DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 26 de marzo de 2024 Páx. 20904

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre a supresión do posto de traballo de colaboración denominado adxunto a secretaría, clase 3ª, do Concello de Soutomaior, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría-intervención.

Vista a solicitude presentada polo Concello de Soutomaior de supresión do posto de traballo de colaboración denominado adxunto a secretaría, clase 3ª, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base no seguinte

Antecedente de feito:

Primeiro e único. O Concello de Soutomaior presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (2024/292984, 2024/232290 e 2024/247373) solicitude de supresión do posto de traballo de adxunto a secretaría, clase 3ª, de colaboración coas funcións de secretaría-intervención, reservado á escala de funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría-intervención, clase terceira, ao abeiro do disposto no artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (en diante, Decreto 49/2009).

Acompaña a esta solicitude a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa da supresión do posto de colaboración denominado adxunto a secretaría, clase 3ª.

– Certificación da secretaria-interventora municipal acreditativa dos recursos ordinarios de que dispón a entidade local segundo o último orzamento aprobado, polo importe de 4.806.084,00 €.

– Certificación da secretaria-interventora municipal relativa á última cifra do padrón municipal, que ascende a un total de 7.603 habitantes.

– Certificación da secretaria-interventora municipal do Acordo do Pleno do Concello de Soutomaior do 6.11.2023 polo que se acorda aprobar inicialmente a modificación da relación de postos de traballo pola que se suprime o posto de colaboración acompañado da documentación que acredita que, logo de realizar a publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 216, do 9.11.2023, non se achegaron alegacións, polo que se aproba definitivamente e se publica no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 239, do 14.12.2023.

Coa citada documentación pode considerarse completado o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 92.bis, número 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante, LRBRL), dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.

As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).

Segundo. O artigo 6 do Real decreto 128/2018 establece que son postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria e a contabilidade, tesouraría e recadación. Debe ser a relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local onde queden reflectidas a denominación e características esenciais dos citados postos de traballo reservados.

Terceiro. Pola súa banda, o artigo 15 do Real decreto 128/2018 regula a posibilidade das entidades locais de crear e suprimir discrecionalmente outros postos de traballo que teñan atribuídas funcións de colaboración inmediata e auxilio ás de secretaría, intervención e tesouraría. Estes postos de traballo estarán reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional e exercerán as súas funcións baixo a dependencia funcional e xerárquica dos titulares dos últimos postos de traballo mencionados.

A estes postos de colaboración corresponderanlles as funcións reservadas que, logo de autorización do alcalde ou presidente da corporación, lles encomenden os titulares dos postos reservados de secretaría, intervención e tesouraría, e a substitución destes últimos nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia de causa de abstención ou recusación legal ou regulamentaria destes.

A creación e supresión destes postos de traballo de colaboración constitúe unha manifestación do exercicio dunha potestade discrecional que a normativa estatal atribúe ás entidades locais, enmarcada nas súas potestades de autoorganización, e exteriorízase a través do acto de modificación do cadro de persoal e/ou relación de postos de traballo, e cuxa eficacia queda condicionada ao exercicio das competencias autonómica en materia de clasificación de postos reservados, de acordo co artigo 92.bis, número 4, da LRBRL.

O Concello de Soutomaior xustifica a supresión do dito posto de colaboración de adxunto a secretaría, clase 3ª, sinalando que este estaba vacante desde 2022, e foron asumidas pola secretaria-interventora a totalidade das funcións reservadas á intervención establecidas no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Na memoria indícase que nos últimos anos no Concello de Soutomaior se produciu unha redución de cargas administrativas no servizo de intervención debido á asunción por parte dos servizos do ORAL da Deputación Provincial de Pontevedra, logo de delegación, da inspección, xestión, liquidación e recadación da totalidade dos tributos municipais, así como pola implantación dun programa de xestión de contabilidade integrada. Polo que, por razóns orzamentarias e de eficiencia organizativa, o Concello non considera procedente manter o posto de traballo de colaboración de adxunto a secretaría, clase 3ª, e será a persoa titular do posto de secretaria-intervención a que desenvolverá a totalidade das tarefas reservadas co apoio administrativo do persoal ao seu cargo.

Cuarto. O artigo 10 do Decreto 49/2009 establece as normas xerais de clasificación de postos, e no seu número 6 indica que a supresión de postos reservados seguirá o procedemento regulado neste artigo para a súa clasificación.

O artigo 29.3.g) do Decreto 117/2022, do 23 de xuño (modificado polo Decreto 144/2023, do 9 de novembro), polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, atribúe á Dirección Xeral de Administración Local a execución das competencias que, con respecto ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Suprimir, por instancia do Concello de Soutomaior, o posto de colaboración denominado adxunto a secretaría, clase 3ª, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría-intervención.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo de un mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local