A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 3 os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes, o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia no cal se desenvolven as persoas.
A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.
Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, establece no seu artigo 49.1 que a Administración autonómica garantirá a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil 0-3, avanzará na súa universalización e gratuidade e promoverá unha dotación suficiente de prazas e os recursos para facer efectivas as posibilidades de acceso, permanencia e promoción de toda a poboación infantil a esta etapa educativa, preferentemente en centros públicos.
Na súa consecución, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na súa disposición adicional novena prevé, tras a última modificación introducida pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, a extensión da medida de gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 para todos os nenos e nenas matriculados nestes centros.
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ten como misión primordial a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local, con especial atención na xestión integral das escolas infantís e na atención educativa e asistencial aos nenos e nenas menores de tres anos na forma de recursos, equipamentos, proxectos, programas e prestacións, e no ámbito territorial dos municipios que o compoñen, co obxecto de garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade, a través dunha oferta de recursos suficiente e equilibrada territorialmente, que contribúa a reforzar a igualdade de oportunidades na utilización da rede social de atención, segundo o disposto no artigo 6 dos estatutos do Consorcio.
Conforme ao exposto,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (en diante, Consorcio) para o curso 2024/25 (código BS404A, solicitudes de novo ingreso, e código BS404B, solicitudes de renovación).
Artigo 2. Requisitos para ser adxudicataria/o
Serán requisitos para ser adxudicataria/o de praza nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio para o curso 2024/25:
a) Que a nena ou o neno xa nacese no momento da presentación da solicitude.
b) Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso na escola infantil en que obteña praza e non teña feitos os 3 anos de idade en 31 de decembro de 2024. Non obstante o anterior, poderanse eximir do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, de acordo co Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que as familias que xa escolarizaron un fillo ou filla no mesmo centro ou en calquera outro centro da Rede pública autonómica A Galiña Azul, que comprende as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Socias e do Consorcio, deberán estar ao día no pagamento das cotas polos servizos recibidos na data de presentación da solicitude, tanto nos supostos de renovación de praza como de novo ingreso.
Artigo 3. Orde de adxudicación das prazas
1. O procedemento ordinario de adxudicación das prazas nos centros do Consorcio realizarase, directamente, pola seguinte orde preferente de solicitude:
a) As nenas e os nenos escolarizados durante o curso 2024/25 en calquera das escolas infantís do Consorcio terán dereito á renovación automática da súa praza na quenda en que estivesen escolarizadas/os sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2, e sempre que estivesen matriculadas/os neste curso con anterioridade ao 31 de xaneiro de 2024, tal e como se recolle no artigo 14.2.a) do Regulamento de réxime interno das escolas infantís xestionadas polo Consorcio (en diante, RRI).
As persoas usuarias de media xornada só poderán variar o horario establecido na súa solicitude de haber prazas vacantes no horario solicitado. De haber máis solicitudes que prazas vacantes, a adxudicación de prazas na nova franxa horaria farase en función da orde de puntuación acadada no proceso de baremación polo que se incorporou á escola, segundo o recollido no artigo 15.a) do RRI.
Naqueles centros en que, por careceren de demanda suficiente se reduzan os horarios, o antedito alumnado con dereito á renovación de praza en xornada de tarde poderá renovala para o mesmo centro en xornada de mañá.
b) As nenas e nenos xa escolarizados nunha escola infantil da Rede Galiña Azul no curso 2024/25, cuxas familias xustifiquen un cambio de domicilio e/ou de lugar de traballo, terán dereito preferente a solicitar unha praza en calquera das escolas infantís da dita rede sempre que, unha vez rematado o proceso de renovación de praza do alumnado da propia escola establecido na letra a), existan prazas suficientes.
c) As nenas e nenos para os cales se solicite novo ingreso en calquera das escolas infantís do Consorcio seguirán a seguinte orde de adxudicación:
1º. Os fillos e as fillas do persoal que preste servizo nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio, cando soliciten a praza para o centro onde presta servizo a nai, o pai, a persoa acolledora ou a persoa titora legal.
2º. As nenas e nenos con irmán ou irmá con praza no centro para o cal solicitan a praza, renovada ou de novo ingreso.
3º. As nenas e nenos con medidas administrativas de tutela ou garda pola Consellería de Política Social e Xuventude en situación de acollemento familiar.
4º. As prazas que queden vacantes por non se cubriren por calquera dos supostos recollidos nos tres números ordinais anteriores adxudicaranse segundo a puntuación obtida pola aplicación do baremo que figura no anexo IV. Esta puntuación determinará a orde de prelación na adxudicación das prazas dentro dos criterios de prioridade para adxudicación de prazas previstos no artigo 14.1 do RRI:
En primeiro lugar, obterán praza nas escolas os/as nenos/as empadroados no concello en que se sitúe a escola. En segundo lugar, de existir prazas vacantes, poderán obter praza os/as fillas/os de persoas que, estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo no concello en que se localice a escola. En terceiro lugar, poderán acceder tamén persoas dos concellos limítrofes.
2. Con carácter excepcional, habilitarase un procedemento extraordinario nos supostos que se relacionan, nos cales se realizará a adxudicación das prazas pola seguinte orde:
a) Para os ingresos urxentes reservarase, polo menos, unha praza por cada grupo de idade e, como máximo, unha por unidade aberta.
Terán a consideración de ingresos urxentes os seguintes casos:
1º. As nenas e nenos tuteladas/os ou en situación de garda pola Consellería de Política Social e Xuventude.
2º. As/os fillas/os das mulleres que estean nunha casa de acollida e/ou sexan vítimas de violencia de xénero.
3º. Aqueloutros en que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.
b) As solicitudes presentadas pasado o prazo establecido no primeiro parágrafo do artigo 8.2 que estean nos seguintes casos:
1º. Nacemento, acollemento ou adopción da/do nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.
2º. Cambio de concello de residencia ou de traballo da unidade familiar.
3º. Cambio de domicilio ou lugar de traballo da unidade familiar dentro do mesmo concello.
4º. Retorno a Galicia durante o ano 2024 das galegas e galegos que residiran fóra de España, sempre que o dito retorno se producira con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.
5º. Excepcionalmente, outras circunstancias que motivadamente aprecie a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Estas solicitudes deberán ir acompañadas da documentación acreditativa da circunstancia que motiva a súa presentación pasado o prazo establecido no primeiro parágrafo do artigo 8.2.
Nestes supostos a adxudicación estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade do neno ou da nena no centro para o cal se solicita praza.
3. As solicitudes relativas aos supostos recollidos no número 2.b).2º e 3º con praza de novo ingreso adxudicada nunha escola infantil da Rede pública autonómica A Galiña Azul, de non existiren prazas vacantes no novo centro solicitado dependente do Consorcio, serán integradas na lista de agarda con carácter preferente sobre os que se atopen no número 1.c).4º.
De haber máis dunha solicitude nestas circunstancias, a adxudicación realizarase segundo a data da súa presentación en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 4. Calendario e horario de apertura das escolas infantís
1. Nas escolas infantís 0-3 a que se refire esta resolución o curso escolar dará comezo o venres 6 de setembro de 2024.
Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 23, 24 e 31 de decembro de 2024.
As escolas pecharán ás 15.00 horas os días 5 de xaneiro e martes de Entroido.
De ser o caso, os nenos e nenas deberán ser recollidos ás 15.00 horas os días en que se celebren festas na escola en horario de tarde que exixan a participación do persoal e que estean previstas na programación anual. Así mesmo, a Xerencia do Consorcio poderá autorizar tempos de reunión para o persoal das escolas dentro do horario de apertura destas.
En ambos os dous supostos anteriores, as datas serán notificadas mediante unha circular informativa a todas as persoas usuarias coa debida antelación.
Así mesmo, con carácter xeral, todas as escolas infantís permanecerán pechadas durante o mes de agosto correspondente ao curso 2024/25.
Excepcionalmente, no mes de agosto de 2025, a Xerencia poderá acordar a prestación do servizo nun determinado número de escolas de garda e pode establecer un sistema rotativo entre aquelas radicadas nun mesmo concello ou atendendo a unha distribución zonal para o resto das escolas.
Os centros que eventualmente poidan permanecer abertos serán determinados pola Xerencia atendendo ao número de solicitudes debidamente xustificadas con base en motivos laborais ou enfermidades graves.
Para a apertura da escola de garda será necesaria unha demanda de prazas que permita crear, polo menos, unha unidade internivelar (15 nenos/as de entre 0-3 anos).
O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2024/25.
En casos excepcionais debidamente xustificados poderase admitir a asistencia do neno ou da nena durante os 12 meses do ano. En tales circunstancias deberase formular unha solicitude cunha antelación mínima dun mes, agás causas sobrevidas que o impidan. Esta solicitude será estudada e, se procede, autorizada pola Xerencia Adxunta de Escolas Infantís do Consorcio. A ausencia de resposta no prazo de 10 días suporá a desestimación da solicitude.
2. O horario de apertura das escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio para o curso 2024/25 e a relación delas xunto cos seus enderezos pode consultarse no anexo VI e nas páxinas web: https://sede.xunta.gal, https://politicasocial.xunta.gal e
https://www.igualdadebenestar.org
As franxas horarias, tanto de apertura como de peche dos centros recollidas no anexo VI, poderán ser modificadas atendendo á demanda existente.
En ningún caso a/o nena/o que sexa recollida/o en último lugar non poderá exceder a súa permanencia na escola máis alá de 30 minutos despois da saída do resto das persoas usuarias.
As persoas usuarias dentro do horario de apertura e peche do centro poderán optar polos seguintes tipos de xornadas:
1. Xornada completa, coas seguintes modalidades:
a) Continua: aquela en que a nena ou o neno permanece na escola ata o máximo de oito horas, sen solución de continuidade.
b) Partida: aquela en que a nena ou o neno permanece na escola ata o máximo de 8 horas, con solución de continuidade. Neste caso, o tempo de permanencia na escola, con carácter xeral, non poderá ser inferior a 3 horas tanto na xornada de mañá como na xornada de tarde.
c) Por quendas: aquela en que, por motivos persoais ou laborais dos proxenitores ou representante legal da nena ou do neno debidamente acreditados, esta/e asiste semanas alternas en horarios distintos.
2. Media xornada: aquela que, cun horario diario mínimo de tres horas e máximo de catro, se desenvolvan en xornada de mañá con ou sen servizo de comedor, ou en xornada de tarde, con independencia da potestade organizativa do centro.
A permanencia do alumnado no centro non poderá superar as oito horas diarias dentro da xornada por que opte, agás cando, por circunstancias excepcionais debidamente acreditadas, teña que permanecer un tempo superior ao máximo establecido. Estes supostos serán estudados e, de ser o caso, autorizados pola Xerencia Adxunta para Escolas Infantís.
Artigo 5. Prestacións das escolas infantís
1. As persoas usuarias que soliciten praza para unha das escolas infantís 0-3 do Consorcio poden optar por unha das seguintes modalidades de servizo:
a) Atención educativa con comedor.
b) Atención educativa sen comedor.
A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.
2. O horario para o alumnado que opte pola modalidade de servizo prevista na letra b) do número anterior será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.
3. As nenas e nenos que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos sempre que se comunique á dirección do centro con antelación suficiente e se aboe o prezo estipulado.
Artigo 6. Prezos para os servizos complementarios das escolas infantís
1. Os prezos que deberán pagar as persoas usuarias para o curso 2024/25 serán os establecidos na normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais para os servizos complementarios, ao ser gratuíta a atención educativa para todo o alumnado solicitante.
2. Aboaranse once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos na devandita normativa de prezos.
3. A inasistencia á escola infantil durante un determinado período non supón redución nin exención ningunha do pagamento das cotas correspondentes aos servizos complementarios, agás nos casos establecidos na dita normativa de prezos.
Artigo 7. Regras para a determinación do importe do prezo público aplicables aos servizos complementarios
Para a determinación do importe mensual do prezo público que se debe aboar polos servizos complementarios utilizados nas escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio, teranse en conta as especificacións recollidas na normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais.
Para estes efectos, tomarase para o cálculo da cota a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF) do último período impositivo con prazo de prestación vencido no momento de prestación da solicitude.
Artigo 8. Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes
1. As solicitudes para a renovación de praza (procedemento BS404B) do alumnado escolarizado durante o curso 2023/24 presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo V) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
As solicitudes de novo ingreso (procedemento BS404A) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Neste impreso de solicitude poderá solicitarse praza para máis dunha escola, indicando a orde de preferencia. Presentarase unha única solicitude na escola que se indique como primeira opción.
Os impresos estarán dispoñibles, ademais, no enderezo electrónico https://www.igualdade
benestar.org e https://politicasocial.xunta.gal e facilitaranse tamén nos propios centros en que se solicite praza.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo para a presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o día 5 de abril de 2024.
O prazo para a presentación das solicitudes que se presenten ao abeiro do disposto no artigo 3.2.b) finalizará o 15 de marzo de 2025.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. Para a renovación de praza, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación (anexo V, procedemento BS404B):
a) Anexo II, relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella da persoa solicitante ou outros membros da unidade familiar, de ser o caso.
b) Anexo III, no caso de persoas solicitantes, separadas ou divorciadas, que necesitan dunha autorización expresa do proxenitor ou proxenitora non solicitante para presentar a solicitude de praza.
2. Para novo ingreso, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación (anexo I, procedemento BS404A):
a) Anexo II, relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella da persoa solicitante ou outros membros da unidade familiar, de ser o caso.
b) Anexo III, no caso de persoas solicitantes, separadas ou divorciadas, que necesitan dunha autorización expresa do proxenitor ou proxenitora non solicitante para presentar a solicitude de praza.
c) Xustificación de ocupación da/do nai/pai, persoa titora legal ou persoa acolledora actualizada no caso de persoas traballadoras que non estean dadas de alta no réxime xeral da Seguridade Social.
d) Certificado de empadroamento da unidade familiar expedido polo concello correspondente, no cal se fará constar a data de alta no padrón municipal de habitantes, que, en todo caso, deberá ser anterior ao 1 de xaneiro do ano en que se solicite a praza, só nos supostos de escolas infantís situadas en concellos limítrofes con outras comunidades autónomas.
e) Copia do libro de familia ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.
f) Certificado do grao de discapacidade e/ou de dependencia da nena ou do neno para quen se solicita praza, se é o caso, cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Informe sobre a necesidade de integración na escola infantil acreditada por un equipo de valoración e orientación da Consellería de Política Social e Xuventude, no caso dos nenos e das nenas con necesidades específicas de apoio educativo.
h) Copia da resolución administrativa de acollemento ou de garda con fins adoptivos, cando estean formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.
i) Se procede, outros documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo nos supostos en que este sexa de aplicación, que se relacionan:
1º. Certificado do grao de discapacidade e/ou de dependencia da/do nai/pai, persoa acolledora, persoa titora legal, ou outros membros da unidade familiar cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.
2º. Certificado administrativo de monoparentalidade expedido por outra comunidade autónoma ou, na súa falta, certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución xudicial de medidas paternofiliais.
3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
4º. Certificado que acredite a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento deportivo, ou a condición de persoa adestradora, técnica, xuíz/a ou árbitro/a de alto nivel deportivo recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
k) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:
1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia da propia orde de protección ou da medida cautelar autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza.
2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
7º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
l) Certificado de empadroamento da nena ou do neno e dunha das persoas proxenitoras ou representante legal expedido polo concello en que residan (con efectos desde o día anterior ao comezo do prazo de presentación de solicitudes).
m) En caso de non estar censado no concello onde estea a escola, pero que algunha das persoas proxenitoras ou representante legal da nena ou do neno teña o seu posto de traballo no municipio en que se localice aquela, achegarase o certificado da empresa ou da institución correspondente.
n) No caso de estar censado nun concello limítrofe a aquel onde radique a escola, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, achegarase o certificado de empadroamento do concello de que procede.
3. A falta de presentación dalgún dos documentos recollidos nas alíneas d), f), g) e h) do número anterior dentro do prazo de presentación da solicitude e emenda suporá a non valoración de calquera das circunstancias alegadas neles na correspondente epígrafe do baremo que se recolle no anexo IV, nos supostos en que sexan de aplicación.
4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación dos procedementos BS404B e BS404A consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
b) Declaración do IRPF, da persoa solicitante, da/do cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude.
c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, da persoa cónxuxe ou parella e do menor para o cal se solicita a praza.
2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso, procedemento BS404A, consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Grao de discapacidade e/ou dependencia do neno ou da nena para quen se solicita praza recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou da nena para quen se solicita praza formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Alta na Seguridade Social na data de presentación da solicitude da persoa solicitante e da/do cónxuxe ou parella.
d) Estar inscrita como demandante de emprego a persoa solicitante e a/o cónxuxe ou parella, na data do día anterior ao da publicación desta resolución, de ser o caso.
e) Grao de discapacidade e/ou de dependencia da/do nai/pai, persoa acolledora ou persoa titora legal recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Situación de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Familia numerosa recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e no anexo II, no caso de novo ingreso (procedemento BS404A), ou no anexo V e anexo II, no caso de renovación (procedemento BS404B), e achegar os correspondentes documentos acreditativos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Instrución do procedemento
As direccións das escolas infantís que xestionen este procedemento, como órganos responsables da súa tramitación, comprobarán que as solicitudes reúnen os requisitos recollidos nesta resolución. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.
A dirección do centro e a persoa titular da Xerencia Adxunta de Escolas Infantís do Consorcio poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos que coiden precisos para unha realización máis eficaz da súa función e a súa debida acreditación documental.
Artigo 13. Avaliación das solicitudes
1. A adxudicación de praza efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo IV. No caso de obter igual puntuación, terán preferencia, en primeiro lugar, as solicitudes coa renda per cápita máis baixa e despois as de xornada completa con servizo de comedor sobre as solicitudes de media xornada.
2. Aplicaráselles a todas as solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin, constituirase o consello escolar de cada centro, conforme o previsto no artigo 7.C) do RRI.
A relación provisional de persoas admitidas e a lista de espera coas puntuacións obtidas farase pública o día 6 de maio de 2024 e poderase consultar na páxina web do Consorcio: https://www.igualdadebenestar.org, así como na páxina web: https://politicasocial.xunta.gal e nos respectivos centros.
Artigo 14. Reclamacións
As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos 5 días hábiles posteriores á data da exposición pública da relación provisional.
Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.
Artigo 15. Resolución do procedemento
1. Correspóndelle á Xerencia do Consorcio, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva de persoas admitidas e da lista de espera, onde figurará a puntuación obtida.
A relación definitiva de adxudicación de prazas coa puntuación poderase consultar desde o día 31 de maio de 2024 na páxina web do Consorcio: https://www.igualdadebenestar.org, así como na páxina web: https://politicasocial.xunta.gal e nos respectivos centros.
2. A nena ou o neno adxudicatario/a dunha praza pública nunha escola infantil do Consorcio non poderá ser adxudicatario/a doutra praza pública das escolas infantís da Rede pública autonómica A Galiña Azul.
3. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver e notificar o procedemento previsto nesta convocatoria será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou desde a entrada da solicitude no rexistro nos casos de solicitudes non sometidas a baremo. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.
4. Na relación definitiva de admisión tamén estarán incluídas as solicitudes presentadas pasado o prazo establecido no artigo 8.2, coa xustificación que proceda segundo o artigo 3.2.b), que tivesen entrada con anterioridade á data de publicación da relación provisional.
5. Sen prexuízo do disposto no número 3, no suposto de ingresos urxentes do artigo 3.2.a) a resolución do procedemento correspóndelle á Xerencia Adxunta para Escolas Infantís, nun prazo de cinco (5) días (hábiles) desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude terase por desestimada.
6. As resolucións ditadas neste procedemento non esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso de alzada perante a Presidencia do Consorcio no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
A resolución da Presidencia esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.
Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución é presunta, a interposición deste recurso caberá en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 16 Publicación e notificación
Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como as correspondentes resolucións, sen prexuízo do disposto no artigo 46 da mesma lei. Esta publicación producirá os efectos de notificación. Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes:
a) As notificacións de resolucións e actos administrativos complementarios practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
b) A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
c) No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
d) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
e) As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
f) Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 17. Matrícula
1. As persoas que obteñan praza disporán de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación, para presentar o impreso de matrícula debidamente cuberto xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno ou nena a través da sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal, podendo acceder á Carpeta cidadá da persoa interesada, ou no centro onde obtivesen a dita praza.
O cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, así como a formalización da matrícula no prazo sinalado, son imprescindibles para confirmar a praza, en caso contrario, a persoa interesada decaerá da súa solicitude.
2. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como nas páxinas web: https://www.igualdadebenestar.org e https://politicasocial.xunta.gal
Artigo 18. Lista de espera
1. A lista de espera estará constituída polas persoas solicitantes que non obteñen praza pública, ordenadas segundo a puntuación acadada no baremo de admisión, en cada grupo de idade.
2. Para a xestión da lista de espera e cobertura das prazas vacantes observarase o previsto no artigo 21 do RRI.
3. As solicitudes que non se presenten nos prazos fixados nesta convocatoria polas circunstancias sobrevidas referidas no número 2.b) do artigo 3 debidamente xustificadas serán valoradas nos procedementos extraordinarios segundo o previsto no RRI e, no caso de non podérselles adxudicar unha praza, incluiranse na lista de agarda segundo a puntuación obtida.
4. Na relación definitiva da lista de espera tamén estarán incluídas as solicitudes presentadas pasado o prazo establecido no artigo 8.2, coa xustificación que proceda segundo o artigo 3.2.b), que teñan entrada con anterioridade á data de publicación da relación provisional.
5. Consonte o establecido no artigo 19.5 do RRI naqueles concellos con máis dunha escola infantil, no caso de producirse unha vacante unha vez rematado o prazo ordinario de matrícula e sempre que o menor a quen lle correspondese cubrir a vacante non teña superado o proceso de adaptación no centro onde inicialmente fose matriculado, a dita vacante poderá ser cuberta por aquel menor que por estrita orde de puntuación solicitase ese centro como primeira preferencia aínda que estivese xa matriculado noutro centro dese mesmo concello. De aceptar a praza, o menor causará baixa inmediata na escola onde inicialmente estivese matriculado.
Artigo 19. Revisión do prezo
O prezo fixado inicialmente para os servizos complementarios, de acordo coa normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais, revisarase nos seguintes casos:
a) Modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.
b) Variación no número de membros da unidade familiar.
Para estes efectos, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar á Xerencia Adxunta de Escolas Infantís calquera variación que se produza nos supostos que deron lugar ao cálculo do prezo público que se lle aplica.
A modificación do prezo será resolta pola Xerencia Adxunta de Escolas Infantís e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.
Artigo 20. Baixas
1. Será causa de baixa na escola infantil:
a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.
b) A solicitude das persoas proxenitoras ou representantes legais.
c) A falta de pagamento do prezo establecido polos servizos complementarios durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento.
d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.
e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.
f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.
g) Por incumprimento reiterado das normas da escola.
2. Naqueles casos en que se produza unha falta de asistencia prolongada, deberá presentarse cunha periodicidade mensual a documentación acreditativa da causa que a produce. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.
3. As baixas motivadas polo establecido na alínea e) do número 1 serán resoltas pola Xerencia do Consorcio, por proposta da Xerencia Adxunta para Escolas Infantís, unha vez oída a dirección do centro a que asiste a alumna ou alumno e realizado o trámite de audiencia da/s persoa/s interesada/s. O prazo de resolución será de 2 meses desde o inicio do expediente. Nos demais supostos aprobarase a baixa por resolución da Xerencia Adxunta para Escolas Infantís, por delegación do xerente do Consorcio.
Contra as resolucións ditadas no procedemento anterior será de aplicación o establecido no artigo 15.6 desta resolución.
4. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que figuren nese momento en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.
Artigo 21. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten os códigos BS404A e BS404B, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no portal da Consellería de Política Social e Xuventude https://politicasocial.xunta.gal, no portal do Consorcio https://www.igualdadebenestar.org e no teléfono 012.
Disposición adicional primeira. Flexibilización do período de escolarización para nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo
As familias das/dos nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) que excedan o límite de idade establecido no artigo 2, estiveran ou non escolarizados/as durante o curso 2023/24, poderán solicitar a súa permanencia ou acceso á escola infantil 0-3 un curso máis, para o que deberán presentar a correspondente solicitude de praza.
Xunto coa dita solicitude deberán achegar o informe das/dos profesionais que levan o seguimento da nena ou neno, tales como o da unidade de atención temperá, da unidade de rehabilitación ou o do servizo de pediatría correspondente.
Para o suposto de nenas/os de NEAE xa escolarizados, a dirección da escola elaborará un informe de observación e seguimento da nena ou do neno e realizará unha valoración sobre a pertinencia da súa permanencia na escola infantil, tendo en conta a súa evolución, as consideracións da familia e os informes doutras/os profesionais.
En ambos os dous casos, a escola remitirá a solicitude xunto co resto da documentación á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o seu traslado ao equipo de orientación específico, que emitirá o correspondente ditame de escolarización.
No caso de que o ditame de escolarización sexa favorable, a Xerencia do Consorcio emitirá a resolución de permanencia do/da alumno/a na escola infantil 0-3 para o curso escolar solicitado.
Paralelamente, a familia deberá solicitar praza para o segundo ciclo de educación infantil nun centro que imparta este nivel educativo dentro dos prazos anuais establecidos para estes efectos pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Deste xeito, asegurará a escolarización nun centro da súa elección no caso de que o ditame de escolarización sexa desfavorable á flexibilización do período de escolarización nunha escola infantil 0-3.
Con carácter xeral todas/os as/os nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo se incorporarán no grupo que lles corresponde atendendo á súa idade cronolóxica. Excepcionalmente, poderán ser situados noutro grupo considerando a súa idade madurativa segundo as recomendacións explicitadas nos informes das/dos profesionais que fan o seguimento e valoración da nena ou do neno.
Disposición adicional segunda. Ratio de nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo
No caso de integrarse nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo, con carácter xeral, non poderá haber máis dun alumno ou alumna con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024
Perfecto Rodríguez Muíños
Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar