DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20753

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 11 de marzo de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Parderrubias, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Parderrubias, no concello da Merca.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Parderrubias, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Parderrubias, no concello da Merca, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC de Parderrubias presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2391762) de revisión parcial de esbozo do MVMC de Parderrubias, no concello da Merca.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 5.6.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 11 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto da revisión de esbozo é o perímetro lindeiro con particulares, quedando 4 zonas sen revisar, que suman un total de 571 m de perímetro, pois aparecen dúbidas de propiedade non resoltas pola comunidade propietaria. Estas zonas péchanse unindo a liña revisada ao esbozo existente, permanecendo este perímetro como sen revisar, polo que non se terá en conta esta liña trazada provisional a calquera efecto, liña sen aprobar por parte da comunidade de Parderrubias.

A superficie do MVMC de Parderrubias resultante, tras unir o esbozo parcial presentado segundo o punto 3, resulta de 463,32 ha fronte as 469 ha da clasificación, o que supón unha redución de superficie do 1 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do esbozo do MVMC de Parderrubias.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 11 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Parderrubias, pertencente á CMVMC de Parderrubias, no concello da Merca.

Ourense, 11 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense