DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20529

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 29 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se publica a Resolución do 26 de febreiro de 2024 pola que se denegan a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública e a aprobación do proxecto de interese autonómico da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV SET PE A Picota-SET colectora nova, nos concellos de Mazaricos, Negreira, A Baña, Ames e Santiago de Compostela, na provincia da Coruña, promovido por Villar Mir Energía, S.L. (expediente IN408A 2020/151).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 26 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se denegan a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública e a aprobación do proxecto de interese autonómico da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV SET PE A Picota-SET colectora nova, nos concellos de Mazaricos, Negreira, A Baña, Ames e Santiago de Compostela, na provincia da Coruña, promovido por Villar Mir Energía, S.L. (expediente IN408A 2020/151).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A citada Resolución do 26 de febreiro de 2024 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública da infraestrutura de evacuación, sita nos concellos de Mazaricos, Negreira, A Baña, Ames e Santiago de Compostela, na provincia da Coruña, e promovida por Villar Mir Energía, S.L. tras as declaracións de impacto ambiental desfavorables formuladas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o 16.1.2023 e 20.1.2023, para os parques eólicos A Picota II e A Picota, respectivamente.

2. Arquivar o expediente da infraestrutura de evacuación LAT 220 kV SET PE A Picota-SET colectora nova (expediente IN408A 2020/151).

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 30.11.2020, a empresa Villar Mir, S.L. (en diante, promotor) presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN) solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico coa entrada en vigor da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia), achegando a documentación técnica preceptiva, da infraestrutura de evacuación de enerxía eléctrica denominada Liña aero-subterránea SET A Picota 220 kV-SET Vilamartiño, que transcorre polos concellos de Mazaricos, Negreira e A Baña (A Coruña), a que se lle asignou o número de expediente IN408A 2020/151.

2. O 29.7.2021, o promotor presentou unha solicitude de modificación da liña consistente en agrupar os dous expedientes: Liña aero-subterránea SET A Picota 220 kV-SET Vilamartiño (expediente IN408A 2020/151) e LAT 220 kV SET Vilamartiño-SET colectora nova (expediente IN408A 2020/152), que correspondían a dúas liñas que tiñan unha subestación en común, e que se actualice o nome da liña, sendo este LAT 220 kV SET PE A Picota-SET colectora nova, que ten por obxecto a evacuación dos parques eólicos A Picota e A Picota II, que transcorre polos concellos de Mazaricos, Negreira, A Baña, Ames e Santiago de Compostela (A Coruña). Presenta un novo proxecto, estudo de impacto ambiental, separatas, relación de bens e dereitos afectados, arquivos SHP e xustificante de pagamento da taxa correspondente.

3. O 29.11.2021, o promotor presentou a solicitude de declaración de utilidade pública achegando como documentación complementaria a presentada xunto co proxecto os planos individuais dos predios afectados.

4. O 2.2.2022, o promotor achega un escrito de aclaración en relación co expediente en que expón que non se produce ningunha afección sobre o proxecto relativo ao expediente IN661A 7/2020 do parque eólico Santa Comba.

5. O 9.2.2022, a DXPERN remitiu o expediente á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña.

6. O promotor, en resposta aos distintos requirimentos desta xefatura territorial con datas 18.2.2022, 24.2.2022, 18.5.2022 e 27.6.2022, presentou nova documentación para os efectos de someter o proxecto a información pública.

7. O 8.8.2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditou acordo polo que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) da instalación de referencia.

O acordo publicouse o 22.8.2022 no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 158, no xornal La Voz de Galicia do 22.8.2022. Tamén se expuxo no taboleiro de anuncios do Concello da Baña, segundo o certificado emitido o 7.10.2022, no taboleiro de anuncios do Concello de Ames, segundo o certificado emitido o 21.10.2022, nas dependencias desta xefatura territorial, segundo o certificado emitido o 19.10.2023, así como no portal web da consellería, onde se puido acceder á documentación do proxecto.

O acordo, xunto coa documentación, tamén foi remitido para a súa exposición pública, o 18.8.2022, aos concellos de Mazaricos, Negreira e Santiago de Compostela que, na data de emisión deste informe, non consta que enviasen os correspondentes certificados de exposición pública.

Resumo das características técnicas da instalación:

– A LAT componse dos seguintes tramos:

• Tramo 1: liña aérea de alta tensión en simple circuíto (LA-280), con orixe no pórtico da SET PE A Picota e fin no apoio núm. 40, cunha lonxitude de 12,514 km.

• Tramo 2: tramo subterráneo, en simple circuíto con condutor XLPE 127/220 kV 1×3×630 mm2 Al, que discorre entre os apoios núm. 40 e núm. 41 de conversión aero-subterránea. Discorre polo termo municipal de Negreira, cunha lonxitude de 185 m; executarase en subterráneo para realizar o cruzamento co Camiño de Santiago.

• Tramo 3: trazado aéreo, en simple circuíto (LA-280), desde o apoio núm. 41 ata o núm. 87, cunha lonxitude de 15,421 km.

• Tramo 4: trazado aéreo, en simple circuíto (LA-380), desde o apoio núm. 87 ata o núm. 138, cunha lonxitude de 13,055 km.

• Tramo 5: tramo subterráneo, en simple circuíto con condutor RHE-RA-2OL 127/220 kV 1×1000 k Al + H155 Cu, que discorre entre os apoios núm. 138 e núm. 139, de conversión aero-subterránea. Discorre polo termo municipal de Ames, cunha lonxitude de 247 m.

• Tramo 6: trazado aéreo, en simple circuíto (LA-380), dende o apoio núm. 139 ata o núm. 168, cunha lonxitude de 7,282 km.

• Tramo 7: tramo subterráneo, en simple circuíto con condutor RHE-RA-2OL 127/220 kV 1×1000 K Al + H155 Cu, con orixe no apoio núm. 168, de conversión aero-subterránea, e fin no pórtico da SET colectora nova. Discorre polo termo municipal de Santiago de Compostela, cunha lonxitude de 1.445 m.

– Instalarase en toda a liña aérea dobre condutor de protección e comunicacións OPGW-48 (fibra óptica), mentres que nas liñas subterráneas se disporá de dobre cable de fibra óptica do tipo PKP no tramo 2 e PVT-48F nos tramos 5 e 7.

– A liña ten unha lonxitude total aproximada de 50,149 km, que se reparten en 48,272 km aéreos e 1,877 km subterráneos.

O tendido aéreo farase sobre apoios metálicos de celosía, sendo 168 o número de apoios proxectados.

8. O 19.8.2022 iniciouse o trámite de consultas aos organismos afectados, así como aos indicados polo órgano ambiental e polo órgano urbanístico.

9. O 19.8.2022 iniciáronse os trámites de consultas de dereitos mineiros e de consultas de aproveitamentos de masas forestais concorrentes no espazo territorial proxectado para a instalación das infraestruturas do proxecto referido.

10. Os informes recibidos foron remitidos ao promotor para a aceptación dos condicionados impostos ou para a presentación dos seus reparos, agás os que a seguir se relacionan, que quedaron pendentes de tramitación: Informe do Servizo de Infraestruturas Agrarias do 19.1.2023, Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 22.3.2023 e Informe da Deputación da Coruña do 18.4.2023.

11. O 16.1.2023 emitiuse a DIA desfavorable para o parque A Picota II e o 20.1.2023 emitiuse a DIA desfavorable para o parque A Picota.

12. O 14.9.2023, esta xefatura territorial comunicoulle ao promotor a desaparición sobrevida do obxecto de procedemento e que non procede continuar coa súa tramitación, polo que se arquivará o expediente, segundo o artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deulle ao promotor un prazo de quince días para que formule as alegacións que considere oportunas.

13. O 19.10.2023, o xefe do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña emitiu un informe administrativo sobre a tramitación do referido expediente.

14. Transcorrido o prazo establecido sen que o promotor presentase ningunha alegación, o 20.10.2023 a Xefatura Territorial da Coruña trasladou todo o expediente a esa dirección xeral para que proceda ao seu arquivamento.

15. Mediante a Resolución do 24 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, denéganse a solicitude de autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, arquivase o expediente instruído do parque eólico A Picota, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Parque Eólico A Picota, S.L. (expediente IN408A 2018/012) e cancélase unha garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

16. Mediante a Resolución do 12 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, denéganse a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, e de aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese económico), arquívase o expediente instruído e devólvese o aval do parque eólico A Picota II, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Villar Mir Energía, S.L.U. (expediente IN408A/2020/114).

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais