DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 1 de marzo de 2024 Páx. 16542

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 16 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia (código de procedemento IN501A).

BDNS (Identif.): 746223.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:

a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

c) Colexios profesionais, cando as actividades subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, segundo o disposto nos seus estatutos.

d) Centros universitarios.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día nas obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser o caso.

b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación da presente resolución.

3. As entidades solicitantes poderán concorrer ás axudas de maneira individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo.

3.1. No caso de proxectos individuais, unicamente poderá presentarse unha solicitude por entidade (ben sexa proxecto tractor ou singular). No caso de presentar máis dunha solicitude individual, terase en conta a presentada en último lugar e non se admitirán as restantes presentadas.

3.2. No caso de proxectos conxuntos, non hai límite de presentación de solicitudes por entidade.

Neste caso, todas estas entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento dos obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, as entidades solicitantes deben compartir polo menos o 80 % das actividades propostas, e deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de entidades beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que será o interlocutor único ante a Administración.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión das axudas para a organización de accións formativas non regradas que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal-madeira, a competitividade, o deseño e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa Estratexia de formación e coa Axenda de impulso da industria forestal-madeira, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2024, para o desenvolvemento de proxectos tractores e proxectos singulares (código de procedemento IN501A).

2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións e entidades do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de bioeconomía circular, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados.

– Actuacións obxecto de apoio.

Ao abeiro destas bases reguladoras prevense dúas categorías de apoio:

1. Proxectos tractores cun investimento total subvencionable dun mínimo de 15.000,00 euros e un máximo de 60.000,00 euros.

2. Proxectos singulares cun investimento total subvencionable dun máximo de 14.999,00 euros.

– Proxectos subvencionables.

1. Nos termos desta resolución, tanto no caso de proxectos tractores como singulares, serán subvencionables os proxectos que integren actividades de carácter formativo non regrado que promovan a industria forestal-madeira de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.

2. Os proxectos incluirán a organización de actividades formativas non regradas, tales como másteres, cursos, xornadas específicas ou pílulas formativas relacionados coa industria forestal-madeira.

En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

a) Formación específica non regrada:

1º. Habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros, na xestión de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina e castaña, en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.

2º. Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.

3º. Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, procesos de acabamento, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.

4º. Incorporación do ecodeseño como ferramenta de diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e no moble.

5º. Coñecemento sobre materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións, a circularidade dos produtos madeireiros e forestais non madeireiros, así como un uso en serie.

6º. Competencias profesionais en materia de construción en madeira, incluíndo o uso de bases de datos de construción sustentable.

7º. Competencias profesionais para a elaboración de declaracións ambientais de produto (DAP) ou análises de ciclo de vida (ACV).

8º. Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.

b) Formación non regrada de carácter transversal:

1º. Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal-madeira que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a aprendizaxe permanente (lifelong learning) neste ámbito. Queda excluída a formación centrada especificamente nos postos de traballo ou funcións de cada traballador, así como a adaptación desta á aparición de novos riscos.

2º. Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal-madeira.

3º. Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing, incluíndo formación en clave de xénero, así como de detección e aplicación de protocolos en materia de acoso na contorna laboral.

4º. Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira (entre outros, mediante tecnoloxía blockchain).

Terceiro. Contía

1. As axudas financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.A4.741A.481.0 e 14.A4.741A.444.0, no código de proxecto 2018 00005. O orzamento destinado a esta convocatoria será de 800.000,00 euros, 400.000,00 euros no exercicio contable 2024 e 400.000,00 euros para o exercicio contable 2025.

Categoría

Código de proxecto

Aplicación

orzamentaria

Orzamento

2024

Orzamento

2025

Orzamento total

Proxectos tractores

2018 00005

14.A4.741A.481.0

245.000,00 €

245.000,00 €

490.000,00 €

14.A4.741A.444.0

80.000,00 €

80.000,00 €

160.000,00 €

Proxectos singulares

14.A4.741A.481.0

75.000,00 €

75.000,00 €

150.000,00 €

2. A intensidade máxima da axuda será do 100 % do investimento total subvencionable, ata un máximo de 60.000,00 euros por solicitude e 100.000,00 € por persoa beneficiaria, no caso de ter presentado varias solicitudes.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024

Jacobo Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal