DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20452

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2024, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C1), convocado mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

O tribunal nomeado mediante a Resolución do 14 de decembro de 2023 (DOG núm. 240, do 20 de decembro) para cualificar este proceso selectivo,

ACORDOU:

Primeiro. En sesións que tiveron lugar os días 4 e 5 de marzo de 2024, a teor do establecido na base III.1.2.7 en relación co exercicio realizado o 24 de febreiro de 2024, unha vez tomadas en consideración as reclamacións presentadas polas persoas aspirantes, desestimar na súa totalidade todas as reclamacións formuladas.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1 da convocatoria, o exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos. Superarán o exercicio as persoas aspirantes determinadas polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación á daquela persoa aprobada que marque a nota de corte se considerarán igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado. Asignaráselles a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames en sesión do 12 de marzo de 2024, de acordo cos criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 30 puntos un total de 4 aspirantes e fixouse en 108,50 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base III.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar, en cumprimento da base III.1.2.8 da convocatoria, as puntuacións do exercicio de oposición do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base III.1.1 da convocatoria.

Quinto. Segundo o disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De acordo co disposto na base V.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024

José Antonio González Faílde
Presidente do tribunal