DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2024 Páx. 15691

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 13 de febreiro de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, para os anos 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212B).

BDNS (Identif.): 745087.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas para a continuidade do funcionamento das casas do maior as persoas físicas que se estableceron como empresarias autónomas ou que constituíron cooperativas de traballo asociado que, durante os anos 2019, 2021 e 2022, puxeron en marcha unha casa do maior.

Segundo. Obxecto e finalidade

Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e proceder á convocatoria de subvencións destinadas para os anos 2024 e 2025 a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado para a continuidade e mantemento das casas do maior postas en marcha nos anos 2019, 2021 e 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 13 de febreiro 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, para os anos 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212B).

Cuarto. Tipos de axudas e contías

A axuda polo mantemento da casa do maior consistirá nunha achega económica de 24.200 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora, que se liquidará nos termos previstos no artigo 20.

Adicionalmente, no caso de que as persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado promotoras como beneficiarias das axudas desta orde optasen por asumir o desprazamento das persoas usuarias poderán, percibir un máximo de 10 euros por persoa usuaria e día. Para estes efectos, a persoa beneficiaria da axuda deberá acreditar o número de persoas usuarias deste servizo mediante a cobertura do anexo V.

Quinto. Financiamento

A contía total máxima destinada ás axudas reguladas na presente orde é de 7.550.400 euros, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

2024

2025

Importe total

11.05.312E.470.0

3.775.200,00 €

3.775.200,00 €

7.550.400 €

A partida 11.05.312E.470.0 destinarase ao financiamento destas axudas.

De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude