DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2024 Páx. 16219

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Mos

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan parcial de ordenación do solo urbanizable delimitado industrial SUDI-06.

O Pleno municipal do Concello de Mos, na sesión ordinaria que tivo lugar o 26 de decembro de 2023, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto do Plan parcial de ordenación do solo urbanizable delimitado industrial SUDI-06 do Concello de Mos, en desenvolvemento do PXOM presentado por Meifus Inbest, S.L., con CIF B36988350.

Segundo. Publicar este acordo de aprobación definitiva no DOG no prazo dun mes desde a súa adopción. Xunto coa publicación deste acordo publicarase a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro deste plan parcial á disposición del público (artigo 82.2 da LSG). Unha vez publicado o anuncio no DOG, remitirase un exemplar deste plan parcial en soporte dixital, debidamente dilixenciado, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia. Esta inscrición será requisito de eficacia do acordo de aprobación definitiva (artigo 88 da LSG). A solicitude de inscrición do instrumento no Rexistro levarase a cabo mediante o correspondente modelo normalizado, establecido pola Orde do 10 de marzo de 2017 pola que se establecen os modelos normalizados de solicitudes para a inscrición, modificación e certificación de datos no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, previstas no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Posteriormente, publicarase o anuncio no BOP, conforme o establecido nos artigos 82.3 e 88.4 da LSG.

Terceiro. Notificarlles este acordo ás persoas interesadas e indicarlles que contra el poderán interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación do presente acto, o cal pon fin á vía administrativa, sen prexuízo de que poidan interpor calquera outro recurso ou reclamación que consideren conveniente ao seu dereito.

Cuarto. Levantar a suspensión das licenzas nas áreas afectadas polo plan parcial, adoptada no acordo de aprobación inicial.

Quinto. Facultar a Alcaldía presidencia para cantas actuacións sexan necesarias para a mellor execución do acordado.

O contido íntegro do documento aprobado poderá consultarse na seguinte ligazón:

Expte_501_2020_SUDI06 MOS AD01

Mos, 8 de febreiro de 2024

Nidia María Arévalo Gómez
Alcaldesa