DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 5 de marzo de 2024 Páx. 17045

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 21 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A).

BDNS (Identif.): 746640.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e outras organizacións, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas, polo menos, con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán de estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes que establece o artigo 8.3. En todo caso, a entidade deberá de estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2. da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Ter como fin estatutario principal a atención ás necesidades ou ao desenvolvemento de actividades dirixidas a persoas con trastorno mental grave.

f) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando cos medios persoais e materiais necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Segundo indica o artigo 82 da lei 4/2023 para a igualdade real e efectiva de persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, non se outorgarán subvencións a ningunha entidade que cometa, incite ou promocione LGTIfobia, incluíndo a promoción ou realización de terapias de conversión.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1 deste artigo.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico poderán solicitar as axudas a través destas.

4. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.

5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e dos trastornos adictivos (código de procedemento SA500A).

O contido dos programas que se desenvolverán durante o ano 2024 deberán axustarse, de conformidade coa tipoloxía de cada programa recollido no anexo I, ás seguintes liñas de actuación:

Liña I. Proxectos de investimento en melloras en centros sanitarios e sociosanitarios cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais en materia de trastornos mentais (incluídos os trastornos adictivos).

Liña II. Programas de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental (incluídos os trastornos adictivos).

Liña III. Programas de promoción do desenvolvemento de contornas protectoras no ámbito dixital e prevención terciaria en adiccións comportamentais e outras adiccións.

Liña IV. Programas de incorporación social e fomento do emprego en persoas con trastornos mentais (incluídos os trastornos adictivos).

Liña V. Programas de prevención do suicidio e posvención.

2. Os programas de investimento da liña I deberán esta vencellados univocamente a un programa asistencial no eido do trastorno mental e/ou adictivo, que deberá ser achegado nunha memoria resumida xunto coa solicitude.

3. No caso dos programas das liñas II, III, IV e V, estes deberán:

3.1º. Basearse nunha metodoloxía de intervención avalada pola evidencia científica.

3.2º. Contar con persoal cualificado e axeitado ás características do programa, sendo un deles persoa coordinadora, responsable da execución do proxecto.

3.3º. Ter un mínimo de horas de intervención directa presencial semanal non inferior a 10 horas.

3.4º. Contar cun plan de comunicación do programa para dar a coñecer a actividade que está a desenvolver á cidadanía xeral e ao colectivo de potenciais persoas beneficiarias, que deberá achegarse xunto coa solicitude.

3.5º. Contar cun plan de formación continuada de profesionais, que deberá achegarse xunto coa solicitude.

Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA500A para este procedemento administrativo.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 21 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A).

Cuarto. Contía

Para o financiamento destas axudas prevese un crédito de un millón douscentos seis mil novecentos corenta e tres euros (1.206.943,00 €) que se financiarán con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024. Do dito importe, catrocentos mil euros (400.000,00 €) corresponden á asignación do Plan de acción de saúde mental 2022-2024 para o ano 2024, douscentos corenta e un mil novecentos setenta e tres euros (241.973,00 €) corresponden á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario e o resto a fondos propios libres.

As aplicacións orzamentarias, códigos de proxecto e os créditos de cada liña desagréganse de acordo co indicado na seguinte táboa:

Liñas de actuación

Aplicación

Código

Importe

Liña I

5001.413A.781.30

201800005

241.973,00 €

Liña II

5001.413A.481.32

2021 00001

460.836,00 €

Liña III

5001.413A.481.21

2014 00027

52.067,00 €

Liña IV

5001.413A.481.21

2014 00027

52.067,00 €

Liña V

5001.413A.481.34

2022 00004

400.000,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberá computarse de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sexto. Outros datos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo II).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade