DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2024 Páx. 19155

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2024 pola que se aproban os criterios xerais do Plan xeral de control tributario de 2024.

A Axencia Tributaria de Galicia, desde a súa entrada en funcionamento o 1 de xaneiro de 2013, ten encomendadas as funcións aplicativas dos tributos como instrumento ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación efectiva dos recursos ao seu cargo.

A Axencia Tributaria de Galicia persegue os seguintes obxectivos:

– Fomentar o cumprimento voluntario das obrigacións fiscais mediante accións de concienciación e sensibilización, prestación de servizos de información e asistencia ao contribuínte e calquera outra que, de modo directo ou indirecto, vaian encamiñadas a tal obxectivo.

– Garantir que as actuacións administrativas que desenvolva en exercicio das súas funcións minimicen os custos indirectos derivados das exixencias formais necesarias para o cumprimento das obrigacións tributarias.

– Garantir que se cumpra o principio constitucional en virtude do cal todos han de contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica, mediante actuacións de control e de colaboración con outras administracións públicas dirixidas á detección e regularización dos incumprimentos tributarios.

O artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (en diante, LXT), establece a obrigación de elaborar anualmente un plan de control tributario, con carácter reservado, sen prexuízo da publicidade, a través do Diario Oficial de Galicia, dos criterios xerais que o informan.

Pola súa vez, o artigo 170 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, sinala que no Plan de control tributario se integrarán o plan ou os plans parciais de inspección, os cales terán carácter reservado e non serán obxecto de publicidade ou comunicación.

O obxectivo do Plan de control tributario céntrase na loita contra a fraude fiscal, con fundamento nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, establecidos polo artigo 31 da Constitución española como criterios de contribución ao sostemento dos gastos públicos. Como sinalou a xurisprudencia reiteradamente, non abonda con configurar as normas dos distintos tributos de acordo cos principios constitucionais citados, senón que os ditos principios teñen que cumprirse na práctica cunha correcta aplicación das distintas figuras tributarias.

Desta forma, o Plan de control tributario convértese nun instrumento fundamental para conseguir unha efectiva aplicación dos principios expostos, xa que marca as liñas de actuación da Administración tributaria, tendo en conta a dispoñibilidade de medios materiais e persoais para realizar estas funcións. Plásmanse, neste plan, as liñas de actuación que se consideran máis relevantes consolidando, por unha banda, as actuacións realizadas en anos anteriores e incorporando, por outra banda, novas actuacións motivadas polo desenvolvemento normativo e a asunción dun novo imposto e pola evolución económica, tecnolóxica e social.

Esa aplicación efectiva do sistema tributario require que, xunto ás actuacións de loita contra a fraude ou control do cumprimento tributario, se impulsen actuacións de información e asistencia ao contribuínte, especialmente destinadas a facer máis sinxelo e áxil o acceso á administración electrónica, co obxecto de favorecer ao máximo o cumprimento voluntario das obrigacións fiscais e a redución das cargas formais e os custos indirectos en que debe incorrer o contribuínte nas súas relacións coa Administración tributaria.

Tamén, entre as actuacións de información e asistencia, se continuará na liña de potenciar a colaboración con outras administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, e, especificamente, co obxecto de facilitar o desenvolvemento do seu labor para potenciar o cumprimento cooperativo das obrigacións tributarias, cos colexios e asociacións de profesionais da asesoría fiscal.

O estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no artigo 16.2.j) que corresponde á Dirección da Axencia aprobar o Plan de control tributario anual. En cumprimento das obrigacións establecidas nestas disposicións, publícanse os criterios e as liñas de actuación que o informan.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2024

Apróbanse os criterios xerais que informan o Plan xeral de control tributario para 2024 que figuran no anexo á presente resolución.

Segundo. Difundir as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2024

Ordénase a publicación das citadas directrices xerais no Diario Oficial de Galicia, así como a súa difusión por calquera medio que resulte adecuado para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2024

Mª Victoria González Vázquez
Directora da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO

Directrices do Plan xeral de control tributario de 2024

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2024 está composto polas directrices xerais de actuación e os plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme o disposto no artigo 116 da LXT, teñen carácter reservado, fixándose en cada un deles as liñas de actuación que se van executar e os obxectivos para alcanzar.

O Plan xeral de control tributario desenvolverase distinguindo entre actuacións de control preventivo, que incluirán, fundamentalmente, as de información e asistencia aos obrigados tributarios e as de colaboración social, actuacións de control posterior e actuacións de xestión recadatoria.

No exercicio desas actuacións terá atención prioritaria a calidade da información como ferramenta de control, o que exixe a evolución, continua mellora e ampliación das ferramentas e aplicacións informáticas propias da Axencia, de forma que permita realizar o control do cumprimento tributario de maneira máis eficaz e eficiente. Neste sentido, as actuacións centraranse en dous eixes: por unha banda, seguirase traballando en aumentar as fontes de información, tanto incorporando novas fontes como mellorando as xa existentes, e poñendo énfase especial na información que poida ter relevancia tributaria e que estea dispoñible na internet e nas diferentes redes sociais; doutra banda, a dita información unificada ten que ser obxecto dunha análise detallada, empregando as modernas técnicas existentes de tratamento da información para detectar áreas de risco fiscal, utilizando para iso análise por sectores económicos, por zonas territoriais ou por comportamentos subxectivos.

Así mesmo, durante 2024, para detectar as distintas áreas de risco fiscal, seguirase integrando toda a información dispoñible de maneira que a esta quede unificada baixo parámetros comúns, o que redundará na eficacia da Administración e a seguridade xurídica do contribuínte.

En liña co avance na intelixencia artificial que debe estar presente en toda Administración moderna tecnoloxicamente, durante o 2024 continuarase na liña de desenvolver ferramentas específicas de automatización de procesos que permitirán realizar, de maneira automática, tarefas repetitivas dentro dos procedementos tributarios. Con esta automatización proseguirase na senda de reducir os tempos de resposta, detectar os incumprimentos dunha forma máis precisa e, por tanto, lograr un uso máis eficiente dos recursos da Axencia Tributaria e reforzar os dereitos e garantías dos contribuíntes.

Deste xeito, con este plan dáse cumprimento á obrigación legal de establecer unha planificación anual das actuacións que deben levar a cabo as administracións tributarias.

En consecuencia, as directrices do Plan anual de control tributario estrutúranse nos seguintes ámbitos:

1. Control preventivo.

1.1. Información e asistencia aos obrigados tributarios.

As actuacións de información e asistencia teñen como finalidade lograr o cumprimento espontáneo das obrigacións fiscais mediante a redución das cargas administrativas ás cales debe facer fronte a cidadanía, fomentar o cumprimento voluntario e adecuado das obrigacións fiscais para contribuír á seguridade xurídica e a previr o seu incumprimento.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte, e, nesta liña, a presentación electrónica de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Así mesmo, a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación electrónica dos tributos facilita cubrir os modelos, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Coa incorporación das novas tecnoloxías preténdese, esencialmente, conseguir unha Administración que cumpra os obxectivos dun maior achegamento ao cidadán, facilitándolle o acceso á información e aos seus servizos, un maior coñecemento por parte do cidadán da Administración, das súas funcións e as súas competencias, unha maior axilización na tramitación de asuntos, así como unha redución do tempo de resposta, que redunde nunha mellora da calidade e eficiencia do servizo ofrecido.

O desenvolvemento da normativa básica estatal en materia de administración electrónica levouse a cabo coa Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, que regula o modelo de administración dixital no sector público autonómico.

Os cambios normativos que tiveron lugar implicaron a obrigación recíproca de determinadas persoas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas. Isto, unido á necesidade de avanzar na axilización dos trámites para realizar polo colectivo dos colaboradores sociais a que se refiren os artigos 92 a 95 da LXT, deu lugar a que, desde febreiro de 2021, se obrigase a todos eles a utilizar medios electrónicos para realizar a presentación e pagamento dos modelos de autoliquidación do ITP-AXD e do ISD, coa finalidade última da prestación de servizos públicos dixitais de calidade no marco dunha Administración pública que evolucione xunto coa sociedade, aproveitando as innovacións das tecnoloxías dixitais para construír un novo modelo de administración, máis transparente, sinxelo e eficaz, inclusivo e sustentable, todo iso en liña co proceso de modernización en que, desde hai tempo, está inmersa a Administración autonómica á hora de desenvolver un contexto electrónico sen papel en todos os procedementos administrativos co efecto positivo que implica nas políticas ambientais.

Para tal fin, continuarase mellorando tanto a información existente na páxina web da Atriga como os programas de axuda para a confección de autoliquidacións e xestión de trámites existentes na súa oficina virtual dotándoa con novas funcionalidades, e profundando nas seguintes actuacións:

1.1.1. Emprego de medios electrónicos, informáticos e telemáticos.

Levaranse a cabo as seguintes medidas:

– Redeseño da páxina web da Axencia para simplificar o seu uso e operatividade, cunha linguaxe máis sinxela, buscadores e información destacada das operacións máis frecuentes para obter a información que se precise de maneira áxil, outorgando un maior protagonismo aos servizos dos contribuíntes e á realización de trámites por vía electrónica.

– Fomentarase a utilización polos cidadáns dos servizos que a Axencia ofrece por vía electrónica, incluída a presentación de autoliquidacións. Para tal efecto, continuarase coa simplificación da Oficina Virtual Tributaria para facilitar a presentación dos diferentes trámites e coa actualización dos programas de axuda a novos formularios web máis comprensibles que mellorarán a experiencia do usuario. Así mesmo, seguirase na liña de impulsar a tramitación telemática e a accesibilidade aos servizos electrónicos da axencia ampliando os servizos aos cales se pode acceder con sistemas de identificación alternativos á certificación dixital.

– Aumentaranse os servizos que se ofrecen na Oficina Virtual Tributaria para facilitar a achega de solicitudes, respostas a requirimentos por parte da cidadanía para facer posible, entre outros, a presentación de reclamacións económico-administrativas dun xeito máis sinxelo.

– Habilitarase a posibilidade de que a presentación de impostos, para a que é competente a Comunidade Autónoma, poida ser feita por un terceiro que declare responsablemente que ten a representación do suxeito pasivo, o que redundará en facilitar a dita presentación sen necesidade de máis trámites, sen prexuízo dos labores de comprobación que poida realizar a Administración.

– Unha vez consolidado o servizo de atención telefónica ao contribuínte a través dun único número, impulsarase a creación dun centro de atención integral ao contribuínte que se sumará ás oficinas tradicionais de atención persoal.

– Continuarase a potenciar a práctica das notificacións de forma telemática a través de https://notifica.xunta.gal/ o que, ademais de supoñer un aforro de custo e tempo, redunda nunha maior eficiencia na práctica destas coa conseguinte redución do número de notificacións devoltas.

– Facilitarase a comunicación coa cidadanía mediante a simplificación da linguaxe utilizada nos documentos máis habituais que envía a Atriga, engadindo un resumo en que se lle indique que é o documento, para que se lle envía, que ten que facer e onde obter máis axuda, coa finalidade de mellorar o cumprimento voluntario eliminado barreiras de comprensión.

– Continuarase a impulsar o pagamento mediante cargo na conta e domiciliación bancaria nas presentacións telemáticas, co obxectivo de facilitar ao máximo aos obrigados tributarios o cumprimento da súa obriga de pagamento evitando desprazamentos ás entidades bancarias, especialmente nos tributos periódicos.

– Unha vez posta en marcha a app para que a cidadanía poida relacionarse dunha forma máis próxima e máis sinxela coa Axencia naqueles trámites e información que máis demandan, incrementaranse os servizos dispoñibles a través dela.

1.1.2. Información e asistencia presencial.

Levaranse a cabo as seguintes medidas:

– Durante o 2022 consolidouse a posibilidade de que calquera cidadán puidese pagar en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola Axencia Tributaria, que presenta como vantaxes a autenticidade, confidencialidade e integridade mediante o establecemento de conexións seguras cos servidores web das entidades financeiras para realizar os pagamentos, ademais da plena dispoñibilidade para o seu acceso para todos os contribuíntes.

A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) implantou no 2022 unha nova canle de pagamento a través do terminal punto de venda (TPV) físico nas delegacións territoriais que permite realizar o pagamento de autoliquidacións do imposto de sucesións e doazóns, do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e medios de transporte usado, con cota para ingresar de ata 3.000 euros, mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria.

Deste xeito, os contribuíntes xa non teñen o deber de acudir ás nosas delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) cos modelos de autoliquidación ingresados, senón que, coa mesma cita que obteñan para realizar a presentación presencial das súas autoliquidacións, tamén poden efectuar o ingreso, ou realizar este previamente.

Ademais, coa mesma finalidade de facilitar o pagamento das débedas tributarias, durante o 2022 facilitouse a realización do pagamento das débedas tributarias mediante xiro postal, o que facilita o pagamento para toda a cidadanía, especialmente para os que non teñen unha conta en ningunha das entidades colaboradoras coa Atriga. Ademais, habilitouse a posibilidade de pagamento por caixeiro en colaboración con algunha entidade, e no 2023 habilitouse a posibilidade de que a cidadanía pague os seus impostos, taxas ou ingresos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), a través da plataforma Bizum.

Durante este ano consolidaranse estes servizos e daráselles a maior difusión para que se coñeza este servizo que ten como obxectivo facilitar o cumprimento das obrigas tributarias da cidadanía, evitando desprazamentos e xerando aforro de tempo nos trámites para realizar ante a Atriga.

– Irase ampliando, na prestación de servizos de información e asistencia ao contribuínte de forma presencial, o sistema de cita con que se mellorará, principalmente, a asistencia personalizada, minimizaranse os tempos de espera dos contribuíntes, evitaranse desprazamentos innecesarios e lograrase unha mellor e máis eficiente asignación dos recursos públicos.

Así, continuarase coa atención preferente a maiores de 65 anos que comezou a prestarse no 2022, así como coa atención presencial, incluída a relativa a información xeral de expediente existente, e coa asistencia na confección á cidadanía da autoliquidación do imposto pola transmisión onerosa de medios de transporte usados (modelo 620) posta en marcha en 2023. Ademais, iniciarase a posta en marcha da posibilidade de prestar esa asistencia por parte da Atriga na confección da autoliquidación polo imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (modelo 600).

– Mellorarase o sistema de subscrición á información tributaria e novidades de interese para a cidadanía, garantíndose o acceso sen necesidade de posuír un medio electrónico de identificación.

1.1.3. Adaptación dos modelos de declaración aos últimos cambios normativos de xeito que permitan un maior detalle no tratamento da información que conteñen, ampliando a efectividade dos intercambios de información e o manexo das diversas fontes de datos.

1.1.4. Revisión dos modelos normalizados, para facilitar o exercicio, por parte dos obrigados tributarios, dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigacións, simplificando e reducindo as obrigacións de carácter formal.

1.1.5. Garantirase o acceso a unha información de calidade utilizando unha terminoloxía comprensible na elaboración das guías de tributos que xestiona a Axencia.

1.1.6. Continuarase cos programas de comunicación que fomenten a conciencia fiscal colectiva dos cidadáns mediante charlas informativas dirixidas ao alumnado de educación primaria e levaranse a cabo esas charlas para os primeiros cursos da ensino secundario obrigatorio dos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia co obxectivo de transmitir valores e actitudes favorables á responsabilidade fiscal. Ademais, para fomentar a educación fiscal do público máis novo (estudantes de secundaria) realizaranse visitas aos servizos centrais da Atriga e ás súas delegacións territoriais.

Por último, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, impartiranse charlas relativas á nova materia de Cultura Financeira para axudar a formación do profesorado de secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

1.1.7. Tal e como sinala a Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, a procura dos obxectivos de boa administración e de calidade non pode ser unha tarefa unilateral da Administración, senón que debe contar, de forma fundamental, coas achegas e demandas cidadás como instrumentos de mellora imprescindibles para abordar a plena satisfacción das persoas usuarias dos servizos públicos.

Por iso, continuarase coa liña iniciada en anos anteriores de realización de enquisas ás persoas que fan uso dos servizos que presta a Axencia Tributaria de Galicia, tanto de forma presencial como electronicamente, para recoller, de forma periódica, a opinión dos usuarios e tomar decisións con base na información obtida. Para tal efecto, aumentaranse as enquisas que se realizarán tanto sobre o grao de satisfacción da atención presencial e telefónica da Atriga como dos seus servizos web.

En efecto, a plena modernización das administracións públicas implica non soamente un cumprimento estrito do principio de legalidade senón tamén a necesidade de instaurar e concibir unha nova base de relacións entre a Administración e a cidadanía para coñecer cales son as súas necesidades e expectativas, e responder a elas en cada momento. Estas ferramentas axudarán á Axencia a mellorar a calidade do servizo prestado, aprender das súas experiencias e incorporalas como unha parte máis da súa xestión, para, de forma proactiva, coñecer os puntos fortes e débiles e mellorar o servizo e atención que prestamos.

1.2. Colaboración e intercambio de información.

Neste ámbito, ademais de consolidar e mellorar a colaboración e intercambio de información, intensificaranse os labores de captación de información destinados á obtención dos datos tributarios necesarios para a toma de decisións sobre a realización de actuacións de control e para alixeirar as cargas administrativas dos contribuíntes.

En especial, profundarase na colaboración e intercambio de información que permitan mellorar os labores de información e asistencia, sobre todo coa finalidade de aclarar a tributación das distintas operacións evitando as planificacións fiscais agresivas que aumentan a litixiosidade e orientando cara á correcta utilización dos beneficios fiscais existentes. Neste aspecto, os asesores fiscais xogan un importante papel, tanto na prevención da fraude fiscal como no fomento dos acordos que reduzan a dita litixiosidade e acheguen seguridade xurídica e económica ás operacións, cos cales se seguirá potenciando a sinatura de convenios de colaboración para actuar en nome de terceiros e intensificaranse as canles de comunicación.

Proseguirase na liña de intensificar a colaboración cos colaboradores sociais de xeito que, xunto á conta corporativa con que contan a través da que se comunica de forma unificada a información que é do seu interese, organizaranse charlas informativas para os novos colectivos de colaboradores sociais que subscriban un convenio para a presentación telemática de autoliquidacións tributarias en nome de terceiros; e continuarase ofrecendo aos colaboradores con máis actividade na presentación a posibilidade de formular suxestións para a mellora dos servizos que se ofertan na OVT da Axencia Tributaria de Galicia dentro do proceso de simplificación antes citado.

Ademais, fomentarase a colaboración social, mediante a subscrición de convenios de colaboración con novos colectivos de profesionais que actúen como representantes dos contribuíntes para a presentación das súas autoliquidacións tributarias.

Como en anos precedentes, a colaboración e o intercambio de información levaranse a cabo, principalmente, cos seguintes organismos:

1.2.1. Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT):

A Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, e se modifican determinadas normas tributarias, cede ás comunidades autónomas o rendemento total ou parcial producido no seu territorio dunha serie de tributos estatais e delega a competencia para a xestión dunha parte destes tributos. Concretamente, as comunidades autónomas teñen asumida a xestión dos impostos sobre o patrimonio, sucesións e doazóns, transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, así como determinados tributos sobre o xogo.

Esta lei consagra, como principio esencial, a colaboración entre as administracións tributarias do Estado e das comunidades autónomas para a xestión dos tributos estatais cedidos e, en particular, o fomento e desenvolvemento de intercambios de información e a planificación coordinada das actuacións de control sobre estes.

Por tal motivo, no seo do Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria (órgano colexiado integrado por representantes da Administración tributaria do Estado e das comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía encargado de coordinar a xestión dos tributos cedidos) e dos consellos territoriais para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria (órganos colexiados integrados por representantes da Administración tributaria do Estado e da comunidade autónoma ou da cidade con estatuto de autonomía de que se trate, con funcións de coordinación da xestión dos tributos cedidos no seu respectivo ámbito, de acordo coas directrices do Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria), esta axencia está a potenciar os intercambios de información con transcendencia tributaria coa finalidade de aumentar a eficacia da xestión tributaria, mellorar a asistencia aos contribuíntes reducindo as cargas administrativas que pesan sobre estes e, especialmente, intensificar a loita contra a fraude fiscal e a economía mergullada.

A Atriga participa no Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria reuníndose trimestralmente, así como nos seguintes grupos de traballo:

– O grupo de intercambio de información: ten por obxecto establecer procedementos de colaboración e intercambio de información entre a AEAT e as CC.AA.

– O grupo de coordinación normativa: ten por obxecto analizar e propoñer modificacións normativas en relación cos tributos cedidos.

Así, a colaboración coa AEAT continuará potenciando:

a) A planificación coordinada de actuacións e intercambio de información, dentro das liñas establecidas nas directrices xerais do Plan anual de control tributario e alfandegueiro de 2024 da AEAT.

b) O reforzo dos intercambios de información entre a AEAT e a Axencia Tributaria de Galicia co obxectivo de fornecer periodicamente a información con transcendencia tributaria, mediante cruzamentos de información entre as bases de datos das distintas administracións tributarias. Iso redundaría nun mellor control da fraude fiscal e, paralelamente, nunha diminución do custo administrativo de aplicación dos tributos.

Todo iso con independencia de que a dita información conste en poder doutros órganos, entes ou organismos dos seus respectivos ámbitos territoriais, xa que tanto a AEAT como a Axencia Tributaria de Galicia teñen asumido o compromiso de levar a cabo cantas actuacións sexan necesarias para solicitar destes a información acordada.

No ámbito internacional, destacan a transparencia na información e a consolidación de todos os intercambios de información para fins fiscais impulsados na Unión Europea e no ámbito da OCDE, a través do Foro Global sobre Transparencia e Intercambio de Información con Fins Fiscais, que permitiu a implementación do Estándar Internacional de Transparencia, que inclúe tanto o intercambio internacional de información logo de petición como o intercambio automático de información sobre contas financeiras (CRS), como sinala a AEAT no seu plan de control tributario e alfandegueiro de 2024. Dada a importancia que a dita información ten para a aplicación de tributos de carácter patrimonial como os xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia, faise necesario profundar no intercambio da dita información, sobre todo no establecemento das canles informáticas para a súa subministración, todo iso no seo do Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria.

c) O intercambio de información sobre os datos censuais máis relevantes dos obrigados tributarios a través do censo único compartido, en particular os relativos ao domicilio fiscal e ás súas modificacións para a detección de posibles deslocalizacións co propósito de lograr unha menor tributación.

d) A transmisión periódica á AEAT da información contida en declaracións tributarias correspondentes a tributos cedidos e sobre os valores reais de transmisión de bens e dereitos comprobados no curso de procedementos de control. Nesta materia, a Axencia continuará colaborando no desenvolvemento e implementación dos intercambios de información que se lle requiran; en concreto, neste ano 2024 realizaranse todos os desenvolvementos informáticos para implementar, consonte co disposto na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, a remisión da información sobre a recadación do imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, incluíndo, de xeito específico, todos os datos incluídos nas autoliquidacións presentadas e nas liquidacións practicadas pola Administración.

e) A subministración de información á AEAT para o control das deducións establecidas pola comunidade autónoma no IRPF, os datos de familias numerosas e de graos de discapacidade recoñecidos na Comunidade Autónoma de Galicia; os gastos en gardarías e centros de educación infantil autorizados, así como os datos das fianzas a que se refiren o artigo 81.bis e a disposición transitoria 15ª da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, modificada pola Lei 26/2014, do 27 de novembro.

f) A colaboración para a verificación do cumprimento dos requisitos para gozar das deducións da cota autonómica do IRPF aprobadas pola Comunidade Autónoma, sobre todo naqueles supostos en que se precisa un recoñecemento administrativo previo para gozar do beneficio fiscal, mediante a confección de rexistros de suxeitos beneficiarios dos citados beneficios fiscais.

g) A colaboración coa AEAT para o control das declaracións dos premios procedentes do xogo.

h) O envío de dilixencias de colaboración a outras administracións, especialmente nas actuacións de control da fraude neste ámbito de colaboración, mediante a posta en coñecemento dos feitos ou circunstancias con transcendencia tributaria para outras administracións tributarias, que se poñan de manifesto no curso da tramitación de actuacións ou procedementos tributarios.

i) O intercambio de información nos casos en que, como resultado dun procedemento de comprobación, se determine a improcedencia do tributo cuxa xestión lle corresponde e, conseguintemente, a procedencia doutro xestionado por outra Administración tributaria.

j) O intercambio de información en relación co cumprimento da condición de vivenda habitual cando no curso dun procedemento se detecte o incumprimento desa condición co fin de controlar a aplicación de exencións, beneficios fiscais ou tipos reducidos no imposto sobre o patrimonio, o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e no imposto sobre sucesións e doazóns ou a dedución prevista para esta materia no IRPF.

1.2.2. Colaboración con outros organismos e administracións públicas:

Algúns convenios subscritos con outras administracións públicas para a cesión de datos, recollen, pola súa vez, a obtención de información en poder desas administracións sobre bens, dereitos, rendas ou actividades dos contribuíntes, que permiten á Axencia Tributaria mellorar os servizos prestados ao contribuínte para favorecer o cumprimento voluntario das súas obrigacións fiscais e, sobre todo, a loita contra a fraude fiscal. Estes acordos adoitan incluír, tamén, outras formas de colaboración que van máis aló do intercambio de datos.

Entre estes convenios de intercambio de información e outras formas de colaboración destacan os seguintes:

1.2.2.1. Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e Colexio Notarial: para o intercambio de información sobre operacións susceptibles de tributar no ámbito dos tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia.

A colaboración entre Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia ten un gran interese para o control do cumprimento das obrigas tributarias, dado o gran número de feitos impoñibles suxeitos a gravame que quedan reflectidos ou incorporados nos documentos notariais. Neste campo tanto o orixinario Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia para a aplicación das novas tecnoloxías na xestión tributaria, do 22 de decembro de 2010, como o actualmente vixente do 15 de febreiro de 2024 evidencian unha moi activa e eficaz colaboración dos notarios coa Administración tributaria en tres ámbitos fundamentais. O primeiro, o relativo á presentación telemática dos impostos, facilitando así en gran medida o cumprimento das obrigacións formais dos contribuíntes. O segundo, no referente á subministración de información aos obrigados tributarios sobre a correcta tributación das operacións que realizan, ofrecendo, deste xeito, unha importante ferramenta de prevención da fraude. E, en terceiro lugar, na achega de información necesaria para a verificación das operacións realizadas.

Neste sentido, seguirase afondando no desenvolvemento de aplicacións informáticas que combinen ambas as fontes de información e permitan, dunha maneira automatizada, detectar con fiabilidade os supostos de incumprimentos tributarios, mellorando a eficiencia na acción comprobadora, dado o gran avance técnico dos últimos anos e a mellora tecnolóxica desenvoltos tanto pola Axencia como o Colexio Notarial.

Doutra banda, o Convenio de colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e o Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España para a consulta da titularidade real de sociedades mercantís a través do rexistro mercantil, asinado o 5 de xuño de 2019, permite obter a información completa e actualizada sobre as persoas físicas que teñen o control dunha sociedade de maneira directa ou indirecta a través do acceso ao Rexistro de Titularidades Reais (Retir), unha nova ferramenta contra o branqueo de capitais.

1.2.2.2. Dirección Xeral do Tráfico: a información que figura no Rexistro Xeral de Vehículos, como rexistro público, é de gran relevancia para a aplicación dos tributos cedidos, tanto para a comprobación de feitos ou bases impoñibles non declarados como para a verificación da procedencia de beneficios fiscais, en particular, os relativos á actividade de compravenda de vehículos usados. Neste ámbito, subscribirase coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) un convenio que regulará a mutua colaboración entre ambas para o intercambio electrónico dos datos do Rexistro de Vehículos e do cumprimento das obrigas fiscais, respectivamente, que terá un indubidable impacto positivo na cidadanía xa que se axilizarán os trámites para realizar o cambio de titularidade dos vehículos ao facilitarse unha tramitación integramente electrónica a todo tipo de interesados, minimizándose o intercambio de datos persoais e automatizando, no posible, a acreditación de requisitos nos procedementos administrativos tanto tributarios como de tráfico e seguridade viaria.

1.2.2.3. Dirección Xeral do Catastro: a información contida no Catastro inmobiliario resulta de gran importancia, sobre todo para a aplicación dos tributos de base patrimonial. O Catastro permite detectar bens inmobles non declarados, algo de especial relevancia no ámbito do imposto sobre o patrimonio e do imposto sobre sucesións. E do mesmo xeito, facilita a comprobación dos cambios de titularidade de bens inmobles que poidan ser constitutivos de feitos impoñibles para efectos do imposto sobre doazóns ou no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Unha novidade significativa que supuxo un novo impulso na colaboración entre o Catastro e a Atriga foi a entrada en vigor no ano 2022 da figura do valor de referencia, que pasa a ser a base impoñible dos impostos que gravan as transmisións de bens inmobles (imposto sobre sucesións e doazóns e imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados), salvo que o prezo, contraprestación ou valor declarado fose superior. A normativa prevé que, nos supostos en que os contribuíntes impugnen o valor de referencia ao solicitar unha rectificación da autoliquidación ou recorrer unha liquidación, a Dirección Xeral do Catastro emita un informe vinculante á vista da documentación que conste no expediente como proba. Por este motivo, durante o 2022 e en cumprimento do establecido no convenio de colaboración entre a secretaría de Estado de Facenda (Dirección Xeral de Catastro) e a Atriga para o intercambio de información sobre o mercado inmobiliario e a coordinación de actuacións relativas ao valor de referencia, puxéronse en funcionamento novas canles de comunicación co Catastro para xestionar coa máxima axilidade as impugnacións do citado valor e solicitar os informes correspondentes, así como para poder dispoñer por parte da Axencia Tributaria de Galicia dos datos relativos ao ben, nos termos previstos no citado convenio.

1.2.2.4. Administracións tributarias de tributos locais: reviste gran importancia a colaboración e subministración de información entre os organismos que xestionan tributos locais e autonómicos. A Axencia Tributaria de Galicia continuará durante 2024 fomentando esta colaboración tanto en materia xestora como inspectora ou recadadora, sobre todo tendo en conta a similitude dalgúns impostos locais cos impostos xestionados pola Axencia, así como a mellora que, en información tributaria e bases de datos, veu esta realizando nos últimos anos.

1.2.2.5. A propia Administración pública galega e outras administracións públicas, en especial o Estado, comunidades autónomas e corporacións locais, en relación cos datos que posúan ou operacións en que interveñan e que teñan efectos tributarios.

2. Control posterior. Control extensivo e intensivo.

Se as actuacións de información e asistencia e as de colaboración social son medidas de control preventivo cuxa finalidade é eliminar as cargas fiscais indirectas aos contribuíntes e fomentar o cumprimento voluntario das súas obrigacións fiscais, as actuacións de control posterior reforzan eses obxectivos e perseguen a mellora do devandito cumprimento, favorecendo a corrección na declaración de feitos impoñibles e na aplicación da normativa tributaria aplicable, e desincentivando as condutas dirixidas a evitar a declaración dos supostos gravados. Isto cobra especial relevancia nos tributos periódicos como o imposto sobre o patrimonio, os tributos sobre o xogo ou os impostos ambientais.

Precisamente no ámbito dos tributos periódicos e, máis en concreto, nos impostos ambientais, cobra especial importancia a correcta elaboración e o permanente mantemento dun dos instrumentos de xestión tributaria sobre o que descansa o control da incidencia ambiental desde o punto de vista tributario, que non é outro que o censo correspondente a cada un destes impostos.

As diferentes actuacións de control que se puxeron en marcha nestes anos de funcionamento da Atriga permitiron manter os censos dun xeito acorde coa realidade e reconducir as condutas dos obrigados tributarios, fomentando a presentación das autoliquidacións e declaracións tributarias no prazo regulamentariamente establecido e a eliminación ou corrección de erros frecuentes ou criterios incorrectos de aplicación da normativa tributaria.

Por outra banda, desde a creación do Departamento de Planificación do Control Tributario e a asunción de funcións coordinadas de análises da información dispoñible avanzouse na adecuada detección das áreas de risco e a mellora da eficiencia na loita contra a fraude fiscal; do mesmo xeito, a análise dos resultados das actuacións de control e investigación están a permitir constatar que as actuacións de regularización da situación tributaria inciden tamén, de forma significativa, nunha mellora do cumprimento voluntario das obrigacións tributarias con independencia de que os obrigados fosen obxecto de regularización.

Coa asunción da xestión recadatoria que ata o momento están a levar as zonas de recadación por parte da Axencia, este departamento colaborará coa Área de Recadación para a análise e definición de perfís e indicadores de risco recadatorio.

A correcta identificación das áreas de risco e a selección dos obrigados tributarios obxecto de comprobación convértense nunha peza esencial do control tributario, non só desde o punto de vista da eficiencia na actuación da Administración tributaria, senón tamén na diminución dos custos indirectos daqueles contribuíntes cumpridores das súas obrigacións tributarias. Para iso, faise necesario profundar nos mecanismos de selección, mellorando os sistemas informáticos de detección a través da implantación de novas ferramentas informáticas de tratamento de datos e introducindo novas variables, tanto obxectivas, derivadas dos novos datos de que dispón a Administración tributaria xurdidos das novas obrigacións de información, como subxectivas, tendo en conta as novas tendencias xurdidas no ámbito tributario referidos ao «compliance tributario» ou boas prácticas, co fin de evitar a litixiosidade existente no ámbito tributario. Este último punto resulta moi importante no ámbito dos impostos patrimoniais, dada a importante penetración neles da figura do asesor fiscal.

Con carácter xeral, nas actuacións de control tributario posterior comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigacións de información non fornecidas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obrigación tributaria e á súa cuantificación.

Naqueles impostos en que a xestión se realiza a través dun censo, comprobaranse os datos contidos neles e os declarados polos obrigados tributarios para verificar que se corresponden coa realidade, tendo especial importancia aqueles en que os datos declarados e mantidos no censo se corresponden con elementos que inciden na cuantificación do gravame tributario.

Os beneficios fiscais supoñen unha quebra dos principios constitucionais establecidos no artigo 31 da CE polos que se debe rexer o sistema tributario, xa que supoñen excepcións ou diminucións na tributación de determinados colectivos fronte á xeneralidade de contribuíntes, aínda que mostren unha mesma capacidade económica pola adquisición ou utilización de rendas. E esta diferenza de tratamento fiscal suporía unha contravención dos principios constitucionais de xeneralidade, igualdade ou capacidade económica de non responder a outros principios constitucionalmente protexidos.

Por tanto, en canto responden a outros obxectivos distintos da pura capacidade económica e actúan como un instrumento de política económica, deben ser obxecto de especial comprobación para garantir o logro dos obxectivos perseguidos co seu establecemento e a adecuada contribución da cidadanía ao sostemento dos gastos públicos.

Para asegurar a correcta aplicación do sistema tributario, establecéronse, por unha banda, unhas comprobacións de carácter xeral que afectan todas as figuras tributarias cuxa aplicación corresponde á Axencia Tributaria de Galicia e, por outra, determinadas áreas de risco ou de atención preferente atendendo á natureza e características de cada un dos tributos de referencia, así como ao tipo de control que se vai empregar.

Así, dentro do control posterior distínguese o control extensivo ou de carácter masivo, perseguindo someter a control a totalidade das declaracións presentadas e o control intensivo (selectivo) e investigación, dirixidas ao descubrimento e regularización das formas máis graves e complexas de fraude fiscal e economía mergullada, que xeran competencia desleal e prexudican empresas e particulares que si cumpren correctamente coas súas obrigacións tributarias, reforzando especialmente as actuacións para perseguir as diferentes formas de fraude, evasión e elusión fiscal practicadas polas grandes empresas e os grandes patrimonios.

2.1. Comprobacións de carácter xeral.

2.1.1. Verificación das autoliquidacións e declaracións presentadas, tanto polo que respecta aos datos contidos nelas e á súa correspondencia con outros declarados con anterioridade ou aos datos que constan en poder da Administración tributaria, en especial, aos fornecidos polos índices notariais nos casos en que o acto ou contrato se formalizou en documento notarial, ou ben aos fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións. Así mesmo, constatarase a aplicación debida da normativa, a inexistencia de erros aritméticos e a súa presentación nos prazos regulamentariamente establecidos.

2.1.2. Comprobación das bases impoñibles declaradas nas transmisións de bens e dereitos. En especial, cando se trate de bens inmobles, comprobarase a existencia ou non do valor de referencia previsto na normativa reguladora do catastro inmobiliario e a adecuación da base declarada a aquel; no caso de inexistencia de valor de referencia ou se este non puidese ser certificado pola Dirección Xeral do Catastro, comprobarase o valor declarado conforme os medios establecidos no artigo 57 da LXT.

2.1.3. Comprobación das declaracións informativas e das declaracións censuais presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, ou ben os fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

2.1.4. Comprobación dos puntos de conexión establecidos na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, e se modifican determinadas normas tributarias.

2.1.5. Control e seguimento das concesións de prórroga e de suspensión dos prazos de presentación do imposto sobre sucesións e doazóns.

2.1.6. Verificación dos ingresos que se produzan sen presentación da correspondente autoliquidación e, de ser o caso, inicio dos procedementos sancionadores oportunos.

2.1.7. Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou que lle sexa fornecida no exercicio do deber de información ou colaboración.

2.2. Áreas de atención preferente.

2.2.1. Actuacións relativas ao sector inmobiliario e á transmisión de bens mobles: intensificación dos controis das diferentes operacións xurídicas relativas aos bens e, máis en concreto:

2.2.1.1. Investigación dos cambios de titularidade, sobre todo a partir da información existente nos diversos rexistros públicos e administrativos.

2.2.1.2. Seguimento das adxudicacións en poxas públicas, en estreita colaboración coa Axencia Estatal do BOE (AEBOE) para as poxas xudiciais, notariais e tributarias, e coa Seguridade Social e outras administracións públicas para o resto de poxas administrativas.

2.2.1.3. Comprobación da orixe dos fondos utilizados nos pagamentos nas transaccións inmobiliarias.

2.2.1.4. Control de arrendamentos de predios urbanos, en colaboración coa Administración tributaria estatal.

2.2.2. Constitución de concesións ou autorizacións administrativas que impliquen outorgamento de facultades de xestión de servizos públicos ou atribución do uso privativo ou aproveitamento especial do dominio ou uso público.

2.2.3. Comprobación dos negocios que tratan sobre transmisións de cotas nas comunidades de bens.

2.2.4. Comprobación dos patrimonios das persoas físicas tanto para efectos da súa tributación no imposto sobre o patrimonio como para efectos do imposto de sucesións e doazóns.

Para este control resulta esencial a colaboración coas outras administracións públicas, especialmente coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), compartindo a información derivada das diferentes declaracións informativas, como, entre outras, a declaración de préstamos e créditos, e operacións financeiras relacionadas con bens inmobles (modelo 181), declaración de valores, seguros e rendas (modelo 189), incluíndo tamén a declaración de bens e dereitos situados no estranxeiro (modelo 720), así como a declaración tributaria especial (modelo 750), e a través dos convenios de intercambio de información asinados con outros Estados, así como co Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e o Colexio Notarial, a través do Rexistro de Titularidades Reais e a Base de datos de Titularidade Real.

Dentro desta comprobación inclúense os patrimonios preexistentes dos suxeitos pasivos para a aplicación correcta da estrutura de gravame do imposto de sucesións e doazóns, así como a aplicación de determinados beneficios fiscais nos impostos xestionados pola Atriga.

2.2.5. Comprobación da masa hereditaria no imposto sobre sucesións, en especial:

2.2.5.1. A adecuación da masa hereditaria coa información contida nos rexistros administrativos e fiscais, a información obtida da AEAT, así como as declaracións presentadas para efectos doutros impostos e as declaracións informativas de terceiros.

2.2.5.2. A comprobación de actos dispositivos anteriores do causante.

2.2.5.3. A adición de bens nos supostos establecidos na norma.

2.2.5.4. Comprobación de cargas, débedas e gastos, en especial de débedas e créditos con persoas ou entidades con que exista algún tipo de vinculación.

2.2.6. Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, en especial:

2.2.6.1. As reducións na base impoñible ou deducións na cota referidas á vivenda habitual, así como ás empresas e participacións en entidades, ou para fomentar a constitución ou adquisición de empresas ou negocios profesionais, tanto das condicións que se deben cumprir no momento da devindicación como dos comportamentos posteriores a que obriga a norma.

2.2.6.2. As reducións subxectivas no imposto sobre sucesións e, en especial, a correcta aplicación da redución por parentesco cando se formalizaron pactos sucesorios con anterioridade ao falecemento do causante.

2.2.6.3. Os tipos reducidos para fomentar a adquisición de vivendas e actos xurídicos asociados.

2.2.6.4. A transmisión de vehículos de transporte usados a favor de empresarios que teñen como actividade habitual a compravenda de vehículos.

2.2.6.5. As deducións autonómicas no imposto sobre o patrimonio.

2.2.6.6. Os tipos bonificados, así como o resto de beneficios fiscais noutros tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia.

2.2.7. Comprobación dos domicilios declarados e as súas modificacións para corrixir deslocalizacións por simulacións de cambios de residencia, en colaboración e coordinación coas restantes comunidades autónomas e a AEAT, co único fin de lograr, de forma indebida, unha menor contribución fiscal.

2.2.8. Comprobación de operacións diversas, en especial:

2.2.8.1. As operacións en relación coa división da cousa común e extinción do condominio, as operacións de endebedamento e garantía e as súas alteracións, e as de recoñecemento de débeda.

2.2.8.2. A constitución de dereitos reais de garantía.

2.2.8.3. A presentación dos documentos mercantís que realizan función de xiro no imposto sobre actos xurídicos documentados.

2.2.8.4. As renuncias ás herdanzas para comprobar que se axustan ao disposto no ordenamento xurídico.

2.2.8.5. A presentación das consolidacións de dominio.

2.2.8.6. A tributación dos seguros no imposto de doazóns.

2.2.8.7. As doazóns con causa onerosa.

2.2.9. En relación coa tributación sobre o xogo, analizarase a información de que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario, fundamentalmente, a fornecida polos órganos competentes en materia de xogo, así como a procedente dos obrigados a fornecer información, co obxecto de verificar e comprobar tanto os datos e as bases impoñibles declaradas polos suxeitos pasivos de máquinas, bingo, apostas, rifas, tómbolas e combinacións aleatorias e casinos, como no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados e á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais. Por outra banda, comprobarase o correcto cumprimento da obriga de xestión dos libros de rexistro para os efectos tributarios. Na procura da eficacia das actuacións na loita contra a fraude, porase especial énfase na reiteración das tarefas de comprobación no caso de que, efectuadas regularizacións previas a determinados obrigados tributarios, non se consolidase un cambio de comportamento neles ou nas persoas do seu contorno familiar ou patrimonial.

2.2.10. En relación co imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, comprobaranse as declaracións censuais presentadas e a veracidade dos datos declarados, así como os obrigados tributarios que, debendo estar rexistrados no censo, non cumprisen as obrigacións censuais. Comprobarase que as cantidades de residuos depositadas nos vertedoiros radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as cantidades de residuos incinerados en instalacións de incineración e de coincineración se corresponden cos datos declarados nas autoliquidacións presentadas polos suxeitos pasivos que xestionan as ditas instalacións, así como a concordancia dos tipos de residuos cos tipos de gravame aplicados. Doutra banda, comprobarase a correspondencia das cantidades declaradas como exentas, verificando que se cumpran as condicións exixidas para estar exentas de tributación por este imposto.

2.2.11. En relación cos tributos propios ambientais, analizarase a información de que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario como, por exemplo, a fornecida polos órganos competentes en materia de ambiente, industria, enerxía e augas, tanto no que se refire á comprobación da veracidade dos datos declarados nas declaracións censuais, nas declaracións informativas e nas propias autoliquidacións, como á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, como para a detección de feitos impoñibles non declarados.

2.2.12. En relación coas taxas e prezos, analizarase a información fornecida polos seus órganos xestores e estreitarase a colaboración con eles en relación cos procedementos de control que se vaian desenvolver; estudarase tamén a posibilidade de asumir procedementos de xestión en determinados casos.

2.3. Grandes empresas e patrimonios.

2.3.1. Investigación dos obrigados tributarios que, pola contía do patrimonio persoal ou das súas rendas, teñan obrigación de presentar imposto sobre o patrimonio ou poidan concorrer doazóns non declaradas.

2.3.2. Verificación dos requisitos previstos no artigo 4.8 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, relativo á exención dos bens e dereitos das persoas físicas necesarios para o desenvolvemento da súa actividade empresarial ou profesional e das participacións en entidades, en especial, a determinación do importe do devandito beneficio fiscal, no caso de que non se aplique á totalidade do valor da empresa ou negocio.

2.3.3. Verificación dos requisitos previstos nos artigos 7.4 e 8.4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, relativos á redución no imposto sobre sucesións e doazóns pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades, en especial, a determinación do importe do devandito beneficio fiscal no caso de que non se aplique á totalidade do valor da empresa ou negocio.

2.3.4. Estudo e comprobación das estruturas empresariais constituídas coa finalidade de poder acceder ao desfrute indebido de beneficios fiscais.

2.3.5. Comprobación das transmisións encubertas de inmobles a través de sociedades interpostas, en especial, a aplicación indebida da exención regulada no artigo 338 da Lei 6/2023, do 17 de marzo, dos mercados de valores e dos servizos de investimento.

2.3.6. Verificación das operacións inmobiliarias realizadas por empresarios para efectos da delimitación da súa tributación por este imposto ou polo IVE, en especial, a comprobación da verdadeira condición de empresario, o cumprimento dos requisitos para a renuncia á exención neste último imposto, prevista no artigo 20.2 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, así como a súa correcta tributación polo tipo incrementado do imposto de actos xurídicos documentados.

2.3.7. Comprobación daquelas operacións e mecanismos de planificación fiscal agresiva que resulten anómalos en relación co fin perseguido, distinto do aforro fiscal, e que poden ser constitutivas de simulación ou conflito na aplicación da norma, sobre todo as relacionadas coa transmisión de bens inmobles.

3. Control na fase recadatoria.

A xestión recadatoria consiste no exercicio da función administrativa conducente á realización dos créditos tributarios e demais ingresos de dereito público establecidos a favor da Facenda Pública de Galicia.

O principal obxectivo dunha xestión recadatoria eficiente é a cobranza efectiva das débedas, aínda que non sexa de forma inmediata, tanto facilitando o seu cumprimento espontáneo simplificando o procedemento e formas de pagamento e reducindo os custos asociados, como previndo e loitando contra a fraude fiscal definindo áreas de acción que permitan detectar riscos potenciais que dificulten ou impidan a eficacia cobratoria, especialmente en período executivo, cando non se atenderon voluntariamente as obrigacións de pagamento, e reducir posibles riscos de cobranza evitando, no máximo posible, que determinadas figuras poidan ser empregadas para eludir ou dilatar o pagamento.

Resultan especialmente relevantes para a consecución destes obxectivos non só as actuacións que poidan levar a cabo as unidades encargadas das funcións de recadación, senón que tamén resulta fundamental a súa coordinación e colaboración tanto con outras áreas da Axencia como con outras administracións e organismos, sexan ou non tributarios.

A fase recadatoria centrarase, principalmente, nas seguintes actuacións, en liña coas levadas a cabo en anos anteriores, e nas cales convén incidir polos bos resultados alcanzados:

3.1. Seguimento do procedemento de ingreso mediante as entidades colaboradoras autorizadas, controlando a correcta transferencia dos fondos, así como o envío dos ficheiros de información nos prazos establecidos e a correcta validación dos documentos cobratorios presentados polos obrigados tributarios.

3.2. Ampliación e mellora dos medios de pagamento existentes na liña de apostar polo fomento das novas tecnoloxías como un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte, así como para facilitar ao máximo aos obrigados tributarios o cumprimento das súas obrigacións fiscais.

En particular, e sen prexuízo doutras melloras que poidan implementarse.

– Progresarase na implantación da posibilidade do pagamento mediante o emprego dos caixeiros das entidades bancarias colaboradoras na xestión recadatoria coa Atriga incrementado estas en colaboración con elas.

– Habilitarase como medio de pagamento a transferencia bancaria para o pagamento daquelas débedas que, conforme a normativa vixente, poida ser efectuado a través da OVT, cando o contribuínte non dispoña de conta aberta nas entidades bancarias colaboradoras na xestión recadatoria coa Atriga.

– Avanzarase nos trámites para estender a domiciliación bancaria a todos os contribuíntes que teñan conta aberta en entidades bancarias dentro da zona SEPA.

3.3. Seguimento e control dos ingresos realizados co obxectivo de detectar posibles incidencias e conseguir unha maior eficacia na súa aplicación, prestando especial atención aos que puidesen corresponder a autoliquidacións non presentadas.

3.4. Potenciar a coordinación coa AEAT no marco do convenio de recadación subscrito e modificado en 2017 co fin de mellorar a tramitación dos expedientes en constrinximento xestionados ao seu abeiro.

3.5. Coordinación cos órganos competentes para realizar pagamentos orzamentarios da Xunta de Galicia co obxecto de posibilitar a práctica de embargos dos dereitos de cobramento a favor de persoas que sexan, así mesmo, titulares de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia, así como establecer canles informáticas en colaboración co resto das administracións públicas para detectar a existencia de créditos a favor de debedores da Facenda pública galega a través de intercambios de información.

3.6. Continuando coa asunción progresiva das funcións de recadación en vía de constrinximento iniciada coa supresión das zonas de recadación da Coruña, Lugo e Ourense no ano 2023, suprimirase a Zona de Recadación de Vigo, asumindo a Atriga as funcións desempeñadas por esta, en virtude do previsto na Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

3.7. Potenciación de canles para os intercambios de información con transcendencia tributaria con outras administracións públicas para o establecemento de procedementos automatizados de embargo, en particular, para o embargo de soldos e salarios e pensións.

3.8. Control do sistema de compensación de débedas e créditos e dos expedientes de compensación de débedas a entidades de carácter público.

3.9. Control e seguimento das débedas pendentes de pagamento nos supostos de sucesores de persoas físicas, xurídicas e entidades sen personalidade.

3.10. Control e seguimento dos expedientes de derivación de responsabilidade, dentro do ámbito de todo tipo de débedas de dereito público, atendendo especialmente ás operacións de baleiramento patrimonial.

3.11. Control e seguimento dos expedientes de adiamentos e fraccionamentos de pagamento, das débedas paralizadas ou suspendidas por recurso ou reclamación que estean en período executivo e dos recursos de reposición contra as providencias de constrinximento e embargo, sobre todo coa finalidade de que estas figuras non sexan utilizadas para lograr dilacións nos procedementos ou elusións do pagamento.

3.12. Revisión completa dos expedientes de insolvencia e falidos, co fin de extremar a procura de bens do debedor realizables que revelen como inexacta esa situación inicialmente prevista como insolvencia.

3.13. Mellora do control e seguimento da débeda pendente, en particular, en fase de embargo, realizando actuacións que permitan axilizar a súa cobranza reducindo os tempos de xestión recadatoria.

3.14. Actuacións de control das situacións concursais comunicadas en colaboración con xuíces e administradores concursais co obxectivo de atinxir a máxima operatividade no pagamento das débedas que teñan este carácter, con independencia de que o proceso culmine en aprobación do convenio ou entre en fase de liquidación.

3.15. Realización das actuacións necesarias que posibiliten a colaboración nos procedementos de alleamento forzoso de bens inmobles embargados noutras comunidades autónomas e no embargo de pagamentos orzamentarios efectuados por outras comunidades autónomas.

3.16. Especial atención ás actuacións que xiran ao redor das poxas, plenamente integrado o seu procedemento no portal do Boletín Oficial del Estado, como último paso da recadación en período executivo –tales como valoracións, comunicacións, publicidade– co obxectivo de aumentar a afluencia de licitadores e lograr unha maior adxudicación dos bens obxecto destas.

3.17. Control das renuncias ás herdanzas realizadas polos obrigados tributarios que sexan debedores da Comunidade Autónoma de Galicia, por se puideren prexudicar os intereses de cobramento desta e co fin de iniciar, neste caso, as actuacións procesuais necesarias na vía civil ou penal.

3.18. Comprobación da existencia de avais, así como doutro tipo de garantías que poidan estar constituídas dentro de calquera procedemento, que garantan o cobramento das débedas que non fosen ingresadas no prazo legal, para a súa correspondente execución, co fin de lograr a máxima satisfacción posible das débedas garantidas.