DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 1 de abril de 2024 Páx. 21371

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

ACORDO do 14 de marzo de 2024 polo que se anuncia a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes de autorizacións para a utilización de instalacións de atracada en pantalán en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia para embarcacións profesionais, principalmente de 3ª e 4ª lista, nos portos da Pobra do Caramiñal e Muros (procedemento IF503A).

Ao se atoparen as instalacións de atracada para embarcacións profesionais destinadas ao sector pesqueiro de Muros e A Pobra en proceso de reordenación, é preciso que os titulares de embarcacións que desexen obter unha praza de amarre, utilicen ou non na actualidade un punto de atracada, soliciten a correspondente autorización.

Por este motivo se anuncia a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes nos citados portos, a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria, quedando aberta.

As solicitudes de atracada tramitaranse e adxudicaranse de conformidade co establecido no procedemento IF503A publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia, e deben achegar a documentación indicada no dito procedemento e dirixir a solicitude á Zona Centro de Portos de Galicia.

As instalacións que se poñen á disposición son as indicadas na web de Portos de Galicia www.portosdegalicia.com, na ligazón seguinte:

https://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_atracadas_profesionais

Neste sitio poderán consultarse as prazas de atracada postas á disposición, as frotas a que van dirixidas así como a súa localización. Non obstante, a distribución, tamaño ou calquera outra característica das prazas poderá modificarse durante a convocatoria, por motivos de explotación portuaria debidamente xustificada.

Se existir máis demanda que oferta de prazas, os criterios de selección serán os indicados na condición décimo primeira da Resolución do 29 de marzo de 2022 pola que se aproba o procedemento de autorización para utilización de instalacións de atracada en pantalán, fondeadura e depósito en seco, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para embarcacións profesionais de 3ª, 4ª e 5ª lista.

Como criterio específico do procedemento, para os efectos de asignación de prazas de amarre, as vendas ou descargas realizadas pola embarcación solicitante nun porto distinto do porto onde se solicita a atracada minoraranse multiplicando o importe declarado por 0,75, se se trata dun porto autonómico, e por 0,5, se se trata dun porto estatal.

Transcorrido o prazo dun (1) mes desde a publicación desta convocatoria, analizaranse as solicitudes achegadas nese período segundo os criterios xerais e específicos da convocatoria, e realizarase unha proposta de asignación de atracadas entre todas as presentadas. A asignación de prazas realizarase atendendo ás características da embarcación e da instalación en canto ao calado e á lonxitude de atracada, ou a outros condicionantes que puidesen existir.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024

Roi Fernández Añón
Director de Portos de Galicia