DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 2024 Páx. 19960

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2024, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos e bibliotecas, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 14 de decembro de 2023 (DOG núm. 240, do 20 de decembro) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos e bibliotecas, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 20, 24 e 44 do primeiro exercicio. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas 81, 82 e 83, respectivamente.

Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtivesen unha puntuación mínima de trinta puntos (30 puntos). Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, mediante a resolución deste tribunal, do 30 de xaneiro de 2024, pola que se dá publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que no acceso libre superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de oito (8) persoas, sempre e cando acaden en cada un dos bloques o mínimo do 50 % das respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes.

Unicamente, de darse o caso de non completar o número de oito (8) persoas aprobadas, rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de oito (8) persoas.

O criterio expresado de obtención neste primeiro exercicio dunha porcentaxe mínima de acertos en cada unha das dúas partes vén referido respectivamente á primeira parte xeral común (30 preguntas) e á segunda parte específica da especialidade de arquivos e bibliotecas, subgrupo C2 (50 preguntas).

Cada resposta correcta equivale a unha unidade de puntuación, cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta e as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores considéranse igualmente aprobadas.

Feita a corrección na sesión do 11 de marzo de 2024, asígnaselles a valoración de 30 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada en 49,75 respostas correctas, sempre que se acaden os mínimos fixados para as partes primeira e segunda do exercicio, sen que sexa posible compensar os acertos que excedan nunha parte cos que falten na outra. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Acadaron a puntuación mínima de 30 puntos un total de 8 aspirantes.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos e bibliotecas, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, e as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que superaron os mínimos establecidos na base III.1.1 da convocatoria pero non superaron o exercicio, e aos que se lles asignou unha puntuación de 0 a 30 puntos. Así mesmo, publicar a relación das persoas aspirantes presentadas que non acadaron os mínimos establecidos na base III.1.1 da convocatoria.

Cuarto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base V.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2024

Cristina Rubal González
Presidenta do tribunal