DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 8 de marzo de 2024 Páx. 17809

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2024 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e se abre o prazo de presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria de 2023 (código de procedemento ED701C).

O artigo 94 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que «Tendo en conta os límites máximos de custos de persoal que os orzamentos xerais da Xunta de Galicia establezan para cada unha das universidades públicas do SUG, e segundo o procedemento que se determine regulamentariamente, o consello social, por proposta do consello de goberno da universidade e logo de valoración positiva do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, poderá acordar a asignación, singular e individualizada, de complementos retributivos ligados ao exercicio da actividade e da dedicación docente, investigadora, de transferencia de coñecemento ou de xestión, nos termos establecidos na Lei orgánica de universidades».

A Xunta de Galicia, a través do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (DOG núm. 56, do 22.3.2004), crea catro tipos de complementos, e restrinxe a súa aplicación, de conformidade co disposto no seu artigo 1, ao persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia. No seu artigo 8 indícase que a asignación dos complementos exixirá a valoración previa positiva dos méritos en que se sustentan polo consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto polo propio consorcio ACSUG, conforme os seguintes criterios obxectivos, indicativos e non exclusivos.

En consonancia co anterior, a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento polos cargos de xestión levarase a cabo de acordo coas disposicións básicas contidas na Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión (DOG núm. 207, do 26.10.2006).

Con respecto ao establecido no artigo 8.1 da devandita orde, polo Acordo da CGIACA do 10 de outubro de 2017, concretáronse os cargos que poderán asimilarse aos sinalados na citada Orde do 16 de outubro de 2006, que se incorporan a esta resolución como anexo I.

De conformidade coa citada normativa, o Consello Reitor do consorcio ACSUG convocará, mediante resolución, a apertura do prazo para a presentación de solicitudes para a asignación destes complementos retributivos.

Mediante a Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG núm. 191, do 3.10.2006) publícanse os acordos do Consello Reitor do consorcio ACSUG, polo que se delega na súa presidencia a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria de 2023 e abrir o prazo de presentación de instancias para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión establecido no artigo 2.4 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (código de procedemento ED701C).

Segunda. Persoas solicitantes

De conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, poderá solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor en activo, tanto de carácter fixo como temporal, das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia (SUG).

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, o artigo 6.4 da mesma disposición, así como co disposto polo artigo 2.2 da Orde do 16 de outubro de 2006 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión, para obter a valoración positiva será preciso:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, tanto de carácter fixo como temporal, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Ter desempeñado algún dos seguintes cargos: reitor de universidade, vicerreitor ou secretario xeral da universidade, decano ou director de facultade; vicedecano, subdirector ou secretario de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria, director de departamento e secretario de departamento, director de instituto universitario, en calquera das institucións universitarias ou de educación superior públicas galegas, estatais ou europeas; e aqueles cargos directamente relacionados coa xestión académica ou coa investigación equiparados, para efectos exclusivos deste complemento, pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), aos recollidos no anexo I desta resolución.

3. Ter cesado no cargo por causa legal non derivada da comisión de delito ou falta no desempeño das funcións propias deste.

Computaranse os períodos de tempo de ocupación dos correspondentes cargos desde a entrada en vigor da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, ata o 31 de decembro de 2022, sempre e cando nesta derradeira data xa se producise o cesamento efectivo.

4. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude, polo consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ACSUG, de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación, CGIACA, na Orde do 16 de outubro de 2006.

Cuarta. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente o anexo II e a relación de cargos desempeñados ata o 31 de decembro de 2022, nos modelos dispoñibles na aplicación informática do consorcio ACSUG, a que se deberá acceder a través da páxina web: http://www.acsug.es/convocatorias-abertas

Non se valorarán os méritos que non fosen incorporados telematicamente a través da aplicación informática do consorcio ACSUG.

2. Unha vez cuberta a solicitude (anexo II) do xeito indicado no punto anterior, xerarase o correspondente documento PDF e presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal a través do código de procedemento ED701C.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presentase a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de presentación dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012, equivalente 981 90 06 43, ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Quinta. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

– Documentación xustificativa dos cargos de xestión universitaria desempeñados fóra das universidades pertencentes ao SUG (certificado oficial emitido pola secretaria xeral da correspondente universidade ou órgano equivalente ou, de ser o caso, copia dos boletíns ou diarios oficiais en que consten, respectivamente, o nomeamento e o cesamento).

– Outros documentos que a persoa solicitante considere relevantes.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presentase a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Non se admitirá a trámite nin se valorará ningunha documentación xustificativa dos méritos alegados que non cumpra co disposto nesta base.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, tanto de carácter fixo como temporal, de calquera das universidades públicas de Galicia.

d) Cargos de xestión universitaria desempeñados nas universidades pertencentes ao Sistema universitario de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Oitava. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten no anexo II. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu correo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e poderán descargar a súa resolución oficial asinada, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. De todos os xeitos, terá relevancia a data de acceso ao contido –sexa nese prazo ou non– de cara ao cómputo dunha posible interposición dun recurso.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Prazo

O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Emenda e mellora da solicitude

1. Cando as solicitudes presentadas en prazo polos interesados non reúnan os requisitos exixidos pola normativa que resulte de aplicación, non se cubrise o anexo II ou non se xuntasen os documentos necesarios para a súa admisión a trámite do xeito exixido nestas bases, o consorcio ACSUG requirirá o interesado para que, no prazo de dez (10) días hábiles a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a carencia, consonte o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015. No caso de non atender ao devandito requirimento, entenderase que desiste da súa petición.

2. Rematado o prazo para a presentación de solicitudes, as avaliacións faranse con base nos cargos alegados a través da aplicación informática do consorcio ACSUG, así como na documentación acreditativa dos cargos desempeñados que a persoa interesada achegase ou ben autorizase a consultar.

Décimo primeira. Procedemento

1. O procedemento de tramitación e avaliación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de outubro de 2006 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión.

2. No suposto de que algún dos cargos desempeñados e alegados polos solicitantes non estivese incluído no anexo I desta resolución, a CGIACA será a encargada de decidir sobre a súa inclusión e valoración.

Décimo segunda. Acordos de avaliación

1. De conformidade co establecido no artigo 23 dos estatutos do consorcio ACSUG, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

2. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA serán notificados a cada solicitante, persoal e directamente, nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do establecido na disposición adicional vixésimo primeira da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE núm. 89, do 13.4.2007). Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados, cando resulten positivos, serán notificados directamente polo consorcio ACSUG ás correspondentes universidades para que, se é o caso, os seus consellos sociais procedan á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Décimo terceira. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser obxecto de recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Este recurso, unha vez cuberto, deberá asinarse e presentarse telematicamente consonte o establecido na base sétima.

Décimo cuarta. Efectos económicos

Cando, de conformidade co disposto na base décimo segunda, as universidades procedan á asignación dos referidos complementos, o pagamento das correspondentes retribucións farase con efectos do 1 de xaneiro de 2023.

Décimo quinta. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do consorcio Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

ANEXO I

Cargo académico e equiparacións realizadas pola CGIACA*
exclusivamente para os efectos deste complemento

Cargo académico

Puntos/ano

Reitor

1

Conselleiro competente en materia de universidades

1

Vicerreitor, secretario xeral, xerente, adxunto ao reitor

0,8

Valedor universitario, presidente da Comisión/Tribunal de Garantías

0,8

Representante/delegado na CIUG

0,8

Director xeral ou equivalente en materia de universidades

0,8

Presidente ou director do consorcio ACSUG

0,8

Presidente ou vogal académico da CGIACA**

0,8

Vogal do Consello Reitor do consorcio ACSUG

0,5

Decano ou director de facultade/escola

0,5

Director da Escola de Doutoramento

0,5

Adxunto ao vicerreitor ou á Secretaría Xeral, Comisionado, director de área, director de campus de especialización

0,4

Director de departamento

0,4

Presidente ou secretario do tribunal único das ABAU

0,3

Vicedecano, subdirector, secretario de facultade/escola

0,3

Secretario da Escola de Doutoramento

0,3

Director de instituto universitario

0,3

Secretario ou subdirector de departamento

0,25

Secretario de instituto universitario

0,15

Director de centros adscritos docentes

0,15

* Este anexo foi aprobado pola CGIACA na súa xuntanza do 22 de xaneiro de 2019. As equivalencias que eventualmente proceda realizar, dos cargos desempeñados nas administracións públicas autonómicas, estatais ou europeas a que se refire o artigo 6.4.1 do Decreto 54/2004, do 4 de marzo, que regula os presentes complementos, serán realizadas especificamente pola CGIACA, tendo en conta a relevancia do cargo e a súa relación coa xestión da educación superior, a investigación, o desenvolvemento e a innovación.

** No exercicio das funcións establecidas nos artigos 25 e 32 dos Estatutos do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), aprobados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29.1.2018), modificado polo Decreto 216/2022, do 1 de decembro (DOG núm. 242, do 22.12.2022).

missing image file
missing image file
missing image file