DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 1 de marzo de 2024 Páx. 16444

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 26/2024, do 15 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Marín da estrada provincial EP-1205 e do treito final da estrada provincial EP-1204.

Segundo o previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión extraordinaria do día 15 de setembro de 2023, aprobou o cambio de titularidade a prol do Concello de Marín dos seguintes treitos de estradas:

– EP-1205, acceso á praia de Aguete.

– EP-1204, acceso á praia de Loira, tramo do p.q. 0+530 ao p.q. 0+696.

O convenio asinado entre o Concello e a Deputación para a execución do proxecto denominado Senda peonil no acceso á praia de Aguete, mellora da mobilidade peonil na EP-1205, acceso á praia de Aguete, ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia ao Concello.

A estrada EP-1205, de 372 m de lonxitude, e o treito final da estrada EP-1204 cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos cales forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de febreiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Marín da estrada e treito de estrada:

Estrada

Denominación da estrada

p.q.i

p.q.f

Lonx. (km)

EP-1205

Acceso á praia de Aguete

0+000

0+372

0,372

EP-1204

Acceso á praia de Loira

0+530

0+696

0,166

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Marín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de febreiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade