DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 19 de marzo de 2024 Páx. 19714

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2024, susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN421S).

BDNS (Identif.): 748906.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos; incluídas as empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía.

2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

3. Os requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos en réxime de autoconsumo (código de procedemento IN421S).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para o ano 2024, susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN421S).

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega coa repartición bianual por beneficiario recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 5.524.800 €.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de solicitante será a seguinte:

Beneficiarios axudas

Anualidade 2024 (€)

Anualidade 2025 (€)

Importe asignado (€)

Empresas

1.800.000

2.500.000

4.300.000

Administración local

160.000

840.000

1.000.000

Entidades sen ánimo de lucro

40.000

184.800

224.800

Total

2.000.000

3.524.800

5.524.800

O orzamento por partida redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.760.8, 09.A3.733A.770.7 e 09.A3.733A.781.7.

Quinto. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarias

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais

60 %

Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica)

60 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas en 10 puntos porcentuais

20 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 50.000 €.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranse directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o remate do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Sétimo. Prazo para a execución da instalación

O prazo de execución iniciarase unha vez presentada a solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de outubro de 2024, para solicitudes con proxectos que se van realizar ata esta data, e o 30 de setembro de 2025, para solicitudes con proxectos que se van realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de pagamento. As accións realizadas entre o 16 de outubro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 poderán ser imputadas ao 2025.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia