DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 2024 Páx. 19872

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da corrección de erros materiais na memoria e planos de ordenación do Plan xeral de ordenación municipal de Pontedeume.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da corrección de erros materiais na memoria e planos de ordenación do Plan xeral de ordenación municipal de Pontedeume, mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 7 de marzo de 2024, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2024

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

Orde de aprobación da corrección de erros materiais na memoria
e planos de ordenación do Plan xeral de ordenación municipal
do concello de Pontedeume aprobado definitivamente o 27 de maio de 2016

I. Antecedentes de feito.

Primeiro. O Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do concello de Pontedeume foi aprobado definitivamente pola Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27 de maio de 2016, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 8 de setembro de 2016 e no Boletín Oficial da provincia da Coruña (BOP) do 6 de outubro.

Segundo. O Concello de Pontedeume, con data do 15.9.2023, remitiu para a súa aprobación a corrección dun erro material na memoria e planos de ordenación do PXOM, segundo o documento coa denominación Corrección de erros nº1 do PXOM de Pontedeume, datado no mes de maio de 2023 e aprobado polo Pleno da Corporación o 28 de xullo de 2023.

Terceiro. Logo de varios requirimentos efectuados pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o Concello de Pontedeume, con data do 22 de febreiro de 2024, remitiu a seguinte documentación datada no mes de novembro de 2023 e aprobada polo Pleno da Corporación na súa sesión do 30.1.2024:

– Oficio de remisión, con ligazón de descarga da documentación.

– Certificado do acordo de aprobación polo Pleno do 30.1.2024.

– Declaración responsable do equipo redactor.

– Documento Corrección de erros nº 1 do PXOM de Pontedeume, en formatos editable e non editable, datado no mes de novembro de 2023, que consta de:

1. Memoria xustificativa: o equipamento relixioso (pv) da igrexa de San Cosme de Nogueirosa e o seu cemiterio, denominado no PXOM como RL-6, na aprobación inicial do PXOM estaba situado en solo rústico de especial protección e, por tanto, sen aliñacións. Na aprobación definitiva inclúese en solo de núcleo rural e, polo tanto, fixáronse aliñacións, pero non se corresponden co camiño público existente.

A corrección do erro material consiste no traslado da aliñación ao bordo do camiño público existente, coa mesma distancia de 4 m ao eixe do camiño que consta no resto do trazado do núcleo, así como o consecuente reaxuste da superficie do ámbito cualificado como equipamento (RL-6) á aliñación resultante.

En consecuencia, epígrafe 5.4.5. Cadro resumo de equipamentos e zonas verdes, modifica a superficie do equipamento RL-6 na táboa da epígrafe 5.4.5.

– Memoria informativa, epígrafe 5.3.1.5. Outros equipamentos, modifica a superficie do equipamento RL-6 no parágrafo da páxina 258, táboa da páxina 259 da epigrafe 5.3.1.5, parágrafo da páxina 260 e táboa da páxina 260.

2. Planos de información, que son os orixinais do PXOM aprobado definitivamente e que van ser modificados:

PINF_PXOMa: plano O-1, folla 02.

PINF_PXOMb: plano O-3, folla 09.

3. Planos de ordenación, que son os modificados que substituirán os anteriores:

PORDa: substitúe o plano O-1, folla 02.

PORDb: substitúe o plano O-3, folla 09.

II. Análise e consideracións.

Única. Segundo o artigo 109 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, estas poderán rectificar en calquera momento de oficio ou por instancia de parte os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.

Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración de que para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito requírese que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos; é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos e que se aprecie tendo en conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte.

Aínda que sempre debe empregarse a corrección de erros de xeito restritivo, no caso que nos ocupa o erro material da transcrición é indiscutible, evidente, manifesto e constatado coa comprobación dos documentos que obtiveron a aprobación definitiva, o que fai que sexa procedente a súa emenda, polo que procede a súa rectificación ao abeiro do previsto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Consonte a xustificación achegada polo Concello cúmprense os requisitos indicados, pois trátase dun erro material constatable, que non precisa de interpretación nin valoración xurídica.

III. Competencia.

O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que «as administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes non seus actos».

A competencia para resolver corresponde á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), en relación cos decretos 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e a proposta literal da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación a esta corrección de erros do PXOM de Pontedeume, segundo a documentación aprobada polo Pleno do Concello na súa sesión do 30.1.2024 e que afecta os seguintes documentos:

– Na memoria informativa, epígrafe 5.3.1.5. Outros equipamentos, modifica a superficie do equipamento RL-6 no parágrafo da páxina 258, táboa da páxina 259 da epígrafe 5.3.1.5, parágrafo da páxina 260 e táboa da páxina 260.

– Na memoria xustificativa, epígrafe 5.4.5. Cadro resumo de equipamentos e zonas verdes, modifica a superficie do equipamento RL-6 na táboa da epígrafe 5.4.5.

– PORDa: substitúe o plano O-1, folla 02.

– PORDb: substitúe o plano O-3, folla 09.

2. De conformidade cos artigos 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Pontedeume no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De acordo co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas, unha vez inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.