DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2024 Páx. 15768

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 13 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se publica a Resolución do 23 de xaneiro de 2024 pola que se arquiva o expediente do parque eólico Gasalla e se cancela a garantía económica depositada por Green Capital Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (IN408A/2017/026).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 23 de xaneiro de 2024, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Gasalla e se cancela a garantía económica depositada por Green Capital Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, e de aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) das instalacións do parque eólico Gasalla, sito nos concellos de Frades e Mesía (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.1.2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Gasalla (expediente nº IN408A/2017/026).

3. Cancelar e devolver a garantía económica depositada por Green Capital Power, S.L. na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 242.550 €, con data do 25.10.2017 e número de rexistro 1060/2017, para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Gasalla.

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución

1. O 25.10.2017 Green Capital Power, S.L. depositou unha garantía económica por importe de 242.550 € e número de rexistro 1060/2017, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Gasalla.

2. O 26.10.2017 Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a aprobación do proxecto sectorial, para o parque eólico Gasalla, nos concellos de Mesía e Frades, na provincia da Coruña, achegando xunto coa solicitude a documentación técnica correspondente e o resgardo da garantía económica para o cumprimento do establecido no artigo 59.bis do Real decreto 1955/2000.

3. O 26.1.2018, notificóuselle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, a Lei 8/2009). O 7.2.2018, achegaron o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

4. O 18.2.2020 Green Capital Power, S.L. desistiu da súa solicitude de declaración de utilidade pública para o parque eólico Gasalla.

5. O 29.7.2021, Green Capital Power, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) para unha modificación substancial do parque eólico, ao abeiro do disposto na Lei 8/2009. O 25.3.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á empresa promotora o cumprimento de requisitos da solicitude de modificación mencionada.

6. Por Acordo do 6 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Gasalla, nos concellos de Mesía e Frades (expediente IN408A 2017/026). O dito acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 177, do 16 de setembro.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Frades, Concello de Mesía, Retegal, S.A., Retevisión, Dirección General de Telecomunicaciones y Ordenación de los Servicios de Comunicación Audiovisual, Unión Distribuidores Electricidad, S.A. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Subdirección Xeral de Residuos e do Concello de Mesía.

O 23.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto do parque eólico Gasalla, que a fixo pública por Anuncio do 23 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro).

9. O 4.7.2023 esta dirección xeral notificoulle ao promotor o Acordo polo que se inician do procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa, de autorización administrativa de construción e de aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Gasalla, abrindo o trámite de audiencia do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. O 16.10.2023 Green Capital Power, S.L. achegou escrito no que manifesta que o 4.7.2023 se lle notificou o acordo de inicio do procedemento de arquivo do expediente do parque eólico Gasalla, no cal se recollía, entre outras cuestións, o inicio do procedemento de devolución da garantía depositada o 25.10.2017 para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico, polo que solicita que se impulse a devolución da dita garantía.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais