DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20751

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 7 de marzo de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Serra de San Salvador e Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Estevesiños, no concello de Monterrei.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Serra de San Salvador e Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Estevesiños, no concello de Monterrei, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 17.2.2023 a CMVMC de Estevesiños presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/571317) de revisión de esbozo do MVMC Serra de San Salvador e Veiga, no concello de Monterrei.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 6.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 9 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares correspondentes ao predio Serra de San Salvador, o cal constitúe o couto redondo principal do monte. Quedaría sen revisar o perímetro correspondente ao predio Veiga, que posúe unha reducida extensión en relación ao anterior.

A superficie do MVMC Serra de San Salvador e Veiga, unha vez revisado o esbozo, sería de 131,41 ha fronte ás 139 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 5,4 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC Serra de San Salvador e Veiga.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Serra de San Salvador e Veiga, pertencente á CMVMC de Estevesiños, no concello de Monterrei.

Ourense, 11 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense