DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2024 Páx. 22628

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 41/2024, do 21 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ponte Caldelas, do trazado actual e antigo das estradas EP-0407, EP-0207 e EP-0206.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ponte Caldelas e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron, o 18 de febreiro de 2022, un convenio de colaboración para a execución do proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-0407 Borela-Ponte Caldelas, do p.q. 8+775 ao p.q. 9+000.

A cláusula quinta deste convenio ten o carácter de inicio de procedemento de transferencia de titularidade, a prol do Concello de Ponte Caldelas, dos seguintes treitos:

– EP-0407 Borela-Ponte Caldelas, treito do p.q. 8+780 ao p.q. 9+000.

– Treito antigo de 73 metros lineais situado entre os p.q. 1+000 e p.q. 1+055 (marxe esquerda) da estrada provincial EP-0207 A Ínsua-Chaín.

– Treito antigo de 83 metros lineais situado entre os p.q. 3+070 e p.q. 3+140 (marxe dereita) da estrada provincial EP-0206 Ponte Caldelas-Parada-Xustáns.

O Pleno da Corporación Provincial, na súa sesión ordinaria do día 27 de outubro de 2023, aprobou o cambio de titularidade a prol do Concello de Ponte Caldelas.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, indica que os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídas no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas.

O treito da estrada EP-0407 e os treitos antigos das estradas EP-0207 e EP-0206 cumpren co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos, de trazado actual e antigo, que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de marzo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ponte Caldelas, do trazado actual e antigo das estradas EP-0407, EP-0207 e EP-0206:

Estrada

Denominación da estrada

p.q. inicial

p.q. final

Lonx. (km)

EP-0407

Borela-Ponte Caldelas

8+780

9+000

0,220

Denominación

p.q.s

Lonx. (km)

Treito antigo da EP-0207 A Ínsua-Chaín

Entre 1+000 e 1+055 ME da EP-0207

0,073

Treito antigo da EP-0206 Ponte Caldelas-Parada-Xustáns

Entre 3+070 e 3+140 ME da EP-0206

0,083

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Ponte Caldelas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle puidese corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de marzo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes