DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20491

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. (expediente IN408A 2020/115).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de EDP Renovables España, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Alto Torreiro, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data 21.7.2020, o promotor, EDP Renovables España, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña). Con data 12.1.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009.

Segundo. Con data 22.1.2021, e para os efectos de elaborar un documento de alcance segundo o disposto no artigo 33.4 da Lei 8/2009, así como o informe a que fai referencia o artigo 33.5 (na redacción de entón vixente da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental), esta dirección xeral solicitou a emisión dos ditos informes ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

Terceiro. Con data 13.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Cuarto. Con data 3.5.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental, indicando os trámites que habería que realizar na avaliación de impacto ambiental ordinaria coa relación de organismos e persoas interesadas aos que debe pedir informe sobre o estudo de impacto ambiental (EIA), de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Quinto. Con data 3.8.2021, o promotor, EDP Renovables España, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para a modificación substancial do parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña). Con data 25.3.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle o cumprimento de requisitos da solicitude da modificación. A modificación solicitada consiste, con carácter xeral, no cambio do número e no desprazamento das posicións dos aeroxeradores, da torre de medición e da subestación.

Sexto. Con data 25.3.2022, e para os efectos de obter o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, esta dirección xeral solicitou a emisión do dito informe ao órgano competente en materia de territorio.

Sétimo. Con data 20.4.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico Alto Torreiro, onde se indica que «1 das 4 posicións non cumpre a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada na disposición adicional quinta da Lei 8/2009 respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado. Concretamente, o aeroxerador ATR-02 non cumpre a distancia mínima de 500 m respecto do núcleo rural de Regoseco, no concello de Cabana de Bergantiños».

Oitavo. Con data 4.5.2022, o promotor, EDP Renovables España, S.L.U., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para unha nova modificación substancial do parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña). Con data 18.05.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle o cumprimento de requisitos da solicitude da modificación. A modificación solicitada consiste, con carácter xeral, no desprazamento da posición do aeroxerador ATR-02.

Noveno. Con data 19.5.2022, e para os efectos de obter o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, esta dirección xeral solicitou a emisión do dito informe ao órgano competente en materia de territorio.

A disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, indica no seu punto segundo:

«Para os proxectos admitidos a trámite antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os requisitos de distancias a núcleos de poboación establecidos na disposición adicional quinta serán aplicables unicamente no caso de modificacións substanciais de proxectos, solicitadas a partir da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que, por supoñeren efectos ambientais distintos dos previstos inicialmente, requiran o inicio dunha nova tramitación ambiental, e sempre que estas modificacións non veñan impostas por un informe sectorial que motive esta modificación. No resto dos casos, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitados será de 500 metros».

De acordo co establecido na dita disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitados para a modificación substancial do parque eólico Alto Torreiro será de 500 metros, por vir motivada a modificación polo informe do 20.4.2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Décimo. Con data 14.6.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico Alto Torreiro, onde se indica que todas as posicións cumpren a distancia mínima de 500 metros respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Décimo primeiro. Con data 7.7.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Alto Torreiro á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Décimo segundo. Mediante o Acordo do 30.8.2022, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Alto Torreiro, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) (expediente IN408A 2020/115).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.9.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cabana de Bergantiños e Coristanco), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Telefónica de España, S.A, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A, Concello de Cabana de Bergantiños e Concello de Coristanco.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa) o 31.10.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 7.9.2022, o 30.11.2022 e o 9.5.2023, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o 27.2.2023 e o 2.5.2023, Telefónica de España, S.A. o 15.9.2022, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 19.11.2022 e Concello de Cabana de Bergantiños o 30.9.2022.

Con datas 27.2.2023 e 2.5.2023, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu un informe desfavorable relativo ao condicionado técnico para a localización do aeroxerador ATR-04.

Retevisión I, S.A.U. presentou, con data 19.9.2022, alegación en que fai constar que se producirán leves afectacións nos servizos de difusión do sinal de televisión que presta Retevisión e que non desexa manifestar oposición ao dito proxecto, sen prexuízo de requirir o compromiso da promotora de solucionar as posibles deficiencias que na recepción do sinal de televisión se poidan producir unha vez construído o parque eólico.

Con data 10.10.2022, o promotor prestou a súa conformidade ao dito condicionado.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. Con data 2.3.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo quinto. Con data 15.3.2023, EDP Renovables España, S.L.U. achegou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a documentación técnica refundida do proxecto do parque eólico Alto Torreiro como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo sexto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Cabana de Bergantiños e Concello de Coristanco.

Cumprida a tramitación ambiental, o 17.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 64, do 31 de marzo).

Décimo sétimo. Con data 17.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente ou declaración responsable de que a documentación técnica mencionada no antecedente de feito décimo quinto é a definitiva, así como declaración responsable relativa ás afeccións do parque eólico.

Décimo oitavo. Con data 31.3.2023, EDP Renovables España, S.L.U deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito décimo sétimo, indicando que o proxecto achegado o 15.3.2023 (antecedente de feito décimo quinto) recolle todos os cambios introducidos durante a tramitación do expediente.

Décimo noveno. Con data 3.4.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle de novo ao promotor a remisión dunha declaración responsable relativa ás afeccións do parque eólico, así como unha separata técnica, para obter o condicionado favorable da Axencia Galega de Infraestruturas.

Vixésimo. Con data 18.4.2023, EDP Renovables España, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito décimo noveno, achegando unha declaración responsable en que indica que o proxecto entregado o 15.3.2023 recolle as características definitivas do proxecto, así como as distintas afeccións xa comunicadas aos distintos organismos, polo que non é necesario entregar novas separatas técnicas, agás a separata técnica para a súa remisión á Axencia Galega de Infraestruturas, que foi achegada o 25.4.2023.

Vixésimo primeiro. Con data 9.5.2023, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu un informe desfavorable para a configuración do parque eólico Alto Torreiro.

Con data 16.6.2023, EDP Renovables España, S.L.U. achegou ante esta dirección xeral unha nova separata técnica para dar resposta ao dito informe desfavorable.

Vixésimo segundo. Con data 26.5.2023, EDP Renovables España, S.L.U. comunicoulle a esta dirección xeral a eliminación do aeroxerador ATR-04 e ás súas infraestruturas asociadas para dar resposta aos informes desfavorables do 27.2.2023 e 2.5.2023, relativos ao condicionado técnico, emitidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Vixésimo terceiro. O 15.6.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico achegado o 6.6.2023 por EDP Renovables España, S.L.U ante o dito Servizo de Enerxía e Minas denominado parque eólico Alto Torreiro. Modificado substancial ao proxecto de execución. Concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) (xuño 2023), consistente na eliminación do aeroxerador ATR-04 e das súas infraestruturas asociadas, polo informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural mencionado no antecedente de feito décimo terceiro.

Vixésimo cuarto. Con data 20.6.2023, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu un novo informe desfavorable para a configuración do parque eólico Alto Torreiro.

Con data 4.7.2023, EDP Renovables España, S.L.U achegou ante esta dirección xeral unha nova separata técnica para dar resposta ao dito informe desfavorable.

Vixésimo quinto. Con data 12.7.2023, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu un novo informe para a configuración do parque eólico Alto Torreiro, no que indicaba que emitía informe favorable sobre o proxecto de execución do parque eólico Alto Torreiro modificado substancial, condicionado á realización das modificacións sinaladas no informe, e con estrita suxeición ao condicionado técnico que se achega xunto co presente informe.

Vixésimo sexto. Con data 28.7.2023, EDP Renovables España, S.L.U. remitiulle a esta dirección xeral o proxecto de execución refundido denominado parque eólico Alto Torreiro. Modificado substancial ao proxecto de execución. Xullo 2023, visado número 231345 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Navarra e asinado o 27.7.2023 polo enxeñeiro superior industrial Rubén Pascual Hernández, así como o documento denominado Memoria de cambios solicitado pola Xefatura Territorial, unha declaración responsable do técnico competente e o arquivo shape da configuración final do parque eólico.

Vixésimo sétimo. O 12.9.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico favorable, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico achegado o 28.7.2023 por EDP Renovables España, S.L.U. denominado parque eólico Alto Torreiro. Modificado substancial ao proxecto de execución. Xullo 2023.

Vixésimo oitavo. Con data 25.1.2024, EDP Renovables España, S.L.U. remitiulle a esta dirección xeral a autorización do 23.1.2024 da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico Alto Torreiro.

Vixésimo noveno. Con data 1.2.2024, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o proxecto de execución coa configuración final do proxecto do parque eólico, para os efectos da emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Con data 21.2.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe en que conclúe que «no que se refire á solicitude antedita, este servizo considera que non lle corresponde efectuar manifestacións ao respecto, xa que consta un informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ás modificacións propostas, o que xa estaba recollido no condicionado particular da declaración de impacto ambiental do parque eólico».

Trixésimo. Con data 19.2.2024, EDP Renovables España, S.L.U. remitiulle a esta dirección xeral un documento de Red Eléctrica de España, S.A. (REE), asinado electronicamente o 15.2.2024, en que indica que o parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión vixentes á rede de transporte no nó Meirama 220 KV para unha potencia de 49,6 MW, con data do permiso de acceso do 21.8.2020 e do permiso de conexión 7.6.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación), no Decreto 59/2023, do 15 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro), e pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 29 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data 7.6.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«1) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico contén unha avaliación de efectos sinérxicos cunha zona de estudo nun raio de 10 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos en funcionamento ou en proxecto Silvarredonda, Mouriños, Fontesilva, Monte da Barda, Malpica Repotenciación, Fontesilva Ampliación, Zas Repotenciación, Monte Agrelo e Muriño, Bustelo e Baralláns, Monte Neme, Brañas, Salgueiras, O Cerqueiral e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

2) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.3.2023, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Concello de Cabana de Bergantiños, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Planificación e Ordenación Forestal, de Defensa do Monte, de Desenvolvemento Rural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

3) O organismo Augas de Galicia informou, o 31.10.2022, que se conclúe que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán terse en conta as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas nos documentos sometidos a informe.

4) No expediente consta informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 5.1.2023, favorable condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras da documentación e información sobre as medidas preventivas e correctoras no manexo de hexaAluoruro de xofre (SF6 ). Con respecto ao efecto de pestanexo de sombras, deberá indicar as medidas protectoras e correctora nos casos en que se supera o limiar de 8h/ano, e considerar, de non seren suficientes esas medidas propostas, a posibilidade de acometer paradas técnicas para garantir o cumprimento dos limiares. Así mesmo, deberá achegar un plan de vixilancia e seguimento ambiental ao exceder os limiares establecidos.

Con respecto ás augas residuais/verteduras, deberá referir a dispoñibilidade de pozos para a recollida de posibles fugas de aceite baixo os transformadores dos aeroxeradores.

5) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou, o 16.11.2022, que a instalación do parque eólico ocupará exclusivamente montes privados de particulares, sen resultaren afectados montes públicos demaniais ou patrimoniais, montes veciñais en man común, nin masas consolidadas de frondosas autóctonas ou infraestruturas forestais relevantes.

Durante a realización dos traballos debe evitarse a corta innecesaria do arboredo, respectando dentro do posible os pés illados de frondosas autóctonas e a vexetación de ribeira, polo que se identificarán e sinalizarán previamente estas masas co fin de diminuír o risco de danos accidentais pola maquinaria. De ser necesario, estableceranse medidas para o saneamento dos danos causados ao arboredo nos accesos e zonas adxacentes aos traballos, e a restauración da vexetación das zonas ocupadas temporalmente. A xestión da biomasa realizarase por medios mecánicos, rexeitando a súa queima ou o emprego de fitocidas.

Na xestión de cortas de madeira deberase cumprir o establecido no Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos nos montes ou terreos forestais de xestión privada.

O 21.11.2022, a Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe favorable, tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións do informe de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais, etc).

6) No expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 28.10.2022 e 6.2.2023 que conclúen que, aínda que non é viable ocultar ou apantallar os aeroxeradores desde a maioría dos puntos de observación (agás nos núcleos rurais), esta incidencia visual non supón (para os efectos do artigo 33.1.d) do RLPPG) un impacto crítico.

7) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultural emitiu o 27.2.2023 un informe desfavorable á instalación do aeroxerador ATR-4, á torre de medición e á infraestrutura asociada do parque eólico Alto Torreiro. En canto ao resto das infraestruturas deseñadas para este parque eólico, emítese informe favorable sempre que se apliquen as medidas protectoras e correctoras indicadas na avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural, que constitúe o anexo 4 do EIA, así como as consideracións e condicionantes que se relacionan.

8) En canto ás metodoloxías de seguimento e recomendacións para reducir o impacto ambiental recollidas no proxecto, estas están adaptadas ao contexto específico.

9) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

10) No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 14.6.2022, recóllese: «conclúese que todas as posicións cumpren a distancia mínima de 500 m respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable».

11) En canto á cualificación do solo, tras a aprobación do proxecto de interese autonómico (PIA), o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

12) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 30.8.2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) (PIA) do proxecto do parque eólico Alto Torreiro, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) (expediente IN408A 2020/115).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco, na Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, así como no Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

13) Con respecto ás instalacións de evacuación, a Lei 23/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e a súa normativa de desenvolvemento establecen que as infraestruturas de evacuación formarán parte das instalacións de produción eléctrica, pero en ningún caso obrigan a que a tramitación e autorización de ambas as instalacións deba realizarse necesariamente de forma conxunta.

Tanto a Lei 24/2013 como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

14) En relación cos posibles problemas de estabilidade do solo ocasionados polos labores mineiros de interior existentes na contorna, con independencia das consecuencias da afección ao patrimonio cultural do aeroxerador previsto AT04, ao non existir unha cartografía detallada dos labores mineiros antigos referenciados, con carácter previo ao inicio das obras o promotor deberá realizar os estudos xeotécnicos necesarios para garantir a estabilidade das instalacións do parque.

15) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

16) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, que deberán ser compensadas axeitadamente polo promotor aos titulares dos terreos afectados.

17) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

18) En canto á pretendida saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia e falta de xustificación da necesidade do parque eólico, os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, da saúde e da economía.

Existe unha falsa percepción sobre que a potencia eléctrica instalada actualmente proveniente de enerxías renovables é suficiente para cubrir as necesidades de Galicia; neste senso, segundo o recente informe «O sector enerxético galego: presente e futuro», elaborado polo Consello Económico e Social de Galicia en colaboración coa Universidade da Coruña, o 75 % dos recursos enerxéticos de Galicia son importados.

Non obstante, cómpre expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos, nos seguintes termos:

Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 17.3.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Alto Torreiro, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.3.2023, e recollida no antecedente de feito décimo sexto desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Alto Torreiro, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Alto Torreiro.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Alto Torreiro, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U., para unha potencia de 15,825 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Alto Torreiro, composto polo documento parque eólico Alto Torreiro. Modificado substancial ao proxecto de execución. Concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) (xullo 2023), con visado número 231345 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Navarra e asinado polo enxeñeiro superior industrial Rubén Pascual Hernández, colexiado núm. 1546, o 27.7.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: EDP Renovables España, S.L.U.

Domicilio social: rúa Serrano Galvache, 56-3º andar, Edificio Empresarial Parque Norte, 28033 Madrid.

Denominación: parque eólico Alto Torreiro.

Potencia instalada: 15,825 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 15,825 MW.

Produción neta: 49.000 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.097 h.

Concellos afectados: Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 13.625.402,18 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A01

517.374,68

4.783.163,30

A02

516.866,82

4.783.248,27

A03

515.740,75

4.783.931,56

A04

513.738,14

4.784.199,63

A05

513.636,62

4.785.075,91

A06

512.883,08

4.784.868,17

A07

512.898,15

4.783.917,04

A08

512.024,04

4.783.882,65

A09

511.602,65

4.784.476,90

A10

511.176,01

4.784.346,52

A11

511.138,39

4.783.610,23

A12

510.744,55

4.781.660,13

A13

512.980,02

4.782.616,53

A14

513.681,04

4.783.415,04

A15

515.110,17

4.783.348,34

A16

516.240,63

4.782.838,07

A17

517.374,68

4.782.840,91

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Altura de buxa (m)

Potencia (MW)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

ATR-01

511.429,81

4.784.147,03

122,5

6,600

ATR-02

511.289,10

4.783.160,24

122,5

6,600

ATR-03

511.108,73

4.782.150,76

125

2,625

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

ATR-TM

511.232,92

4.782.441,45

ATR-TM Calibración (provisional)

511.108,73

4.782.150,76

Coordenadas das celas de media tensión correspondentes ao parque eólico Alto Torreiro na subestación transformadora Bustelo e Baralláns 220/30 kV (expediente IN408A/2020/061):

Celas

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

8

512.974,02

4.783.476,11

9

512.974,21

4.783.475,39

10

512.974,37

4.783.474,81

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 2 aeroxeradores Siemens-Gamesa, modelo SG 6.6-155 de 6.600 kW de potencia unitaria e 1 aeroxerador Siemens-Gamesa, modelo SG-114 de 2.625 kW, polo que a potencia total da instalación é de 15,825 MW. Os 2 aeroxeradores SG 6.6-155 que se instalarán teñen un rotor de 155 m de diámetro e van montados sobre torres tubulares cónicas de 122,5 m de altura. O aeroxerador SG 114 ten un rotor de 114 metros e vai montado sobre unha torre tubular cónica de 125 metros.

– 2 centros de transformación, un dentro de cada aeroxerador, para o ATR01 e ATR02, Siemens-Gamesa SG 6.6-155, serán do tipo seco e illados mediante resina epoxi, de potencia unitaria 6.600 kVA e relación de transformación 0,69/30 kV, e 1 centro de transformación, dentro do aeroxerador ATR03 114/125/G114-2.625 MW, será do tipo seco e illado mediante resina epoxi, de potencia unitaria 3.000 kVA e relación de transformación 0,69/30 kV. Serán trifásicos de servizo continuo.

– Rede eléctrica soterrada de 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora Bustelo e Baralláns (IN408A 2020/61) 30/220 kV, composta por dous circuítos de condutores tipo AL_RHZ1-0L-18/30 kV de seccións 150, 500 mm² de aluminio. O material de illamento será XLPE.

– Rede de terras de modo que as instalacións electromecánicas formen un conxunto equipotencial; complementarase mediante condutor de Cu espido de 50 mm², que se instalará en canalización conxunta cos cables de potencia e comunicacións, interconectando todos os aeroxeradores entre si, e que estará unido, así mesmo, á rede de terras da subestación. Este condutor, instalado no fondo da escavación, en contacto directo co terreo, actuará como eléctrodo horizontal. A posta á terra do aeroxerador realizarase completamente mediante cable de cobre espido de 95 mm² de sección.

– Unha torre meteorolóxica de 122,5 metros.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, EDP Renovables España, S.L.U constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 132.255 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA), emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.3.2023, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

Tamén deberá presentar un plano onde se reflicta a configuración final do proxecto, así como unha táboa coas coordenadas UTM (ETRS89) das posicións definitivas dos aeroxeradores e da torre meteorolóxica.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización de Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), de Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. (UFD) e do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 17.3.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais