 %

Engasa Lagoa, S.L.

Lagoa II fase II

4,23 %

6,698 %

Eurus Desarrollos Renovables, S.L.

A Ruña II

10,58 %

100,00 %

Natyrgy Wind, S.L.

Monte Tourado-Eixe

19,95 %

31,579 %

Greenalia Wind Power Alto da Croa

Alto da Croa

3,68 %

25,988 %

Greenalia Wind Power Alto da Croa II

Alto da Croa II

5,24 %

37,006 %

Greenalia Wind Power Miñón

Miñón

12,09 %

19,139 %

Greenalia Power Monte Tourado

Monte Tourado

5,24 %

37,006 %

Viruleiros, S.L.

Lagoa I

8,16 %

12,919 %

Norvento, S.L.

Monte O Tourado

10,58 %

16,746 %

Totais

100,00 %

100,00 %

100,00 %

100,00 %

100,00 %

Terceiro. O 19.7.2022, Juan Jesús Berzosa Aránguez, en nome e representación da entidade AV Paxareiras, S.L.U., solicita perante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións do proxecto de execución denominado Modificación do proxecto da subestación colectora 30-66/220 kV para a conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó de Regoelle 220 kV. Dumbría (A Coruña), xuño 2022, correspondentes a unha modificación substancial da subestación colectora Lagoa (IN407A 2016/3040-1), coa finalidade de evacuar na rede de transporte a enerxía producida por instalacións de xeración con permisos de acceso e conexión.

Cuarto. O 2.9.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu a documentación da modificación do proxecto da subestación colectora 30-66/220 kV á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente (IN407A 2016/3040-1), de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

Quinto. O 26.1.2023, para emendar o proxecto inicialmente presentado, a promotora achega unha nova redacción del que inclúe memoria, planos e presuposto, conforme establece o artigo 123 do Real decreto 1955/2000, e que se denomina Modificación do proxecto da subestación colectora 30-66/220 kV para a conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó de Regoelle 220 kV. Dumbría (A Coruña), xuño 2022, asinado por Sara Calo Dieste, enxeñeira industrial, colexiada nº 3103 do ICOIIG, o 26.1.2023.

A proxectista xunta unha declaración responsable, segundo o establecido no punto 1.b) do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

As modificacións para introducir necesarias no deseño da instalación consisten na adecuación da posición de entrada 3 (Paxareiras) de 66 kV e a substitución do trafo actual da posición 24/30 MVA ONAN/ONAF por un trafo 50/70/90 MVA ONAN/ONAF/ONAF.

Sexto. O 31.1.2023, os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a solicitude de AV Paxareiras, S.L.U. sobre o proxecto modificado de referencia.

Sétimo. O 6.2.2023, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN407A 2016/3040-1 e de acordo coa Lei 8/2009, deu traslado del a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, acompañado do informe técnico favorable do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 31.1.2023.

Oitavo. O 22.3.2023, esta dirección xeral deu traslado da solicitude de AV Paxareiras, S.L.U. sobre o proxecto modificado de referencia, para os efectos de emitir informe sobre a necesidade ou non de realizar algún trámite ambiental, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

Noveno. O 12.5.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe ao respecto, en que se conclúe que en relación coas modificacións solicitadas no proxecto de referencia por AV Paxareiras, S.L.U., e para os sós efectos ambientais, non existen obxeccións sempre que se cumpra o recollido na documentación presentada.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade de instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

• Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014.

Terceiro. No expediente consta un informe favorable dos servicios técnicos da xefatura territorial, con data do 31.1.2023, sobre a solicitude de AV Paxareiras, S.L.U. sobre o proxecto modificado de referencia.

Cuarto. No expediente consta un informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, emitido o 12.5.2023, en que se conclúe que en relación coas modificacións solicitadas no proxecto de referencia por AV Paxareiras, S.L.U., e para os sós efectos ambientais, non existen obxeccións sempre que se cumpra o recollido na documentación presentada.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución denominado Modificación do proxecto da subestación colectora 30-66/220 kV para a conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó de Regoelle 220 kV, no termo municipal de Dumbría (expediente IN407A 2016/3040-1).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado Modificación do proxecto da subestación colectora 30-66/220 kV para a conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó de Regoelle 220 kV, asinado por Sara Calo Dieste, enxeñeira industrial, colexiada nº 3103 do ICOIIG, o 26.1.2023, e en que figura un orzamento de execución material de 348.059 €.

Segunda. Asegurarase o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberá cumprir canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Así mesmo, deberase cumprir co disposto na declaración de impacto ambiental formulada o 17.10.2018 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a xefatura territorial será a encargada de emitila logo das comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións deberase presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que as instalacións se realizaron de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberase presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións.

Sexta. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

Sétima. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Oitava. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais