DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2024 Páx. 21356

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 14 de marzo de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Portela, Outeiro e Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tourós, no concello de Muíños.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Portela, Outeiro e Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Tourós, no concello de Muíños, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Tourós presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2398984) de revisión parcial de esbozo do MVMC Portela, Outeiro e Veiga, no concello de Muíños.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 2.1.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 11 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto da presente revisión do esbozo é o perímetro lindeiro con particulares das dúas parcelas principais do monte, Outeiro e Portela, quedando unha zona sen revisar de 140 m de lonxitude no monte Outeiro, pois aparecen dúbidas de propiedade non resoltas pola comunidade propietaria. Esta zona péchase unindo a liña revisada ao parcelario catastral coa xeometría máis semellante ao esbozo orixinal e este perímetro permanece como sen revisar.

A superficie do MVMC Portela, Outeiro e Veiga resultante, lgo de unir o esbozo parcial presentado segundo o punto 3, resulta de 82,74 ha fronte ás 83 ha da clasificación, o que supón unha redución de superficie inferior ao 1 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Portela, Outeiro e Veiga.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 11 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Portela, Outeiro e Veiga, pertencente á CMVMC de Tourós, no concello de Muíños.

Ourense, 14 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense