DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2024 Páx. 18734

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2024 pola que se ordena a publicación da modificación do Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade.

Exposición de motivos.

O Consello de Goberno da USC, na súa sesión do 25 de xaneiro de 2024, aprobou a modificación do Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade na Universidade de Santiago de Compostela.

Por isto, esta reitoría

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación do Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade na Universidade de Santiago de Compostela, aprobada polo Consello de Goberno da USC na súa sesión do 25 de xaneiro de 2024.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2024

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Modificación do Regulamento das titulacións oficiais de grao
e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento
da súa calidade na Universidade de Santiago de Compostela

Primeiro. Modifícase o artigo 12, Coordinador/a de título, parágrafo 6, que queda redactado do seguinte xeito:

6. O/a coordinador/a deixará de exercer as súas funcións por algún dos seguintes motivos: dimisión, baixa por incapacidade temporal, licenza, permiso ou cesamento proposto pola persoa responsable do centro. O cesamento do/da coordinador/a é competencia do/da reitor/a. Cando un/unha coordinador/a deixe de exercer as funcións de coordinación por baixa por incapacidade temporal, licenza ou permiso, a persoa responsable do centro poderá designar un/unha coordinador/a accidental ou en funcións, tendo en conta a tipoloxía e duración prevista da baixa. Cando un/unha coordinador/a deixe de exercer as funcións de coordinación por dimisión ou cesamento, a persoa responsable do centro designará un/unha coordinador/a en funcións por un período máximo dun mes. Antes do remate dese período, nomearase un/unha novo/a coordinador/a.

Segundo. Modifícase o artigo 23, Créditos optativos e factor de oferta de optatividade (nas titulacións de grao), que queda redactado da seguinte maneira:

1. Os plans de estudos terán un máximo dun 15 % de créditos optativos do total de créditos do título. En casos excepcionais, debidamente xustificados, poderá superarse este límite.

2. A oferta de créditos en materias optativas estará entre o dobre e o triplo dos créditos optativos que deba cursar os e as estudante, sempre que non se supere o 35 % do total de créditos do título.

3. As prácticas externas de carácter optativo e os créditos por recoñecemento non computarán no cálculo do límite de optatividade.

Terceiro. Modifícase o artigo 29, Especialidades (nas titulacións de mestrado), parágrafo 2, que queda redactado do seguinte xeito:

2. Cada especialidade terá entre o 25 % e o 50 % da carga de créditos total do correspondente título de mestrado universitario. No caso de ofertar máis dunha especialidade, todas deberán ter un número similar de créditos.

Cuarto. Modifícase o artigo 31, Distribución de créditos, que queda redactado da seguinte forma:

Os créditos obrigatorios e optativos (incluídas, de ser o caso, as prácticas externas optativas) deberán representar conxuntamente como mínimo o 50 % do total de créditos do título. Os créditos restantes corresponderán ás prácticas externas obrigatorias (de existiren) e ao TFM.

Quinto. Modifícase o artigo 32, Créditos optativos e oferta de optatividade (nas titulacións de mestrado), que queda redactado do seguinte xeito:

1. O número de créditos obrigatorios do plan de estudos (excluídas as prácticas externas e o TFM) deberá ser igual ou superior ao número de créditos optativos (incluídas, de ser o caso, as prácticas externas optativas).

2. A oferta de créditos en materias optativas non superará o dobre dos créditos optativos que deban cursar os e as estudantes.

3. As prácticas externas de carácter optativo non computarán no cálculo do límite de optatividade.

Sexto. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.