DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 19 de marzo de 2024 Páx. 19609

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2024 de nomeamento dun membro do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

A presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo comunicou o día 25 de xaneiro de 2024 a proposta de modificación da composición do referido comité.

Antecedentes:

1. Mediante a Resolución do 11 de abril de 2022, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 22 de abril, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

2. A presidenta do devandito comité comunica a proposta de nomeamento como nova membro de Iria Varela Rey, facultativo especialista do área de farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo III a regulamentación correspondente aos comités territoriais.

No que atinxe á súa composición, os comités territoriais de ética da investigación terán, segundo dispón o punto 1 do artigo 9, unha composición multidisciplinar e estarán formados por un mínimo de nove e un máximo de quince membros de xeito que se asegure a súa independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.

Na actualidade, coa referida proposta a composición do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo se axusta ao tope numérico indicado no parágrafo anterior.

2. O punto 5 do artigo 9 do decreto establece que os membros destes comités serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres. O/a presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vicesecretario/a serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros.

3. O punto 6 do artigo 9 dispón que o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo audiencia do/a interesado/a.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 15 de febreiro de 2024 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

O nomeamento de Iria Varela Rey como membro do Comité Territorial de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade