DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 3 de abril de 2024 Páx. 21948

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 14 de febreiro de 2024, do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Norte, polo que se somete a información pública unha solicitude de concesión de augas no concello da Coruña (expediente DH.A15.94758).

En cumprimento do previsto no artigo 109 do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, faise público que se está a tramitar a seguinte solicitude de concesión de augas:

Solicitante: Comunidad de Propietarios del Complejo Comercial Marineda City.

Volume total anual: 8.347,78 m3/ano.

Caudal máximo instantáneo: 1,59 l/s.

Destino: consumo de auga dos inodoros con fluxores do centro comercial Marineda City na parcela con referencia catastral 6494254NH4969S0000RH.

Lugar: Marineda City Cr Baños de Arteixo, nº 43.

Concello: A Coruña.

Descrición do aproveitamento:

O centro comercial dispón na actualidade dunha rede de recollida das augas pluviais das superficies das cubertas, praza e drenaxe que se verten á rede municipal. No punto de entrega no Camiño Grela Martinete xa se dispón dun alxibe de pluviais de 190 m³ desde onde bombean as pluviais cara a rede municipal.

Preténdese aproveitar as augas pluviais recollidas neste alxibe con fin de destinalas ás descargas dos fluxores dos inodoros do centro comercial, cando os períodos de choiva o permitan, de xeito que se complementen coa auga da traída municipal nos períodos de escaseza.

Para este fin, disporán dun bombeo a dous depósitos de 45 m3 cada un, logo de filtrado. Nos depósitos proxectados disporase dunha cloración.

As dúas redes manteranse de xeito independente mediante válvulas de corte motorizadas (todo/nada) e xestionadas polo sistema de control. Como sistema de seguridade proxectáronse dúas válvulas de retención para evitar o refluxo de auga en ambos sistemas.

O proxecto pode consultarse na sección participación pública do portal de internet de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), e nas oficinas deste servizo territorial situadas na rúa Vicente Ferrer, 2, 9º andar, 15008 A Coruña, solicitando cita previa no teléfono 981 18 25 30.

Os interesados poderán presentar alegacións durante o prazo de vinte días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Coruña, 14 de febreiro de 2024

Néstor Rodríguez Arias
Xefe do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Norte