DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 2024 Páx. 21076

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do convenio colectivo para o persoal laboral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (2020-2025).

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (2020-2025), subscrito entre a representación da dirección do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia e a representación legal das persoas traballadoras, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2024

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo para o persoal laboral
do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia

CAPÍTULO I

Ámbito, vixencia e denuncia

Artigo 1. Ámbito persoal, funcional e territorial

a) Este convenio será aplicable a todo o persoal asalariado que preste servizos retribuídos en virtude da relación laboral común por conta e baixo a dependencia do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CC.OO.) de Galicia nos diversos centros que existan ou poidan crearse durante a súa vixencia dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Quedan excluídas expresamente del todas as persoas cunha relación que derive da elección ou designación polo congreso, consello ou órgano respectivo para a realización de tarefas sindicais, baixo a denominación de sindicalistas, adxuntos sindicais, colaboradores sindicais ou similares. En todo caso, quedan excluídas as persoas sindicalistas con vínculo asociativo sindical de carácter non laboral, con ou sen nomeamento sindical.

c) O persoal contratado sobre a base de convenios de colaboración, contratos programa, subvencións finalistas ou semellantes réxese por este convenio, agás nos aspectos que determinen as bases da respectiva convocatoria de convenio, contrato programa ou subvención.

Artigo 2. Vixencia, duración e denuncia

Este convenio entrará en vigor o 1.1.2020, independentemente da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), e terá unha duración de seis anos. Finaliza, por tanto, o 31.12.2025.

Este convenio queda denunciado automaticamente dous meses antes da súa finalización. Mentres non se produza o asinamento dun novo, este manterá a súa vixencia, calquera que sexa o tempo transcorrido desde a súa finalización.

Artigo 3. Vinculación á totalidade

As condicións pactadas constitúen un todo orgánico indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 4. Normativa aplicable e supletoria

Todas as materias que son obxecto de regulación neste convenio substitúen as disposicións pactadas con anterioridade. Para o non previsto rexerá o disposto no Estatuto dos traballadores (ET) e demais normas legais e regulamentarias que conforman a lexislación vixente, sen que en ningún caso ningún traballador ou traballadora poida verse prexudicado.

Non obstante, todos aqueles conceptos retributivos que se viñeron percibindo e que non aparezan recollidos neste convenio respectaranse como complemento persoal transitorio que será absorbido polos incrementos retributivos derivados de futuras revisións salariais.

CAPÍTULO II

Retribucións

Artigo 5. Salario base

O salario base, para cada grupo e especialidade profesional e nivel retributivo, será o que se detalla na táboa salarial anexa. Establécense dúas pagas extra: a de xuño (pagadoira o 30 de xuño) e a de decembro (pagadoira do 1 ao 7 de decembro). A contía das pagas extra será dunha mensualidade do salario base para cada unha delas. Por elección de cada traballador ou traballadora, estas pagas poderanse cobrar de xeito rateado durante os doce meses do ano. Antes do remate do ano, cada persoa afectada comunicará o xeito en que desexa percibir o seu salario (12 ou 14 pagas).

Artigo 6. Axuda por fillos

Establécese un complemento denominado «axuda por fillos/as» que para o ano 2024 terá un valor de 238,16 ata o ano incluído que fagan a idade de 25 anos (exclúese o ano en que fagan 26).

Este importe, entre os 16 e os 25 anos, aboarase logo de xustificar a convivencia e dependencia.

– O aboamento será nunha soa paga no mes de agosto ou ben, á elección da persoa traballadora, poderase ratear ao longo do ano natural.

– No ano de nacemento ou adopción ou acollemento, a axuda será aboada nunha soa paga, independentemente do momento da data de nacemento, adopción ou acollemento.

– A axuda por fillos/as será aboada integramente independentemente da porcentaxe da xornada de traballo.

Incluído o ano de nacemento, o importe da axuda de fillos/as será proporcional á duración da relación laboral.

Este complemento actualizarase na mesma proporción que o incremento xeral que se estableza no convenio colectivo.

Artigo 7. Gratificacións extraordinarias

Establécense dúas pagas extra: a de xuño (pagadoira o 30 de xuño) e a de decembro (pagadoira do 1 ao 7 de decembro). Por elección de cada traballador ou traballadora, estas pagas poderanse cobrar de xeito rateado durante os doce meses do ano. Antes do remate do ano, cada persoa afectada comunicará o xeito en que desexa percibir o seu salario (12 ou 14 pagas).

Artigo 8. Axudas de custo e desprazamentos

A persoa asalariada que, por necesidades organizativas ou sindicais –seguindo a instrución do órgano sindical do cal depende–, teña que se desprazar a poboacións distintas daquela onde ten o seu centro de traballo, recibirá como compensación as axudas de custo que en cada momento estean vixentes para o conxunto do Sindicato Nacional.

No caso de realizar a viaxe en coche particular, a quilometraxe será pola cantidade en vigor no Sindicato Nacional, e as viaxes en transporte público, polo importe dos billetes.

Se, por circunstancias excepcionais, os gastos orixinados polo desprazamento exceden o importe das axudas de custo, o exceso será aboado tras a xustificación e logo da aprobación pola estrutura correspondente do sindicato.

Artigo 9. Complemento IT

Durante os períodos de baixa, sexa cal for a súa orixe, os traballadores e traballadoras do Sindicato Nacional percibirán o 100 % do seu salario.

Artigo 10. Horas extraordinarias

A realización de horas extraordinarias queda totalmente suprimida no Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia.

Artigo 11. Incremento retributivo base

• 2020 incremento do 0,00 %.

• 2021 incremento do 1,25 %.

• 2022 incremento do 1,75 %.

• 2023 incremento do 2,00 %.

• 2024 incremento do 3,50 %.

• 2025 incremento do 3,50 %.

– Cláusula de revisión salarial para os anos 2024 e 2025. Aboarase o 60 % do diferencial entre a porcentaxe de incremento salarial anual e a do IPC anual en 31 de decembro topado no 6,00 %.

– Pagas lineais:

• Para 2023, de 1.200,00 euros.

• Para 2024, de 500,00 euros.

– As ditas pagas dos anos 2023 e 2024 terán unha devindicación anual do 1 de xaneiro ao 31 de decembro, respectivamente. Serán aboadas proporcionalmente ao tempo de traballo. O aboamento da paga lineal de 2024 será realizado no mes de febreiro de 2024. A contía desta paga non se verá afectada pola parcialidade da xornada do contrato.

Artigo 12. Anticipos e préstamos ao persoal

Anticipo. Cunha petición motivada, calquera traballador ou traballadora terá dereito a que se lle anticipe a mensualidade correspondente a ese mes.

Préstamos. A contía dos préstamos que o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia concederá aos seus traballadores e traballadoras non poderá superar o importe de tres mensualidades do nivel 4. A concesión de préstamos virá determinada polas posibilidades de tesouraría do Sindicato Nacional.

Non se terá dereito á concesión doutro préstamo mentres se teña un en vigor.

Estes préstamos non terán xuros e amortizaranse mensualmente sen superar o 10 % do total das percepcións salariais, agás petición expresa de quen o solicite.

CAPÍTULO III

Xornada, calendario, horario, vacacións, permisos e excedencias

Artigo 13. Xornada

A xornada anual máxima e efectiva será de 1.575 horas.

A xornada laboral semanal será, como media, de 35 horas.

A xornada laboral semanal máxima será de 40 horas.

Artigo 14. Xornada de verán

A xornada de verán realizarase de xeito continuado e terá unha duración de 13 semanas, e comezará o luns da semana que conteña o día 17 de xuño.

Artigo 15. Contratacións de verán

Os/as traballadores/as que temporalmente sexan contratados/as para a cobertura da recepción do local durante a xornada de verán ou a substitución durante as vacacións do persoal de recepción quedan excluídos/as do artigo 15 sobre xornada de verán.

Artigo 16. Calendarios individuais de traballo

1. Calendarios de centro de traballo. Antes de rematar o ano, cada centro de traballo elaborará unha proposta de calendario anual do ano seguinte, xunto á representación legal das persoas traballadoras, que recolla a xornada semanal, anual, festas, vacacións, etc. (e darase traslado desta ao departamento de recursos humanos, que validará a proposta ou non, segundo o caso).

Os calendarios non validados serán trasladados á RLPT, para establecer, conxuntamente, unha proposta alternativa. A aprobación final correspóndelle ao departamento de recursos humanos.

2. Calendarios individuais. Desde as estruturas adaptarase o dito calendario de centro de traballo á xornada anual efectiva das persoas traballadoras, e será remitido e validado polo departamento de recursos humanos. Recolleranse en cada calendario persoal os horarios de entrada e saída diarios, o cómputo de horas semanais, os días festivos locais e os outros non laborables recollidos neste convenio, e calquera outra información relevante para o coñecemento explícito da xornada laboral que vai efectuar cada traballador ou traballadora.

Os calendarios non validados serán trasladados á RLPT, para establecer, conxuntamente, unha proposta alternativa. A aprobación final correspóndelle ao departamento de recursos humanos.

Os horarios de traballo negociaranse, en primeiro termo, no ámbito de cada centro de traballo, e garantirase o horario máis idóneo; axustaranse á franxa horaria de apertura dos locais e ao cumprimento da xornada pactada neste convenio, e terán que ser solicitados e aceptados polo departamento de recursos humanos.

Estableceranse os medios de control horario oportunos.

En caso de que un festivo local cadre en sábado, as traballadoras e traballadores afectados gozarán dese festivo noutro día laborable, entendéndose como tal de luns a venres.

Artigo 17. Alteracións non ordinarias da xornada

No caso de situacións especiais e con carácter excepcional como xornadas obrigatorias, congresos obrigatorios, consellos obrigatorios e análogos de obrigada asistencia, ademais da formación obrigatoria, en que cumpra realizar actividades laborais fóra da xornada recollida no calendario individual, este tempo será compensado con tempo libre na proporción do 125 %, se é dentro do horario de atención ao público; do 150 %, se é fóra del, en horario diúrno das 6.00 ás 22.00 horas; e do 175 %, se a actividade se realiza en sábado ou festivo. En caso de discrepancia, trasladarase á Comisión Paritaria.

Artigo 18. Pausa descanso de mañá

Durante a xornada ordinaria poderase realizar unha pausa de descanso ou almorzo pola mañá, computable como tempo traballado, que será de 20 minutos e deberá efectuarse preferentemente entre as 10.30 e as 12.30 horas.

Artigo 19. Reducións de xornada

Os/as traballadores/as que, por razón de garda legal, teñan ao seu coidado directo algún menor de 16 anos terán dereito a unha redución da xornada coa diminución proporcional do salario, cun máximo da metade da xornada.

Os/as traballadores/as que teñan ao seu cargo persoas dependentes ou maiores de 65 anos terán dereito a unha redución da xornada e diminución proporcional do salario, cun máximo da metade da xornada.

Artigo 20. Vacacións

O persoal laboral do Sindicato Nacional terá dereito ao desfrute de 23 días laborables (excluíndo sábados, domingos e festivos), que poderán reunir nun só período ou nun máximo de tres, en concepto de vacacións.

O período máis longo de vacacións gozarase preferentemente entre o 1 de xullo e o 31 de agosto; en todo caso, non poderán gozarse máis alá do 31 de xaneiro do ano seguinte.

As excepcionalidades respecto ao seu uso serán estudadas entre a RLPT e o departamento de recursos humanos, evitando romper a normalidade no servizo.

En caso de baixa por enfermidade ou accidente durante o período de vacacións, estas quedarán suspendidas ata a reincorporación (alta IT), e poderanse gozar durante o ano en curso ou no seguinte.

O calendario de vacacións, elaborado entre a estrutura correspondente e o seu persoal traballador, deberá estar aprobado no primeiro trimestre do ano.

As estruturas remitirán ao departamento de recursos humanos as propostas de calendarios. O procedemento de aprobación será o mesmo que o establecido no artigo 17 para os cadros horarios.

Artigo 21. Permisos retribuídos

a) Todo traballador e traballadora, avisando coa antelación posible e a xustificación posterior, terá dereito a permisos retribuídos polas seguintes causas:

1. Tres días laborables en caso de falecemento de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, ou da persoa con quen conviva. No caso de residencia a unha distancia superior a 150 quilómetros, será 1 día máis; no caso de residencia a unha distancia superior a 300 quilómetros, serán 2 días máis.

2. Un día laborable en caso de falecemento de familiares de terceiro grao por afinidade ou consanguinidade.

3. Dez días laborables en caso de falecemento de descendentes de primeiro grao por afinidade ou consanguinidade, cónxuxe ou parella con quen conviva.

4. Cinco días laborables en caso de enfermidade grave de familiar ata o segundo grao de consanguinidade, ou da persoa con quen conviva. No caso de residencia a unha distancia superior a 150 quilómetros, será 1 día máis; no caso de residencia a unha distancia superior a 300 quilómetros, serán 2 días máis. Este permiso poderá utilizarse de forma descontinua, fraccionado en 2 ou 3 períodos, avisando previamente.

5. Polo tempo necesario, en casos de consulta médica ou acompañamento non habitual de familiar de primeiro grao ou persoa con quen conviva.

b) Todo traballador e traballadora, avisando cunha antelación mínima de 72 horas (agás causa sobrevida), e coa presentación da xustificación pertinente, terá dereito a permisos retribuídos polas seguintes causas:

1. O traballador ou traballadora terá dereito aos períodos necesarios de ausencia do traballo, remunerados, cando decida someterse a técnicas de fecundación asistida. Será preciso presentar un xustificante onde se indiquen os períodos necesarios.

2. No mesmo sentido, concederanse os permisos precisos para a asistencia a ximnasia de preparación para o parto. Será preciso presentar o xustificante onde se indiquen os períodos estipulados.

3. Dezaseis días laborables por parto ou adopción.

4. Un día laborable no caso de matrimonio ou inicio de vida en común de fillos ou fillas, pais, nais, irmáns ou irmás propios ou do cónxuxe ou parella de feito, logo de acreditación. No caso de residencia a unha distancia superior a 150 quilómetros, será 1 día máis; no caso de residencia a unha distancia superior a 300 quilómetros, serán 2 días máis.

5. Por permiso para a lactación dun fillo ou filla menor de doce meses, o traballador ou traballadora terá dereito a dúas horas de redución da súa xornada diaria, que poderá usar tamén de forma fraccionada ou acumulalo nun só período. O permiso de lactación aumentará proporcionalmente en caso de parto múltiple.

6. Un día por mudanza, e dous, se esta é fóra do concello de traballo.

7. Vinte días naturais no caso de matrimonio ou decisión formal da parella de vida en común.

8. Serán días libres retribuídos para todo o cadro de persoal do Sindicato Nacional o 24 e o 31 de decembro.

9. Polo tempo indispensable, incluíndo o desprazamento, para exames para a obtención dun título.

10. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público.

11. Os traballadores e traballadoras afectados por drogodependencias terán un permiso retribuído polo tempo que requira seguir o tratamento prescrito, sempre no caso de non lles ser recoñecida a IT, e sempre que fagan efectivo o compromiso de incorporárense a programas de desintoxicación e deshabituación.

Artigo 22. Asuntos propios

Para asuntos propios establécense 5 días retribuídos ao ano, considerados como tempo de traballo efectivo. Poderanse utilizar ata o 31 de xaneiro do ano seguinte. En ningún caso serán acumulables aos períodos de vacacións. A concesión do permiso estará sempre ligada ao normal mantemento da actividade.

Estes 5 días de asuntos propios serán gozados de xeito proporcional ao tempo de traballo efectivo dos contratos que non abranguen o período completo do ano natural, e a situación de IT non afecta o número de desfrute de tales días.

Artigo 23. Permisos non retribuídos

O persoal laboral que leve un mínimo dun ano no sindicato terá dereito a solicitar o permiso sen salario por un máximo de 30 días, nunha soa vez ou en dúas fraccións no ano, e terá que ser outorgado pola dirección do sindicato, salvo que non resulte factible por notorias necesidades do servizo. A solicitude realizarase á Comisión de Persoal da CEN con, como mínimo, 15 días de antelación.

En caso de enfermidade grave e dilatada dun familiar de primeiro grao ou da persoa con quen conviva, disporase dos días necesarios de permiso sen soldo, e deberanse xustificar as ausencias ao traballo.

Artigo 24. Excedencias

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa.

Excedencia voluntaria:

O traballador ou traballadora con, polo menos, un ano de antigüidade na empresa ten dereito a situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor a seis meses e non maior a cinco anos.

Este dereito só poderá exercelo outra vez o/a mesmo/a traballador/a se transcorreron tres anos desde o final da anterior excedencia.

O reingreso deberá solicitalo ao departamento de recursos humanos cunha anticipación mínima dun mes, e será automático nun posto da mesma categoría e localidade de acordo coa seguinte antigüidade:

Antigüidade de 1 a 10 anos, 3 anos de reserva de posto de traballo na mesma categoría e localidade.

Antigüidade a partir de 10 anos, 4 anos de reserva de posto de traballo na mesma categoría e localidade.

Os que teñen concedida a excedencia no día de hoxe manterán a aplicación do artigo 24 do convenio publicado no DOG do 18 de setembro de 2012.

Excedencia forzosa:

Pasarase á situación de excedencia forzosa, que implicará o reingreso automático no posto de traballo anterior á súa concesión, polas seguintes causas:

• Nomeamento para un cargo público (nesta designación cómpre a publicación nun diario oficial), sindical (de ámbito comarcal ou superior) ou político (de ámbito provincial; neste caso requírense procesos electorais regulamentados por lei).

• A notificación de cesaren as causas que motivaron a concesión da excedencia forzosa deberá realizala o traballador ou traballadora ao departamento de recursos humanos dentro dos 30 días seguintes a que se dea esta circunstancia. De non se producir esta notificación, o Sindicato Nacional declarará o traballador ou traballadora en situación de excedencia voluntaria de acordo co primeiro punto deste artigo.

Excedencias especiais:

Por solicitude do/da traballador ou traballadora, e cos mesmos efectos da excedencia forzosa, polos seguintes motivos:

• Os traballadores e traballadoras, calquera que sexa a súa antigüidade na empresa, terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender o coidado dun/dunha fillo/a cando o sexa por natureza, adopción ou acollemento, tanto permanente como preadoptivo, e poderá exercerse ata que alcance a idade de oito anos.

• Os traballadores e traballadoras, calquera que sexa a súa antigüidade na empresa, terán dereito a pasar á situación de excedencia por un período máximo de tres anos para atender o coidado dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade (tanto por matrimonio como por parella de feito).

Este período de excedencia computará para todos os efectos, tanto de promoción como de complementos retributivos, e o traballador ou traballadora terá dereito, mentres dure, a asistir a cursos de formación profesional; para participar neles, deberá ser convocado polo sindicato, especialmente con ocasión da súa reincorporación. O traballador ou traballadora terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante todo o tempo que permaneza en excedencia polo coidado de familiares.

CAPÍTULO IV

Contratación

Artigo 25. Contratación

Os asinantes deciden aplicar o acordo sobre a estabilidade no emprego e as normas que o regulan no período inmediato posterior ao asinamento deste convenio.

En virtude do principio de causalidade no emprego, a contratación que se realice para un posto de traballo fixo será cun contrato fixo.

Así mesmo, poderanse concertar contratos de xornada reducida; neste caso, as condicións económicas estarán en proporción ao tempo traballado.

Períodos de proba.

Establécense os seguintes períodos de proba:

– Persoal administrativo: 30 días.

– Persoal técnico e profesional: 6 meses.

Períodos de aviso previo de baixa voluntaria.

Establécense os seguintes períodos de aviso previo:

– Persoal administrativo: 15 días.

– Persoal técnico e profesional: 30 días.

Artigo 26. Comunicación da contratación a comités de empresa ou delegados e delegadas de persoal

As partes comprométense a cumprir o previsto na normativa legal vixente en todo o relativo aos dereitos de información da representación dos traballadores e traballadoras en materia de contratación.

Artigo 27. Proceso de selección de persoal

Unha vez realizado o proceso de promoción interna (capítulo V), utilizarase, de existir, a lista de cobertura de praza descrita no artigo seguinte. De non se cubrir a praza por este sistema, realizarase a convocatoria pública da praza.

A selección de persoal será realizada polo mesmo tribunal nomeado para a fase de promoción interna. Estará formado por:

• Un membro da CEN ou persoa designada por ela.

• Responsable de recursos humanos.

• Un membro da RLPT designada por esta.

• De xeito excepcional, poderán formar parte desta comisión outras persoas, por decisión dos seus membros, as cales terán voz e non voto.

No baremo para a selección do persoal observarase o establecido polo departamento recursos humanos e aprobado polo tribunal de selección.

Ao remate do proceso, seleccionará a persoa oportuna, de proceder, e confeccionará a lista ordenada por puntuación do resto das persoas participantes, sempre e cando obtivesen puntuación suficiente na proba técnica de especialidade.

Artigo 28. Listas de cobertura de praza

As listas de contratación temporal son únicas e de ámbito autonómico, cunha duración mínima de dous anos, prorrogables ata un máximo de cinco. Aquelas persoas que na última convocatoria participaron e prestasen servizos efectivos no Sindicato Nacional nos últimos 5 anos conservarán a nota ou realizarán a proba técnica, á súa elección.

Para a supresión de persoas que formen parte dunha lista contratación, ou que teñan opción de participar nunha convocatoria interna por prestar servizos durante os seis meses anteriores á convocatoria, o departamento de recursos humanos elaborará un informe de valoración do cal dará traslado á RLPT, que poderá elaborar un informe consultivo.

CAPÍTULO V

Acceso a vacantes, promoción, reclasificación e mobilidade

Artigo 29. Acceso ás vacantes

Será requisito preceptivo para cubrir as vacantes ou os postos de nova creación que se produzan, independentemente de cal sexa o tipo de contratación, a preparación dunha convocatoria interna que permita o acceso a eses postos do persoal do Sindicato Nacional.

O persoal indefinido non poderá acceder a vacantes temporais, excepto a vacantes orixinadas por excedencia que comporte un acceso a superior categoría.

As contratacións temporais serán todas aquelas que non son de carácter indefinido. 

O tribunal do proceso interno e externo será único, segundo o establecido no artigo 28, Proceso de selección de persoal, deste convenio colectivo.

Ao persoal que sexa seleccionado por este procedemento interno para a cobertura dunha vacante orixinada por excedencia ou por promoción temporal da persoa titular preservaráselle a súa praza de orixe, á cal regresará ao rematar a situación ou pasará a ser titular se o posto obtido por promoción pasa a ser vacante definitiva.

Contratacións temporais que se prevexan inferiores a 60 días:

– Interna. Poderá acceder o persoal con contrato de traballo temporal que teña a mesma categoría que o posto vacante.

– No caso de que resulte deserta, chamarase unha persoa da lista de contratación temporal correspondente. Terá preferencia, a xuízo da dirección, a persoa da lista que prestase servizos na mesma localidade e na mesma categoría, e cesase nos últimos 6 meses anteriores á convocatoria.

– No caso de que non exista unha candidatura que proceda da lista correspondente, realizarase unha contratación a xuízo da dirección.

Contratacións temporais que se prevexan superiores a 60 días (incluídas as excedencias):

– Interna. Poderá acceder o persoal con contrato de traballo temporal que teña a mesma categoría que o posto vacante. 

– Soamente no caso das excedencias, poderá participar todo persoal en activo, sempre e cando comporte un acceso a superior categoría. 

– Ao remate da excedencia, o persoal indefinido que ocupase a vacante da excedencia volverá ao seu posto de traballo de orixe coas condicións deste, ou pasará a ser titular se o posto obtido por promoción pasa a ser vacante definitiva.

– No caso de que resulte deserta, chamarase unha persoa da lista de contratación temporal correspondente, segundo a orde de puntuación.

– No caso de que non exista unha candidatura procedente da lista correspondente, realizarase unha contratación a xuízo da dirección.

Contratacións indefinidas:

– Interna. Poderá acceder o persoal en activo cunha antigüidade mínima de 1 ano. Tamén poderán participar todas aquelas persoas que, non estando traballando no Sindicato Nacional no momento da convocatoria e que cesasen nos últimos seis meses, teñan unha experiencia de 2 anos nun período dos 4 anos inmediatamente anteriores na mesma categoría da vacante indefinida.

– No caso de que resulte deserta, realizarase unha selección de persoal a través dunha convocatoria externa.

Artigo 30. Ascensos, promocións e reclasificación (en suspenso a resultas das conclusións da Comisión de Clasificación, a que se fai referencia na disposición adicional quinta)

Crearase unha Comisión Paritaria de promocións composta por dous membros en representación da representación legal dos traballadores e dous membros en representación da Comisión de Persoal da CEN. A dita comisión constituirase no mes posterior ao asinamento do convenio e deberá presentar as súas conclusións antes do remate do convenio.

Esta comisión establecerá os criterios para a valoración e aprobación da modificación de niveis retributivos, así como o procedemento e calendario, que deberán ser referendados pola RLT e a Comisión de Persoal da CEN. A data de efectos será acordada pola Comisión.

En todo caso, e para os efectos da aplicación das ditas promocións, teranse en consideración os seguintes criterios:

a) O ámbito e amplitude no desenvolvemento das funcións e das tarefas que corresponden á categoría (especialización horizontal).

b) A profundidade no desempeño das funcións e das tarefas (especialización vertical), atendendo non só á realización do traballo, senón á súa administración.

c) O tempo de permanencia como traballador/a do Sindicato Nacional de CC.OO.

d) Entre un incremento de nivel e outro transcorrerá un mínimo de catro anos. Cando exista cambio de categoría polos mecanismos do artigo 32, a persoa partirá do nivel retributivo básico da nova categoría e o contador de tempo para os efectos desta epígrafe situarase en 0.

e) A preparación dentro do posto: tanto no nivel de formación continua como de cualificación.

f) Os valores derivados dos mecanismos de avaliación do rendemento.

Anualmente, na segunda quincena do mes de xaneiro, abrirase un período para a presentación de solicitudes de cambio de nivel coa correspondente expresión da motivación e xustificación. Desde a Comisión de Persoal da CEN facilitarase un formulario modelo base.

As solicitudes presentaranse ante da dirección sindical da estrutura que corresponda, que as remitirá á Comisión de Persoal acompañadas dun informe propio.

En todo caso, a Comisión de Persoal e a RLT negociarán anualmente no mes de outubro as partidas económicas destinadas a esta medida e a súa repartición entre as alíneas a) e b) do parágrafo anterior. A inexistencia de acordo situará esta cantidade no 0,5 % da masa salarial de convenio.

Durante a vixencia deste convenio colectivo 2020-2025 permanecerá en suspenso a aplicación deste artigo.

Artigo 31. Mobilidade funcional

Por criterio de racionalización do traballo e co obxectivo de dar plena ocupación a cada traballador e traballadora dentro do plan global organizativo, estes poderán ser cambiados de posto de traballo dentro da mesma categoría profesional, sempre que isto non comporte traslado de residencia e respectando as condicións contractuais existentes.

Cando un traballador ou traballadora realice funcións de superior categoría, percibirá o salario correspondente á praza que vaia substituír.

Cando un traballador ou traballadora realice funcións de inferior categoría, percibirá o salario correspondente á categoría e nivel retributivo que posúe.

En ambos os casos, a duración máxima da situación será de seis meses, e deberá procederse á cobertura convencional da vacante.

CAPÍTULO VI

Garantías sociais

Artigo 32. Saúde laboral

En todas aquelas materias que afecten a seguridade e hixiene no traballo aplicarase a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, as súas normas regulamentarias de desenvolvemento e demais normativa concordante. As disposicións de carácter laboral contidas na dita lei, así como as normas regulamentarias que se diten para o seu desenvolvemento, teñen o carácter de dereito necesario mínimo indispoñible e son, por tanto, de plena aplicación, con independencia do previsto neste artigo.

A protección da saúde e a seguridade dos traballadores e traballadoras constitúe un obxectivo básico e prioritario das partes asinantes, e consideran que, para alcanzalo, se require a realización dunha correcta avaliación dos riscos nos postos de traballo que permita a planificación de actuacións preventivas con obxecto de eliminar ou controlar e reducir os ditos riscos.

Durante a vixencia deste convenio realizaranse as seguintes accións:

• Avaliación de riscos dos distintos postos de traballo.

• Coa información obtida desa avaliación efectuarase a planificación da actividade preventiva, co obxecto de eliminar ou controlar e reducir os riscos.

• Realizarase unha campaña de información e formación a todos os traballadores/as en materia de seguridade e saúde laboral.

Este plan de actuacións aplicarase cumprindo os mecanismos de información e consulta aos representantes dos traballadores, previstos na Lei de prevención de riscos laborais.

Durante a vixencia deste convenio, a dirección adquire o compromiso de adoptar todas aquelas medidas necesarias tendentes a asegurar a seguridade dos/das traballadores/as en todo o que concirne á seguridade dos centros onde desenvolven as súas actividades. Polo tanto, a dirección comprométese a adoptar un plan de seguridade do edificio acorde coa normativa vixente en materia de seguridade de edificios. Isto comporta crear as medidas necesarias para o caso de evacuación (saídas de emerxencia, sinalizacións, protección contra incendios, etc.).

Artigo 33. Vixilancia da saúde dos traballadores e traballadoras

A vixilancia da saúde dos/das traballadores/as por medio de recoñecementos médicos específicos estará sometida aos seguintes principios:

• Só poderá realizarse cando o/a traballador/a preste o seu consentimento, agás naqueles casos en que, logo de consultar a representación dos traballadores, se consideren imprescindibles para avaliar os efectos das condicións de traballo sobre a saúde dos traballadores ou para verificar se o estado de saúde dun traballador ou traballadora pode entrañar perigo para el mesmo, para os demais traballadores ou para outras persoas relacionadas co sindicato, ou cando veña establecido por disposición legal.

• Levarase a cabo respectando sempre o dereito á intimidade, a dignidade do traballador e a confidencialidade, e non poderán ser usados con fins discriminatorios nin no seu prexuízo.

• A vixilancia será levada a cabo por persoal sanitario competente, no marco do acordo asinado co órgano técnico correspondente.

Realizarase todos os anos un recoñecemento médico a todo o persoal, que inclúe revisión xinecolóxica ás mulleres e a realización dun complemento á analítica PSA aos homes. Estas revisións terán carácter voluntario.

Artigo 34. Delegados e delegadas de prevención

Os delegados de prevención serán elixidos por e entre os representantes dos traballadores, conforme o establecido no artigo 35 da lei. As súas competencias e facultades, así como as súas garantías, estarán ao abeiro do establecido nos artigos 36 e 37 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

Artigo 35. Comité de Seguridade e Saúde

O Comité de Seguridade e Saúde é o órgano paritario e colexiado de participación destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa en materia de prevención de riscos.

O Comité estará formado polos delegados de prevención, dunha parte, e pola dirección e/ou os seus representantes en número igual ao dos delegados de prevención.

Competencias: observarase o disposto nos artigos 39 e 40 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

Artigo 36. Risco durante o embarazo e período de lactación

Durante o período de suspensión do contrato de traballo nos supostos en que, debendo a traballadora cambiar de posto de traballo por outro compatible co seu estado –nos termos previstos no artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais– o dito cambio non sexa técnica ou obxectivamente posible ou non poida razoablemente exixirse por motivos xustificados, a empresa complementará a prestación correspondente ata o 100 % das retribucións da interesada.

Unha vez introducida no noso ordenamento a protección por risco durante a lactación, garantirase en todo caso o complemento do 100 % das retribucións durante o período de suspensión do contrato de traballo por risco durante a lactación previsto legalmente.

Todo o anterior sen prexuízo da aplicación das medidas de prevención e protección recollidas na Lei de prevención de riscos laborais e demais normativa aplicable.

Artigo 37. Ambiente

As partes asinantes deste convenio consideran necesario actuar de forma responsable e respectuosa co ambiente, prestando atención aos intereses e preocupacións da sociedade.

As partes asinantes do convenio comprométense a poñer en marcha actuacións encamiñadas a mellorar a xestión ambiental en dous ámbitos:

a) Facilitando e promovendo a participación de todo o persoal na mellora ambiental a través da posta en marcha de boas prácticas e dun comportamento adecuado:

• No uso de substancias tóxicas.

• Na recollida e recuperación de residuos.

• No aforro de auga, enerxía e recursos.

b) Tendo en consideración os aspectos ambientais nas compras e subministracións, así como nas decisións sobre as instalacións e o edificio.

Artigo 38. Póliza de seguros

Establécese, para todo o persoal afectado por este convenio, unha póliza de seguros coa seguinte cobertura:

– A contía de 18.000 euros en caso de falecemento por calquera causa.

– A contía de 18.000 euros en caso de invalidez permanente absoluta ou grande invalidez por calquera causa.

– A contía de 18.000 euros en caso de invalidez permanente total, invalidez permanente absoluta ou grande invalidez derivada de accidente.

Os capitais son acumulativos por garantía.

Artigo 39

a) Xubilación especial aos 64 anos.

O Sindicato Nacional obrígase a substituír simultaneamente os traballadores e traballadoras de 64 anos que voluntariamente se xubilen –ao abeiro do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, e demais disposicións legais concordantes–, por outro traballador ou traballadora inscrito/a como desempregado/a na correspondente oficina de emprego.

b) Xubilación parcial.

As persoas traballadoras que cumpran os requisitos legalmente establecidos e que estean interesadas en pasar á situación de xubilación parcial presentarán a súa solicitude ao departamento de recursos humanos, e serán concedidas todas aquelas solicitudes de xubilación parcial entre o 25 % e o 50 % da xornada. As propostas que superen a dita porcentaxe poderán ser solicitadas ao departamento de recursos humanos e serán recoñecidas ou rexeitadas pola CEN. Todas as solicitudes serán trasladadas á RLPT.

Agás acordo en contrario de ambas as partes, as persoas xubiladas parcialmente realizarán a porcentaxe de xornada recoñecida en xornadas acumuladas, diarias e completas, inmediatamente despois de acceder á xubilación parcial

Non se admitirán xubilacións parciais nin se prorrogarán, de telas recoñecidas, unha vez alcanzada a idade legal de xubilación ordinaria e que se teñan adquirido os requisitos exixidos pola normativa de Seguridade Social para ter dereito ao 100 % da pensión de xubilación.

Artigo 40. Formación

Para cursar estudos oficiais con regularidade poderase solicitar a correspondente redución de xornada, que levará implícita a redución de salario correspondente.

– Antes da finalización do primeiro trimestre de cada ano, o departamento de recursos humanos elaborará un plan de formación adaptado ás necesidades profesionais do cadro de persoal. Este plan será acordado coa representación dos traballadores.

– Considerarase tempo traballado para todos os efectos cando os cursos teñan lugar dentro do horario de traballo e sempre que sexan de formación continua. Cando a asistencia sexa obrigatoria, os traslados compensaranse horariamente.

Así mesmo, para facilitar a formación profesional e o desenvolvemento persoal, concederanse permisos para os seguintes supostos:

– Permiso retribuído para concorrer a exames finais e probas de aptitude e avaliación para a obtención dun título académico ou profesional recoñecido, durante o tempo preciso para a súa execución e desprazamento.

– Permisos retribuídos, cun límite de 50 horas ao ano, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional (oficiais e/ou non oficiais) e con contido directamente relacionado coas actividades da organización.

– Para cursar estudos oficiais con regularidade, poderase solicitar a correspondente redución de xornada, así como elixir a quenda.

Artigo 41. Concepto de minusvalidez

Entenderase por minusvalidez aquela que experimenten persoas con posibilidades de integración educativa, laboral ou social que estean diminuídas nun grao igual ou superior ao 33 %, como consecuencia dunha deficiencia previsiblemente permanente, de carácter conxénito ou non, nas súas capacidades físicas, psíquicas ou sensoriais.

Artigo 42. Reserva

O Sindicato Nacional tenderá, nas novas contratacións, a empregar un número de traballadores discapacitados non inferior ao 5 % do cadro de persoal, entre os que se encontren inscritos como tales no correspondente rexistro de traballadores discapacitados da oficina de emprego.

Non poderán considerarse dentro da cota de reserva aqueles traballadores que adquiren unha minusvalidez como consecuencia de accidente e enfermidade profesional ou accidente e enfermidade común, que estivesen prestando os seus servizos para a Comisión Executiva.

Artigo 43. Reincorporación de traballadores discapacitados

O Sindicato Nacional conservará o nivel salarial e profesional dos traballadores con discapacidade que pasen a ter a consideración de tales despois dun accidente de traballo, enfermidade ou accidente non laboral, sobrevido despois do seu ingreso no sindicato.

Nesta circunstancia, o sindicato estará obrigado a adaptar o posto de traballo ás novas condicións físicas, psíquicas ou sensoriais do/da traballador/a, en función da súa discapacidade.

Cando os organismos correspondentes consideren que a adaptación non se pode levar a cabo, daráselle ao/á traballador/a un posto de traballo compatible coa súa minusvalidez. O/a traballador/a poderá optar entre que se lle pague o salario que corresponda ao novo posto de traballo ou que se lle manteña o que en cada momento sexa asignado á categoría e posto do traballo anterior.

Artigo 44. Selección

Para poder concorrer ás probas de acceso a prazas reservadas para discapacitados, acreditaranse, mediante un certificado emitido polos organismos correspondentes, as capacidades residuais laborais do interesado, así como as adaptacións necesarias para a realización das probas de selección, se isto for necesario, para garantir a equidade da súa realización.

Artigo 45. Relación de postos de traballo

Por acordo entre a RLPT e o departamento de recursos humanos, establecerase a relación dos postos de traballo que deban destinarse preferentemente aos discapacitados e os que se lles deben reservar con preferencia absoluta. Esta relación será aprobada pola CEN.

Artigo 46. Xornada

Os traballadores e traballadoras discapacitados poderán realizar unha xornada de traballo inferior á que se establece neste convenio, por pedimento do interesado. A súa duración adecuarase ás súas condicións físicas, psíquicas ou sensoriais, e a remuneración será proporcional ao tempo de prestación dos seus servizos.

CAPÍTULO VII

Dereitos sindicais

Artigo 47. Dereitos sindicais

Todos os previstos pola lexislación vixente e, en particular, todo o persoal asalariado do Sindicato Nacional terá dereito a:

1. O persoal laboral do Sindicato Nacional terá dereito a tempos retribuídos para asistir ás asembleas convocadas pola RLPT en tempo de traballo. A convocatoria das ditas asembleas realizarase logo de llo comunicar ao departamento de recursos humanos con, cando menos, 48 horas de antelación.

2. Información relativa á actividade e xestión do Sindicato Nacional en todos os ámbitos e a través dos distintos medios, se teñen a condición de afiliados/as.

3. Participación, mediante as persoas representantes de persoal, en todas as funcións previstas neste convenio.

4. Participación nas distintas actividades sindicais e culturais do sindicato. As persoas representantes terán dereito a:

1. Participar nos cursos de formación sindical e profesional.

2. Dispor do crédito de horas mensuais que legalmente lles correspondan, coa posibilidade de transvasalas entre elas.

3. Acceder á información das contas, balances e situación económica xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia e organizacións do seu ámbito.

4. No caso de que as persoas que representan o persoal teñan necesidade de desprazarse a algunha localidade para resolveren asuntos relacionados coas súas funcións, os gastos de desprazamento serán por conta do Sindicato Nacional.

5. Ser informadas polo departamento de recursos humanos das sancións ou amoestacións impostas, independentemente do seu grao, antes de facelas efectivas.

6. Ser consultadas sobre calquera modificación ou variación nos contratos ou condicións laborais dos traballadores e traballadoras antes de que estas se efectúen.

7. Convocar ou ser convocadas polo departamento de recursos humanos para trataren todas aquelas cuestións que, pola súa importancia, se considera que deban ser tratadas dun xeito colectivo.

O Comité Intercentros do Persoal Laboral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia estará composto por todos os membros da representación legal das persoas traballadoras.

Elixirá entre os seus membros un presidente ou presidenta e un secretario ou secretaria, e elaborará o seu propio regulamento de funcionamento interno.

Reunirase polo menos unha vez cada dous meses.

As funcións do Comité Intercentros en ningún caso invalidarán as das persoas delegadas de persoal, agás que estas deleguen algunha función puntualmente no dito comité.

As funcións do Comité Intercentros serán:

– A negociación do convenio colectivo do persoal laboral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia.

– A negociación colectiva de ámbito xeral coa dirección do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia.

– Debater (recibir información e emitir opinión) sobre os medios de control horarios.

– Recibir información das vacantes e postos de nova creación, do perfil aplicable ás persoas candidatas e á categoría profesional.

– Designación entre as persoas integrantes, ata un máximo de 3 membros, que deben formar as distintas comisións que se creen para calquera efecto.

– Acordar no primeiro trimestre de cada ano o plan de formación adaptado ás necesidades do cadro de persoal.

– Participación na elaboración do protocolo para tratar as condutas de acoso.

– Acordar a relación de postos de traballo que deban destinarse preferentemente ás persoas con discapacidade e os que se lles deben reservar con preferencia absoluta.

– Calquera outra que figure asignada no texto deste convenio colectivo.

CAPÍTULO VIII

Réxime disciplinario

Artigo 48. Relacións laborais

A representación do Sindicato Nacional, para os efectos das relacións laborais e o cumprimento do convenio, correspóndelle á CEN, a cal delega as funcións que non lle estean expresamente reservadas no presente convenio no departamento de recursos humanos.

Artigo 49. Faltas e sancións

1. Faltas.

Leves:

– Catro faltas de puntualidade na entrada e na saída nun período de 30 días naturais consecutivos sen que exista causa xustificada.

– Faltar ao traballo un día nun período de 30 días naturais consecutivos sen causa xustificada.

– A desatención e falta de corrección no trato coas persoas traballadoras afiliadas ou non, tanto persoal laboral como sindicalista, como persoal interno como externo.

– O abandono do traballo sen causa xustificada.

– Non informar os/as superiores, nas primeiras horas da xornada, das causas de inasistencia, agás que existan motivos xustificados.

Graves:

– Impuntualidade non xustificada en dez ocasións nun período de 90 días naturais consecutivos.

– Faltar ao traballo de dous a catro días nun período de 30 días naturais consecutivos sen causa xustificada.

– A simulación de enfermidade ou accidente.

– A realización, sen permiso, de traballos particulares durante a xornada laboral.

– Simular a presenza doutro traballador ou traballadora utilizando calquera medio para este fin.

– As ofensas de palabra ou de obra contra persoas, cometidas dentro do centro de traballo, cando non revistan gravidade.

– A embriaguez ocasional ou toxicomanía ocasional, se repercuten negativamente no traballo.

– A neglixencia no traballo.

– Cambiar, mirar ou remexer nos efectos persoais doutros compañeiros ou compañeiras sen a debida autorización.

– A reincidencia na comisión de tres ou máis faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza e sempre que houbese sanción nun período de 90 días naturais consecutivos.

Moi graves:

– Faltar ao traballo durante máis de catro días nun período de 30 días naturais consecutivos, sen causa xustificada.

– A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas.

– A apropiación, roubo ou furto, tanto aos demais traballadores ou traballadoras como ao sindicato ou a calquera persoa dentro dos locais do sindicato, ou fóra deles en tempo de traballo.

– A reincidencia en tres ou máis faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro do mesmo ano, sempre que se impuxesen sancións.

– A realización de actividades que impliquen competencia desleal contra o sindicato.

– A violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo para o sindicato.

– O abuso de autoridade exercido por quen desempeñe funcións de mando.

– O acoso sexual ou por razón de sexo, ou por razón de xénero.

– O acoso moral.

– A embriaguez habitual ou toxicomanía habitual, se repercuten negativamente no traballo.

– A ocultación maliciosa de erros propios ou mala fe na prestación de servicios, que causen prexuízo grave á organización.

– As ofensas de palabra ou de obra contra persoas, cometidas dentro do centro de traballo, cando revistan gravidade.

2. Sancións.

As sancións aplicables, segundo a gravidade e circunstancias das faltas cometidas, serán as seguintes:

Leves:

– Amoestación verbal.

– Amoestación escrita.

– Suspensión de emprego e soldo de 1 día, só aplicable nos casos dunha ausencia sen xustificar.

Graves:

– Suspensión de emprego e soldo de dous a dez días.

– Inhabilitación, por un prazo non superior a un ano, para o ascenso a categorías superiores.

Moi graves:

– Suspensión de emprego e soldo de once días a tres meses.

– Inhabilitación durante dous anos para pasar a categorías superiores.

– Despedimento.

Para a aplicación das sancións terase en conta o maior ou menor grao de responsabilidade de quen comete a falta e a repercusión do feito no resto do persoal e na actividade do sindicato.

3. Procedemento sancionador.

A notificación das faltas requirirá comunicación escrita á persoa traballadora, facendo constar a data en que se cometeu e os feitos que a motivan, quen deberá xustificar a recepción.

Na notificación farase constar a sanción imposta e a data do seu cumprimento conforme proceda, observándose en todo caso o disposto no artigo 64.1.7 do ET e no artigo 10.3.3 da Lei orgánica de liberdade sindical.

Para a imposición de calquera sanción, salvo as leves que serán comunicadas á RLPT, será necesaria a incoación dun expediente disciplinario acordado pola CEN.

Expediente disciplinario para faltas graves:

A apertura do expediente para sancións graves deberá comunicarse, mediante prego de cargo, á persoa interesada, que poderá, no prazo de 5 días naturais, impugnalo mediante prego de descargo. Simultaneamente, comunicarase á RLPT, que poderá emitir informe por escrito nun prazo de 5 días laborables tras recibir a comunicación. A duración do mencionado expediente non poderá prolongarse máis aló de 25 días laborables desde que sexa comunicado á persoa interesada e ás súas persoas representantes. As persoas interesadas poderán intervir en cantas probas se realicen para o esclarecemento dos feitos imputados.

Expediente disciplinario para faltas moi graves:

A apertura do expediente deberá comunicarse por escrito á persoa interesada e á representación legal das persoas traballadoras, así como á organización de que funcionalmente dependa a persoa traballadora. A CEN nomeará un instrutor/a e un secretario/a para a tramitación do expediente. As persoas interesadas poderán intervir en cantas probas se realicen para o esclarecemento dos feitos imputados.

A duración do mencionado expediente non poderá exceder os 60 días naturais. O órgano instrutor elevará á Comisión Executiva Nacional a proposta da sanción que proceda, de conformidade co presente convenio colectivo.

Serán nulas as sancións por faltas graves ou moi graves impostas sen observar o procedemento de sancións aquí exposto.

Artigo 50. Acoso

Incorporarase ao texto do convenio o protocolo de actuación sobre o acoso que está a confeccionar o Sindicato Nacional.

CAPÍTULO IX

Comisión Paritaria

Artigo 51. Comisión de Interpretación, Vixilancia e Estudo do Convenio

Constitúese unha Comisión Paritaria composta por unha representación da RLPT e unha representación da dirección do Sindicato Nacional, para resolver as cuestións que deriven da interpretación ou aplicación do convenio.

Xuntarase por pedimento de calquera das partes mediante convocatoria expresa comunicada cun mínimo de dez días de antelación, salvo razón de urxencia acordada por ambas as partes e con indicación dos asuntos que se van tratar.

Os acordos que adopte a Comisión terán forza vinculante para ambas as partes.

Artigo 52. Xuntanzas periódicas entre a RLPT e o departamento de recursos humanos

Realizaranse un mínimo de dúas xuntanzas anuais, que coincidirán co proceso de elaboración de orzamentos e das contas anuais.

Nestas xuntanzas a orde do día establecerase por mutuo acordo entre as partes, e ambas quedan comprometidas coa súa convocatoria.

Disposición adicional primeira

A percepción do complemento funcional de posto de traballo depende exclusivamente do exercicio da actividade profesional no posto de traballo, polo que non terá carácter consolidable. Nestes supostos non serán de aplicación as regras de absorción e compensación.

Disposición adicional segunda

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que, con carácter individual, se viñesen desfrutando.

Disposición adicional terceira

O posto de xefe/a de Administración estará encadrado no nivel catro, técnico medio, e percibirá o complemento funcional que lle sexa asignado.

Disposición adicional cuarta

É propósito de ambas as partes evitar, na medida do posible, a adopción de decisións que supoñan a redución e perda de postos de traballo e a extinción de contratos como mecanismo para afrontar as dificultades económicas que poida padecer o sindicato. Con carácter previo á adopción de tales medidas, baseadas nas causas do despedimento obxectivo, deberán utilizarse mecanismos de suspensión e modificación temporal de condicións de traballo, e abrirase un período de negociacións coa representación legal dos traballadores non superior a trinta días. Só se quedar constancia de que co uso destes mecanismos de suspensión e modificación temporal non se conseguen superar as dificultades, ou por acordo coa representación legal dos traballadores, se procederá á adopción de medidas extintivas.

Crearase unha Comisión Paritaria formada por tres representantes da dirección do Sindicato Nacional e outros tantos da representación das persoas traballadoras, para a regulación e confección dunha bolsa de emprego en que se integrarán os traballadores e traballadoras que, se for o caso, vexan extinguidos finalmente os seus contratos nas circunstancias descritas no parágrafo anterior, e conservarán, durante a vixencia deste convenio colectivo 2020-2025, un dereito preferente de reingreso con ocasión dunha vacante nos postos de traballo do seu grupo profesional ou perfil profesional. Os criterios de selección e preferencia, así como calquera outra circunstancia, regularanse mediante acordo desta Comisión Paritaria.

Disposición adicional quinta

No período dun mes desde a sinatura deste convenio constituiranse dúas comisións, unha de clasificación profesional e outra de teletraballo. Os traballos desas comisións serán sometidos á aprobación por parte das representacións respectivas para a súa incorporación ao convenio colectivo.

Do mesmo modo, poderanse designar outras comisións, incluso, encomendar á anterior outros traballos de desenvolvemento e integración do convenio colectivo para a súa posterior aprobación e inclusión nel.

ANEXO

Táboas salariais 2024

(Táboas salariais coa actualización do 3,50 % no ano 2024)

Nivel

Salario total anual (€)

Salario base mensual con pro rata de pagas extra (€)

Salario base mensual (€)

Pro rata pagas extra (€)

14

21.179,43

1.764,95

1.512,82

252,14

13

22.203,12

1.850,26

1.585,94

264,32

12

23.572,93

1.964,41

1.683,78

280,63

11

24.919,99

2.076,67

1.780,00

296,67

10

25.336,30

2.111,36

1.809,74

301,62

9

27.320,13

2.276,68

1.951,44

325,24

8

25.428,56

2.119,05

1.816,33

302,72

7

25.553,56

2.129,46

1.825,25

304,21

6

27.320,13

2.276,68

1.951,44

325,24

5

28.592,99

2.382,75

2.042,36

340,39

4

31.921,50

2.660,12

2.280,11

380,02

3

36.087,84

3.007,32

2.577,70

429,62

2

40.635,05

3.386,25

2.902,50

483,75

1

43.532,59

3.627,72

3.109,47

518,25