DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 2024 Páx. 21208

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ANUNCIO do 5 de marzo de 2024, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se somete a información pública o proxecto de interese autonómico (PIA) de ampliación das instalacións de Aguas do Paraño, S.L., no concello de Boborás (Ourense), promovido por Aguas do Paraño, S.L.

O artigo 55 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro), regula o procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica simplificada.

Para os efectos previstos no artigo 55.5 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, sométense a información pública, durante o período dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os seguintes documentos:

• Proxecto de interese autonómico (PIA) de ampliación das instalacións de Aguas do Paraño, S.L., no concello de Boborás (Ourense), datado en febreiro de 2024 e asinado polos arquitectos Luciano González Domínguez (colexiado núm. 4.338 COAG) e Miguel Estévez Gómez (colexiado núm. 4.339 COAG).

• Acordo de aprobación inicial do proxecto de ampliación das instalacións de Aguas do Paraño, S.L., no concello de Boborás (Ourense).

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas.

Poderá accederse a esta información na páxina web da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-industriais

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria

ANEXO

Memoria resumo

Solicitante: Aguas do Paraño, S.L.

NIF: B36460517.

Domicilio social: lugar do Regueiro de Abaixo, s/n, 32514 Boborás (Ourense).

Ámbito do proxecto: concello de Boborás (Ourense).

Obxecto: ampliación das instalacións de Aguas do Paraño, S.L.

Descrición: o proxecto de interese autonómico (en diante, PIA) ten como obxectivo a ampliación das instalacións que Aguas do Paraño, S.L. ten no lugar do Regueiro de Abaixo, no concello de Boborás (Ourense), lugar en que se sitúa o manancial que dá nome á empresa. A sociedade pretende unha ampliación das instalacións existentes na parcela, sobre a cal posúe un dereito de superficie outorgado pola Comunidade de Montes en Man Común Regueiro.

O desenvolvemento das instalacións ampliadas céntranse en potenciar a marca Aguas do Paraño con actuacións a curto prazo mellorando a organización da actividade existente destinada ao embotellado da auga de mineralización débil en botellas de 19 e 13 litros, xunto coa instalación dunha nova liña de embotellado de augas desmineralizada e outra nova liña de embotellado en formato Bag in Box, que protexe e contén a auga mineral natural dotada dunha válvula de billa. A dita bolsa protéxese mediante unha caixa de cartón que facilita o seu transporte e funciona como medio de comunicación da imaxe corporativa da empresa.

A medio prazo, coa execución da totalidade do proxecto de interese autonómico, preténdese a instalación dunha nova liña de embotellado para botella de cristal con formato de 33, 50, 75 e 100 ml.