DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 8 de abril de 2024 Páx. 22394

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2024, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/341-4 modificado).

Expediente: IN407A 2022/341-4 modificado.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS, CT As Fontiñas de Abaixo (modificado).

Concello: Vigo.

Feitos:

1. O 25.8.2022 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS, CT As Fontiñas de Abaixo (modificado).

2. O 28.2.2023 esta xefatura territorial ditou unha resolución de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/341-4), coas seguintes características técnicas:

Liña de media tensión subterránea (LMTS), a 15 kV, con condutor tipo RHZ, de 614 metros de lonxitude, con orixe e final na LMT SDM711, entre o apoio A1ACOUEL//D32 e a LMT ao centro de transformación existente 36CMC7 Alza, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado. Centro de transformación a 250 kVA, con R.T. 15 kV/400 V, situado nas Fontiñas, Vigo (Pontevedra).

3. O 1.7.2023 UFD achegou unha modificación do proxecto inicial por mor da necesidade de recuar o centro de transformación, que será instalado na parcela con referencia catastral 54057A058002090000AZ. Como consecuencia desa modificación, a liña de media tensión subterránea proxectada sofre unha lixeira variación no seu trazado e pasa a ter unha lonxitude total de 617 metros.

O proxecto modificado que acompaña a solicitude foi asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado 482 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, e nel figura un orzamento total para todas as obras proxectadas de 232.938,17 euros.

4. Mediante escritos do 31.7.2023, esta xefatura territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos actualizada achegada pola empresa promotora.

5. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 31.7.2023, que foi publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 29.8.2023.

– Xornal Faro de Vigo: 28.8.2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo, desde o 4.8.2023 ata o 19.9.2023, segundo o certificado emitido polo propio Concello.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro,de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas finais da liña de media tensión subterránea son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor tipo RHZ, de 617 metros de lonxitude, con orixe e final na LMT SDM711, entre o apoio A1ACOUEL//D32 e a LMT ao centro de transformación existente 36CMC7 Alza, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado.

A instalación está situada nas Fontiñas, no concello de Vigo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT As Fontiñas de Abaixo (modificado), expediente IN407A 2022/341-4 modificado, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución inicial e no proxecto de execución modificado, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta xefatura territorial xunto coa seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 14 de marzo de 2024

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra