DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 4 de abril de 2024 Páx. 22017

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2024 pola que se autoriza o Plan de pesca da anguía para as confrarías de pescadores da ría de Vigo, tempada 2024.

Antecedentes:

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, ante as medidas para implantar pola Comisión de Pesca da Unión Europea para a recuperación da anguía europea e que afectan en gran medida a pesqueira desta especie nas augas que son competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, propón adoptar un plan de pesca da anguía para as confrarías de pescadores da ría de Vigo, cuxos obxectivos principais sexan o favorecer a mellora da biomasa da especie e reducir a súa mortalidade e, para o cal, solicita a aprobación do dito plan para o período comprendido entre os meses de abril e setembro de 2024.

Fundamentos técnicos de dereito:

1. O Regulamento (UE) nº 2024/257, do 10 de xaneiro de 2024, polo que se fixan para 2024, 2025 e 2026 as posibilidades de pesca para determinadas poboacións de peixes aplicables en augas da Unión e, no caso dos buques pesqueiros da Unión, en determinadas augas non pertencentes á Unión, e se modifica o Regulamento (UE) nº 2023/194, establece no seu artigo 13 as medidas aplicables ás pesqueiras de anguía.

2. O artigo 13.3 do dito Regulamento (UE) nº 2024/257, establece que queda prohibido practicar actividades pesqueiras comerciais de anguía (Anguilla anguilla), en todas as fases de vida, durante un período mínimo de seis meses entre o 1 de abril de 2024 e o 31 de marzo de 2025. Ademais, os Estados membros e os pescadores farán todos os esforzos razoables para reducir ao mínimo e, cando sexa posible, eliminar as capturas accesorias de anguía. Cando se capturen anguías de forma accidental, non se ocasionarán danos aos exemplares e liberaranse con rapidez.

3. O Regulamento (CE) nº 1100/2007 do Consello, do 18 de setembro de 2007, polo que se establecen medidas para a recuperación da poboación da anguía europea, establece no seu artigo 2.4, a obrigatoriedade de establecer plans de xestión para a recuperación da especie, cuxo obxectivo é «reducir a mortalidade antropoxénica co fin de permitir, cunha elevada probabilidade, a fuga ao mar de, polo menos, o 40 % da biomasa de anguías europeas correspondente á mellor estimación do posible índice de fuga que se rexistrase no caso de que ningunha influencia antropoxénica incidese na poboación».

4. O artigo 2.8 do Regulamento (CE) nº 1100/2007 establece que, os plans de xestión da anguía poderán incluír, entre outras, determinadas medidas como: redución da actividade pesqueira comercial, restrición da pesca deportiva, medidas de repoboación, medidas ambientais, loita contra os depredadores e medidas relativas á acuicultura.

5. A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que «A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

6. No Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, a nasa voitirón vén regulada nos artigos 89 a 93 e a nasa anguía nos artigos 94 a 98. Segundo o establecido nos artigos 92 e 97 «o seu uso deberá facerse sempre mediante plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de pesca marítima».

Da discusión das medidas técnicas co sector, acórdase trasladar as recomendacións mediante un plan de xestión para toda Galicia con medidas técnicas específicas para cada ría.

Polo exposto, e logo dos informes técnicos oportunos, así como por proposta da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, esta consellería

RESOLVE:

Autorizar a citada pesqueira baixo os seguintes termos e condicións:

1. Participantes.

Unicamente participarán no plan as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación autorizada a arte de nasa voitirón ou a de nasa para anguía. Os tripulantes deberán estar debidamente enrolados e a bordo na embarcación en que desenvolven a actividade.

2. Período.

O período autorizado será desde o 1 de abril ata o 28 de setembro de 2024.

3. Horario.

a) Nasa para anguía: o uso de nasas para anguía será en horario exclusivamente diúrno.

b) Nasa voitirón: a utilización de nasas voitirón será tanto diúrna como nocturna.

A actividade iniciarase ás 12.00 horas do luns. Para tal efecto, entenderase por inicio da actividade o momento da saída do porto.

As nasas non poderán ser caladas nin poderán permanecer no mar as fins de semana a partir das 12.00 horas do sábado, e a embarcación non poderá saír do porto ata as 12.00 horas do luns seguinte.

4. Arte.

As artes que se usarán serán:

a) A nasa para anguía, segundo as seguintes características técnicas:

1ª. A nasa para anguía ten forma case cilíndrica, con dúas aberturas nas caras opostas, unha de entrada en forma de funil e outra provista de tapadeira, que serve para retirar as capturas.

2ª. A lonxitude máxima será de 670 milímetros.

3ª. A altura ou diámetro máximo será de 350 milímetros.

b) A nasa voitirón, segundo as seguintes características técnicas:

1ª. A nasa voitirón consta dunha parte central rectangular de rede, chamada parada, ao extremo da cal e perpendicularmente a ela se sitúan tres funís concéntricos de rede que desembocan nunha última cámara onde quedan atrapados os peixes.

2ª. A lonxitude máxima será de 6 metros.

3ª. A altura ou diámetro máximo será:

– Primeiro aro: alto 500 milímetros, largo 700 milímetros.

– Segundo aro: diámetro máximo 400 milímetros.

– Terceiro aro: diámetro máximo 350 milímetros.

– Cuarto aro: diámetro máximo 340 milímetros.

4ª. A dimensión de malla mínima será de 14 milímetros na parte dos funís e de 16 milímetros no da parada.

5. Número de nasas.

Con base no establecido no Plan de xestión da anguía en Galicia, ningunha embarcación poderá empregar máis de 80 nasas de anguía ou nasas de voitirón ao día, independentemente da zona de pesca.

6. Zonas de pesca.

As zonas autorizadas de traballo e os períodos de actividade, serán as seguintes:

a) Entre o 1 de abril e o 29 de xuño de 2024, segundo a carta mariña que se acompaña como anexo A (por dentro da zona delimitada entre a liña de referencia de Punta do Cabo e Punta do Pereiro ata a liña de referencia de limitación das augas continentais, de Punta Muxeira a Punta Ulló).

b) Entre o 1 de xullo e o 28 de setembro de 2024, na totalidade da Enseada de San Simón e segundo a carta mariña que se acompaña como anexo B (da Ponte de Rande cara ao interior, ata a liña de referencia de limitación das augas continentais, de Punta Muxeira a Punta Ulló).

Para evitar a morte de capturas incidentais, prohíbese que os voitiróns queden en seco, polo que cómpre ter en consideración a influencia das mareas para adecuar á zona de traballo os puntos de calado das devanditas nasas.

7. Balizamento da arte.

As artes deberán estar convenientemente balizadas segundo a normativa vixente, cunha boia nos extremos en que irá pintado o folio e o nome do barco a que pertencen, así como o tipo de arte, neste caso coa letra «N», de tal xeito que permita a súa identificación. As boias de cada embarcación serán todas da mesma cor e tamaño.

8. Especies.

Anguía e acompañantes que deberán estar en época de extracción e superar o tamaño mínimo.

Evitarase a captura de anguías prateadas, e todas as que se capturen deberán ser devoltas ao mar para asegurar a súa reprodución. Procurarase baleirar as nasas o máis axiña posible, para evitar a mortalidade das capturas accidentais, e queda prohibido ter máis dunha cacea sen baleirar na cuberta da embarcación.

9. Punto de control e venda.

Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.

10. Control e seguimento da actividade pesqueira.

a) Despachos telemáticos. Deberán despachar as embarcacións na epígrafe de adhesión a plan de explotación: [«NASA ANGUÍA (30A); NASA VOITIRÓN (15F) PLAN ANGUÍA 2024 (RÍA DE VIGO)»]. Polo tanto, as embarcacións que despachen a un plan de explotación só poderán traballar no mesmo día no ámbito do correspondente plan, e non poderán usar ningunha outra arte que teñan no seu permiso de explotación.

Por outra banda, advírtese que, ao remate da vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira, a embarcación pasaría á situación de «pendente rexistro actividade».

b) Remisión de datos de capturas. Con periodicidade mensual, as confrarías deberán remitir datos de extracción por especie, utilizando o modelo do anexo C que se acompaña, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, vía correo electrónico ao enderezo serviciopesca@xunta.gal. No caso da anguía débese indicar a procedencia das capturas: (M) as capturadas na zona marítima. (F) as capturadas na zona fluvial. A non inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa definitiva do plan.

c) Mostraxes. Durante o período de vixencia do plan, técnicos da Consellería poderán realizar en calquera das embarcacións autorizadas mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan. A este respecto, os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

d) Para dar cumprimento ás medidas adoptadas neste plan experimental, as embarcacións autorizadas estarán suxeitas ás correspondentes inspeccións por parte da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, da Consellería do Mar.

11. Extracción e comercialización.

O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometida ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

12. Infraccións e sancións.

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

O conselleiro do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022; DOG núm. 41, do 1 de marzo)
Antonio Basanta Fernández
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

ANEXO A

Cartografía das zonas autorizadas para o Plan de pesca da anguía para as confrarías de pescadores da ría de Vigo. Tempada: 2024

(período entre o 1.4.2024 e o 29.6.2024)

missing image file

ANEXO B

Cartografía das zonas autorizadas para o Plan de pesca da anguía para as confrarías de pescadores da ría de Vigo. Tempada: 2024

(período entre o 1.7.2024 e o 28.9.2024)

missing image file
missing image file