DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 8 de marzo de 2024 Páx. 17669

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Ames (A Coruña), parcela dotacional no solo urbano de Bertamiráns.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Ames (A Coruña), parcela dotacional no solo urbano de Bertamiráns, mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 22 de febreiro de 2024, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2394&_aaeTipology_WAR_aae_id=2394

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Ames (A Coruña), parcela dotacional no solo urbano de Bertamiráns

O Concello de Ames remite a modificación puntual (MP) referida, para os efectos previstos no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación redactada en febreiro de 2022 polos arquitectos Alfredo Garrote Pazos e Sara Prieto Hortas; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ames conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 28.6.2002, ao abeiro da Lei 1/1997, do solo de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 5.4.2021 informe de contestación no trámite de consultas do artigo 60.4 da LSG, sen obxeccións.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico sobre a MP o 8.5.2021 ( DOG do 28 de maio) en que resolve non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco do proceso de consultas previas, contestou, ademais da DXOTU, o Instituto de Estudos do Territorio o 5.5.2021, con observacións de non ter efectos significativos sobre a paisaxe.

4. Constan informes municipais favorables á aprobación inicial da MP: técnico (3.1.2022) e xurídicos (1.3.2022 e 22.3.2022).

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 31.3.2022, que foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 2.6.2022 e Diario Oficial de Galicia do 7.6.2022) sen se presentar alegacións.

6. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG) a DXOTU emitiu informe o 19.10.2022 sobre o resultado do trámite.

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 17.6.2022, sen obxeccións.

– Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación do 27.6.2022.

– Instituto de Estudos do Territorio do 24.9.2022, sen obxeccións.

– Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas do 15.9.2022, de non afección á Rede autonómica de estradas de Galicia.

– Informe de Augas de Galicia do 28.9.2022, sen obxeccións.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 6.10.2022, favorable condicionado.

Foi solicitado o informe da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que non foi emitido en prazo.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Baña, Brión, Negreira, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra, sen que ningún contestase en prazo.

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta o seguinte:

a) Dirección da Área de Fomento da Delegación do Goberno do 2.8.2022, de non incidencia nas propiedades ou zonas afectada á defensa nacional, nin no Inventario de Bens e Dereitos do Estado nin no das entidades xestoras da Seguridade Social.

b) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación de Servizos de Comunicación Audiovisual do 28.5.2022, favorable.

c) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do 30.5.2022, favorable.

d) Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do 22.8.2022, de non inclusión nos espazos suxeitos a servidumes aeronáuticas das instalacións aéreas civís.

8. Constan informes municipais favorables á aprobación provisional, técnico (23.2.2023) e xurídico (24.2.2023). A secretaria municipal emitiu o 28.2.2023 informe proposta de aprobación provisional da MP.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno o 30.3.2023.

10. O Concello solicitou a aprobación definitiva o 5.10.2023. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda de deficiencias documentais o 3.11.2023. O Concello achega o 22.11.2023 o documento aprobado provisionalmente e o expediente administrativo.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito da modificación puntual está constituído polo quinteiro delimitado pola rúa do Cómaro, a travesía do Lodeiro, rúa sen nome e a avenida da Peregrina (estrada autonómica AC 544) duns 4.410 m², situado no núcleo urbano de Bertamiráns. Nel considéranse dous ámbitos, separados por un antigo camiño:

a) A parte centro-norte, ocupada actualmente por un aparcadoiro en superficie e constituída pola parcela catastral 8656401NH2845N e terreos de viario.

b) A parte sur, unha área sen acondicionar cunha antiga vivenda actualmente a almacén, un hórreo e dúas palmeiras, constituída pola parcela catastral 8756901NH2845N.

Os terreos son de titularidade municipal e rodeados de rúas urbanizadas con servizos.

2. Os terreos están clasificados como solo urbano e cualificados como sistema xeral de equipamentos na categoría de administrativo (ADM), nas franxas contiguas aos límites norte e leste do quinteiro; e no resto como rede viaria local (Plano B-C Clasificación de solo urbano. Bertamiráns, a escala 1.2000, do PXOM).

En canto á categoría de solo, o plano B-G Réxime e xestión de solo urbano. Bertamiráns a escala 1.2000 do plan xeral distingue dous ámbitos:

a) A zona norte, parcela catastral 8656401NH2845N e terreos sen catastrar, inclúese no solo urbano non consolidado APE P B4-03 piscina municipal e está cualificado como sistema de equipamentos en polígono de solo urbano e como rede viaria local en ámbitos de xestión (e non sistema xeral viario como por erro se indica no borrador). O proxecto de compensación do ámbito foi aprobado definitivamente o 3.2.2005 e as obras de urbanización recibidas parcialmente o 5.3.2012.

b) A zona sur, parcela con referencia catastral 8756901NH2845N, inclúese no ámbito de solo urbano consolidado unidade de reparcelación obrigatoria URO B4-11 e é cualificada como rede viaria local en ámbitos de xestión (e non sistema xeral viario como por erro se indica no borrador). Segundo a memoria, o proxecto de reparcelación foi aprobado definitivamente o 26.12.2003 e o de urbanización o 28.4.2004.

3. O obxectivo da modificación puntual consiste en recualificar a parcela municipal situada no núcleo urbano de Bertamiráns, que está en terreos clasificados como solo urbano de uso dotacional nas clases de equipamento (administrativo) e viario, a equipamento dotacional múltiple para poder implantar equipamentos públicos de calquera categoría.

4. A ordenación proposta na MP consiste en:

a) Cualificar o ámbito como sistema xeral de equipamento coa categoría de dotacional múltiple (que inclúe equipamentos e servizos urbanos) introducindo esa categoría na regulación normativa do plan xeral (artigos 5.6.5 e 5.6.9).

b) Regular o uso do subsolo dos terreos públicos destinados a equipamento no plan xeral para prever a implantación de infraestruturas, equipamentos e aparcadoiros públicos, modificando o artigo 5.6.4 da normativa do plan xeral, engadindo nel un número 2.

c) Establecer medidas de protección e conservación do hórreo existente, catalogándoo.

d) Integrar na ordenación os elementos vexetais correspondentes ás dúas palmeiras existentes no estremo suroeste do ámbito.

e) Respecto do borrador, inclúense agora na normativa condicións específicas de edificación, relación co contorno e acabado das edificacións e tratamento dos espazos exteriores, que garanten a integración paisaxística das futuras actuacións.

Na normativa engádese un artigo 5.6.21 que regula as condicións do novo equipamento.

III. Análise e consideracións.

A cualificación dunha maior proporción de terreos con destino ao sistema xeral de equipamentos públicos ten acollida como razón de interese público para fundamentar unha modificación de planeamento (artigo 83.1 da LSG). Analizada a proposta non se observa impedimento para a súa aprobación definitiva.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Ames (A Coruña), parcela dotacional do solo urbano de Bertamiráns.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.