DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20515

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 23 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. (expediente IN408A 2020/115).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Alto Torreiro.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U., cunha potencia de 15,825 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, EDP Renovables España, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 132.255 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.3.2023, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

Tamén deberá presentar un plano onde se reflicta a configuración final do proxecto, así como unha táboa coas coordenadas UTM (ETRS89) das posicións definitivas dos aeroxeradores e da torre meteorolóxica.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización de Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), de Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. (UFD) e do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 17.3.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 21.7.2020, o promotor, EDP Renovables España, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña). O 12.1.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009.

2. O 22.1.2021, e para os efectos de elaborar un documento de alcance segundo o disposto no artigo 33.4 da Lei 8/2009, así como o informe a que fai referencia o artigo 33.5 (na redacción de entón vixente da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental), esta dirección xeral solicitou a emisión dos ditos informes ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

3. O 13.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

4. O 3.5.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental, indicando os trámites que se deberán realizar na avaliación de impacto ambiental ordinaria, coa relación de organismos e persoas interesadas a que debe pedir informe sobre o estudo de impacto ambiental (EIA), de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

5. O 3.8.2021, o promotor, EDP Renovables España, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para a modificación substancial do parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña). O 25.3.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle o cumprimento de requisitos da solicitude da modificación. A modificación solicitada consiste, con carácter xeral, no cambio do número e no desprazamento das posicións dos aeroxeradores, da torre de medición e da subestación.

6. O 25.3.2022, e para os efectos de obter o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, esta dirección xeral solicitou a emisión do dito informe ao órgano competente en materia do territorio.

7. O 20.4.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico Alto Torreiro, onde se indica que «1 das 4 posicións non cumpre a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada na disposición adicional quinta da Lei 8/2009 respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado. Concretamente, o aeroxerador ATR-02 non cumpre a distancia mínima de 500 m respecto do núcleo rural de Regoseco, no concello de Cabana de Bergantiños».

8. O 4.5.2022, o promotor, EDP Renovables España, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para unha nova modificación substancial do parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e de Coristanco (A Coruña). O 18.5.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle o cumprimento de requisitos da solicitude da modificación. A modificación solicitada consiste, con carácter xeral, no desprazamento da posición do aeroxerador ATR-02.

9. O 19.5.2022, e para os efectos de obter o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, esta dirección xeral solicitou a emisión do dito informe ao órgano competente en materia do territorio.

A disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, indica no seu punto segundo:

«Para os proxectos admitidos a trámite antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os requisitos de distancias a núcleos de poboación establecidos na disposición adicional quinta serán aplicables unicamente no caso de modificacións substanciais de proxectos, solicitadas a partir da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que, por supoñeren efectos ambientais distintos dos previstos inicialmente, requiran o inicio dunha nova tramitación ambiental, e sempre que estas modificacións non veñan impostas por un informe sectorial que motive esta modificación. No resto dos casos, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitados será de 500 metros».

De acordo co establecido na dita disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitados para a modificación substancial do parque eólico Alto Torreiro será de 500 metros, por vir motivada a modificación polo informe do 20.4.2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

10. O 14.6.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico Alto Torreiro, onde se indica que todas as posicións cumpren a distancia mínima de 500 metros respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

11. O 7.7.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Alto Torreiro á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

12. Mediante o Acordo do 30.8.2022, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Alto Torreiro, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) (expediente IN408A 2020/115).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.9.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cabana de Bergantiños e Coristanco), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

13. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Telefónica de España, S.A, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Concello de Cabana de Bergantiños e Concello de Coristanco.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa) o 31.10.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 7.9.2022, o 30.11.2022 e o 9.5.2023, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o 27.2.2023 e o 2.5.2023, Telefónica de España, S.A. o 15.9.2022, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 19.11.2022 e Concello de Cabana de Bergantiños o 30.9.2022.

Con datas 27.2.2023 e 2.5.2023, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu un informe desfavorable relativo ao condicionado técnico para a localización do aeroxerador ATR-04.

Retevisión I, S.A.U. presentou, con data 19.9.2022, unha alegación en que fai constar que se producirán leves afectacións nos servizos de difusión do sinal de televisión que presta Retevisión e que non desexa manifestar oposición ao dito proxecto, sen prexuízo de requirir o compromiso da promotora de solucionar as posibles deficiencias que se poidan producir na recepción do sinal de televisión, unha vez construído o parque eólico.

O 10.10.2022, o promotor prestou a súa conformidade ao dito condicionado.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

14. O 2.3.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

15. O 15.3.2023, EDP Renovables España, S.L.U. achegou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a documentación técnica refundida do proxecto do parque eólico Alto Torreiro, como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

16. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Cabana de Bergantiños e Concello de Coristanco.

Cumprida a tramitación ambiental, o 17.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 64, do 31 de marzo).

17. O 17.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente ou declaración responsable de que a documentación técnica mencionada no antecedente de feito décimo quinto é a definitiva, así como declaración responsable relativa ás afeccións do parque eólico.

18. O 31.3.2023, EDP Renovables España, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito décimo sétimo, indicando que o proxecto achegado o 15.3.2023 (antecedente de feito décimo quinto) recolle todos os cambios introducidos durante a tramitación do expediente.

19. O 3.4.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle de novo ao promotor a remisión dunha declaración responsable relativa ás afeccións do parque eólico, así como unha separata técnica para obter o condicionado favorable da Axencia Galega de Infraestruturas.

20. O 18.4.2023, EDP Renovables España, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito décimo noveno, achegando unha declaración responsable en que indica que o proxecto entregado o 15.3.2023 recolle as características definitivas do proxecto, así como as distintas afeccións xa comunicadas aos distintos organismos, polo que non é necesario entregar novas separatas técnicas, agás a separata técnica para a súa remisión á Axencia Galega de Infraestruturas, que foi achegada o 25.4.2023.

21. O 9.5.2023, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu un informe desfavorable para a configuración do parque eólico Alto Torreiro.

O 16.6.2023, EDP Renovables España, S.L.U. achegou ante esta dirección xeral unha nova separata técnica para dar resposta ao dito informe desfavorable.

22. O 26.5.2023, EDP Renovables España, S.L.U. comunicoulle a esta dirección xeral a eliminación do aeroxerador ATR-04 e as súas infraestruturas asociadas para dar resposta aos informes do 27.2.2023 e 2.5.2023 desfavorables, no relativo ao condicionado técnico, emitidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

23. O 15.06.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico achegado o 6.6.2023 por EDP Renovables España, S.L.U. ante o dito Servizo de Enerxía e Minas denominado Parque eólico Alto Torreiro. Modificado substancial ao proxecto de execución. Concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) (xuño 2023), consistente na eliminación do aeroxerador ATR-04 e das súas infraestruturas asociadas, polo informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural mencionado no antecedente de feito décimo terceiro.

24. O 20.6.2023, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu un novo informe desfavorable para a configuración do parque eólico Alto Torreiro.

O 4.7.2023, EDP Renovables España, S.L.U. achegou ante esta dirección xeral unha nova separata técnica para dar resposta ao devandito informe desfavorable.

25. O 12.7.2023, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu un novo informe para a configuración do parque eólico Alto Torreiro en que indicaba que emitía informe favorable sobre o proxecto de execución do parque eólico Alto Torreiro modificado substancial, condicionado á realización das modificacións sinaladas no punto Informe, e con estrita suxeición ao condicionado técnico que se achega xunto co presente informe.

26. O 28.7.2023, EDP Renovables España, S.L.U. remitiulle a esta dirección xeral o proxecto de execución refundido denominado parque eólico Alto Torreiro. Modificado susbtancial ao proxecto de execución. Xullo 2023, visado número 231345 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Navarra e asinado o 27.7.2023 polo enxeñeiro superior industrial Rubén Pascual Hernández, así como o documento denominado Memoria de cambios solicitado pola Xefatura Territorial, unha declaración responsable do técnico competente e o arquivo shape da configuración final do parque eólico.

27. O 12.9.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico favorable, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico achegado o 28.7.2023 por EDP Renovables España, S.L.U., denominado parque eólico Alto Torreiro. Modificado substancial ao proxecto de execución. Xullo 2023.

28. O 25.1.2024, EDP Renovables España, S.L.U. remitiulle a esta dirección xeral a autorización do 23.1.2024, da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), para a configuración final do parque eólico Alto Torreiro.

29. O 1.2.2024, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o proxecto de execución coa configuración final do proxecto do parque eólico, para os efectos da emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

O 21.2.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe en que conclúe que «no que se refire á devandita solicitude, este servizo considera que non lle corresponde efectuar manifestacións ao respecto, xa que consta un informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ás modificacións propostas, o que xa estaba recollido no condicionado particular da declaración de impacto ambiental do parque eólico».

30. O 19.2.2024, EDP Renovables España, S.L.U. remitiulle a esta dirección xeral un documento de Red Eléctrica de España, S.A. (REE), asinado electronicamente o 15.2.2024, en que indica que o parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión vixentes á rede de transporte no nó Meirama 220 KV para unha potencia de 49,6 MW, con data do permiso de acceso do 21.8.2020 e do permiso de conexión 7.6.2022.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais